III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 17 de diciembre de 2017

Machismo posmoderno



Mar Carballo Cela

No ano 1979 Lyotard publica “A condición posmoderna”, anunciando un cambio de época. As pretensións da modernidade, herdeiras da racionalidade ilustrada e a súa idea de progreso, danse por fracasadas ó considerar que non aportan solucións axeitadas ás novas circunstancias sociais. A heteroxeneidade das novas sociedades require afrontar os problemas dende unha óptica máis relativista, deixando a un lado o que o autor define como “macrorrelatos” ou “metarrelatos”: discursos  ideolóxicos alternativos para a realización de ideais políticos, sociais ou económicos de emancipación universal que, ó seu parecer, acabaron caendo en actitudes totalitarias. Non faltaron voces contrarias, como a de Habermas, que saíron na defensa daquel proxecto moderno ó que non consideraban errado, senón inacabado, e que trouxera grandes avances sociais de recoñecemento de dereitos a todos os niveis.
En consonancia con esta nova interpretación posmoderna, foron xurdindo actitudes críticas ante certos logros da modernidade. É o caso do cuestionamento do feminismo clásico, que xa se vén identificando co nome de “posmachismo” por coincidir, precisamente, co contexto social, político e cultural da posmodernidade.
Miguel Lorente Acosta, no capítulo “La posmodernidad y la condición posmachista” do seu libro “Los nuevos hombres nuevos” (Destino, 2009), describe esta actitude como reaccionaria ante os avances conseguidos en materia de igualdade: é unha nova forma que adopta o machismo para perpetuarse e que nada cambie, pero sen unha oposición frontal e aberta, senón sutil e camuflada. Entre os seus postulados podemos atopar os seguintes:
1.         Terxiversar o significado da palabra “feminismo” opoñéndoa a “machismo”, e declararse partidarios dunha suposta neutralidade (nin machistas, nin feministas), afirmando sentirse atacados en tanto que homes, sen entender que o feminismo combate un estilo de vida, unha cultura, un modelo de home e de muller. Ser neutral, neste caso, significa ser indiferente ante a inxustiza: alguén se declararía neutral ante a escravitude?
2.         Minimizar a violencia de xénero: “Hai denuncias falsas”, “os homes tamén somos vítimas, pero non se denuncia ou ocúltanse datos”, cando hai evidencias estatísticas da falsidade destas afirmacións. Neste sentido cabe destacar que ningunha lei, máis que a de Violencia de Xénero, é cuestionada polo risco de denuncia falsa. Tamén é frecuente atribuír este tipo de violencia a circunstancias persoais, como o alcoholismo, os celos ou a pobreza, e non a motivacións de carácter cultural. Estamos vendo que, en ocasións, tamén se busca culpabilizar de maneira indirecta ás vítimas de violación: se estaban baixo os efectos das drogas, como ían vestidas, se se resistiron o suficiente, etc.
3.         Asociar a palabra feminismo a sucesos históricos tan deplorables como foi o nazismo: “feminazis”.
4.         Burlarse da linguaxe inclusiva. Poderase discrepar de como resolver os abusos da linguaxe, pero non é adecuado restarlle importancia á discriminación da que tamén fomos vítimas naquilo que tan profundamente nos fere a alma: as palabras.
Do que se trata, en definitiva, é de sementar dúbidas, de confundir para desacreditar, de querer que todo siga igual. Son actitudes que, ó carecer dun sustento ideolóxico solvente, dun argumentario sólido e coherente en contra do feminismo, redúcense a criticar as accións levadas a cabo en prol da igualdade. Poderase non estar de acordo con algunha destas accións, pero isto non invalida, en ningún caso, os principios que defenden.
Certamente, foron moitos séculos de patriarcado no que homes e mulleres nos educamos, e que conserva raíces profundas que custará desarraigar. A desorientación acompaña a todo proceso de cambio, pero a única opción para saír dela é a formación. Non podemos pretender espertar á comprensión profunda deste complexo e transcendente fenómeno social no que estamos inmersos, sen un esforzo persoal de análise e estudo que toda manifestación cultural require. Grande parte do problema reside, precisamente, nesta falta de interese, que relega este tema a unha posición marxinal por parte dun sector da poboación masculina, pensando que a mera intuición é suficiente para desentrañar o problema. A miúdo esta carencia é a culpable de que se sentan, segundo eles, excesivamente cuestionados, e declaren que sobre esta cuestión non se pode dicir nada sen ser increpados por unha “feminista radical” que analiza en exceso as súas palabras.
Non se pretende culpabilizar a ninguén dunha situación herdada, pero si se espera que se asuma a responsabilidade de non perpetuala.

Publicado no Progreso o 16-12-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario