III Foro "Lugh Augusti"

martes, 11 de septiembre de 2018

Unha vida esperando


Gonzalo Pérez López

Cando navegamos pola idade na que a percepción errónea do paso do tempo deforma a cuantificación do tempo real, a reflexión sobre o que supuxo o que deixamos atrás parece atopar fácil acomodo. Apremados polo tópico tempus fugit virxiliano, a pouco que nos abandonemos en brazos da tentadora melancolía, acaba por converterse nun tema recorrente, máis tendente á lamentación ca análise.
Con independencia do estado de ánimo ó que nos leve esta cavilación, parece indiscutible que a nosa vida, expresada en termos de tempo vivido, é unha secuencia reiterada, sen límites precisos, entre esperar e desesperar. Que isto provoca angustia  parece  incuestionable. Non se trata dunha pose existencialista, tan deostada hoxe por asociala coa debilidade na sociedade dos fortes, senón da toma de conciencia dunha  persoa que, ante a imposibilidade de modificar esa realidade, pretenda escapar do compracente autoengano.
O caso é que a nosa vida acontece nunha ilimitada sala de espera. Esperamos, por exemplo, unha chamada, un tren, un resultado, o cese da dor, un desenlace burocrático ou un traballo digno,  pero tamén esperamos o éxito social, un amor idealizado, un mundo xusto, a morte ou unha resposta imposible para algunha das preguntas que nos corroen como humanos. Cada forma de espera ten matices físicos e psicosociais diferentes.
Con bastante frecuencia a espera resulta estéril e provoca en nós unha desesperación que o único que aporta é  material abondo para  escribir acotío a historia persoal de soños e desexos incumpridos, amplificados cando se escribe a historia da humanidade. O malestar que nos causa acaba por roubarnos presente e futuro.
Reincidimos no paso fugaz do desexable ao frustrante (por imposible) e convertemos as lembranzas  nun refuxio para deformar o que nin chegou á categoría de vivencia, pero, ó non ser capaces  de lograr a obxectividade analítica necesaria para extraer unha lección práctica para o presente, insistimos  nesa secuencia que parece irremediable.
Reducir esta problemática ó ámbito do individual ou do introspectivo sería un erro considerable de apreciación dada a evidente correlación que ten co modelo de sociedade imposto polo capitalismo triunfante. Este, como en outras circunstancias, é capaz de extraer beneficio ata das propias contradicións que provoca, aínda que conceptualmente parezan insalvables. Vexamos.
O poder establecido pode reducir ó mínimo os tempos de espera a través do desenvolvemento técnico ou enchelos artificialmente como negocio porque, en calquera caso, o tempo ten un elevado valor de mercado do que apropiarse. Por iso impón unha dinámica frenética, obrigándonos a romper os ciclos da natureza e o noso propio ritmo, transmitindo a idea de que vivir con estrés é o xeito de situarse na modernidade. Crea necesidades de toda índole, consumismo compulsivo incluído, cuxa insatisfacción provoca urxencias que presiden todos os actos da nosa vida.
Vivimos, entón, nun estado de emerxencia xeneralizada, difícil de compatibilizar coas continuas esperas e dilacións do éxito ás que estamos sometidos sen que provoquen un estoupido persoal e social. Pero o sistema dominante dispón dun variado repertorio para esvaecer os efectos da desfeita que el mesmo provoca.
Así, unha manifestación do poder é tamén a capacidade para controlar os nosos tempos, esperas incluídas, impoñernos os ritmos que lle conveñen e conseguir que aceptemos con resignación a espera ou a posposición indefinida dese éxito que previamente convertera no noso leitmotiv. Ademais, sen renunciar á maridaxe de comenencia urdida ó longo da historia co poder relixioso, o poder económico é capaz hoxe de transformar por si mesmo a espera en esperanza, fundamental para potenciar o conformismo e a aceptación do statu quo. Así, mentres a espera ten unha expresión material e medible no tempo, a esperanza, tinguida ou non de matiz relixioso,  é a quintaesencia da espera aprazada indefinidamente a cambio dalgunha satisfacción compensatoria, sempre ilusoria e difusa.
A consecuencia inexorable é que, a pesar do noso potencial para someter a realidade a unha análise crítica rigorosa, hoxe, como na metáfora de Beckett, aínda seguimos aferrándonos ó absurdo de esperar  a Godot inutilmente.

Publicado no Progreso o 8-9-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario