Mar Carballo Cela
Cristina de Pizán (1364-1430) foi a primeira muller, da que temos
constancia, que se enfrontou publicamente a través dos seus escritos a toda
unha corrente literaria misóxina, que reproducía a imaxe patriarcal da muller
como un ser por natureza inferior e de índole moral degradada. Herdeira da
visión que Aristóteles trasladara do sexo feminino nos seus escritos, esta
tradición caracterizábao como proclive á mentira e ó vicio, que a través de tretas
varias arrastraba ós homes a condutas reprobables. Aristóteles era toda unha
autoridade na Idade Media, sendo as súas obras referente indiscutible para
moitas cuestións da época.
Esta imaxe da muller, reforzada polo cristianismo, aparecía nas obras literarias
medievais de maneira xeneralizada e, en concreto, foi un poema amoroso (“Roman
de la Rose”), de gran sona, o que serviu de detonante para que de Pizán
decidira escribir a súa réplica: “A cidade das damas”. Nela argumentaba que só
a ausencia de educación, e non a súa natureza, mantiña ás mulleres nunha
posición subordinada. A obra de de Pizán inicia o que se deu en chamar a
“querela das mulleres”: unha disputa intelectual na que partidarios e
detractores dos dereitos femininos se enfrontaron a través de escritos diversos
ata o século XVIII.
Debemos preguntarnos se esta cosmovisión humana, presente ó longo de tantos
séculos, se pode dar hoxe por erradicada. Coido que moito temos aínda que falar
sobre os estereotipos de xénero na literatura e, sobre todo, nos medios
audiovisuais. Relatos de ficción que, como di Pilar Aguilar, son fonte de
realidade ó trasladar patróns de conduta a través do comportamento dos seus
protagonistas. Os ecos daquela literatura antiga e medieval seguen resoando no
noso inconsciente colectivo, construíndo a nosa identidade. Espellos
distorsionados nos que aínda nos seguimos mirando e que teñen graves
consecuencias na nosa vida cotiá: acaso non se cuestiona ás vítimas de agresión
sexual incluso a través de preguntas tendenciosas na mesma sala de xuízos? Non
se cuestiona tamén a Lei de Violencia de Xénero pola posibilidade de denuncias
falsas, algo que non sucede con ningunha outra lei? Cantas veces oímos que as
mulleres, cando somos malas, sómolo máis que os homes?...Tentadoras e mentireiras,
seguimos sendo xulgadas pola atenta mirada masculina que pon nome a todas as
cousas desde a súa “natural autoridade”.
Ó principio foron Pandora e Eva, desobedientes, sedutoras e enganadoras:
dous símbolos da nosa tradición cultural que nos convenceron de que foi a
muller a que introduciu o mal no mundo. Agora son as súas fillas, eternas
personaxes secundarias de renovados mitos, amantes de novos heroes, as que se
asoman desde as páxinas dos libros e as pantallas da televisión e dos cines
para recordarnos que todo debe seguir igual. Os libros din que nada relevante
fixemos na historia; os anuncios televisivos, que a credibilidade ten voz
masculina e que o noso valor fundamental reside na sexualidade e a beleza
externa; e as películas, que as aventuras e desventuras amorosas son o eixe
central da nosa vida, acompañando ó protagonista como fonte de pracer e
distracción.
Cristina de Pizán deixou, por cansazo, a súa réplica epistolar con autores
contemporáneos sobre este tema. Gustaríame poder dicirlle que, seiscentos anos
despois, a querela continúa.
Publicado no Progreso o 15-12-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario