Xosé Ramón Cando Vázquez
O pasado 5 deste mes cumpriría Karl Marx, de seguir vivo,
201 anos, sen ter acadado aínda o status de pensador básico e polo tanto
clásico da nosa cultura ou, empregando o seu léxico, da estrutura ideolóxica
actual. Non se pode falar de que exista descoñecemento da figura como podería
ser o caso de Schopenhauer, Kierkegaard ou Wittgenstein, filósofos que non
acadaron a publicidade da que gozou e goza Marx, non obstante dita publicidade
ten mais que ver coa propaganda, tanto favorable pola banda dos seus discípulos
como desfavorable pola banda dos seus detractores ideolóxicos que, en xeral,
teñen transmitido interpretacións interesadas e daquela pouco fieis ao seu
pensamento filosófico.
A ortodoxia marxista transmite a idea dun
pensador-profeta, un home providencialmente inspirado que arrincou das tripas
da historia as leis que a rexen e que, adiviñando o futuro, estableceu a folla
de ruta que o ha converter en presente. Non hai mais que lembrar as bandeiras
vermellas nas que os rostros de Marx, Engels e Lenin (santísima trinidade atea)
guían ás masas cara o paraíso. De xeito semellante, inda que oposto, a
ideoloxía mercantil-capitalista fixo de Marx a representación do mal absoluto e
construíu un personaxe co que asustar aos nenos pero tamén co que disuadir ao
mundo do traballo dunha posible redención atea, aquí na terra. Lémbrese o
legado de Felipe González canto á desaparición do termo “marxista” da
definición do PSOE, que sería imitado por outros partidos autoproclamados socialistas,
incluído o Labour Party británico.
HOWARD ZINN escribiu en 1.999 unha obra dramática “Marx
no Soho”, monólogo no que o propio Marx relata a súa vida aproveitando un
permiso dunha hora que lle conceden no alén e no que comenta, tamén, diversos
feitos ocorridos dende o seu pasamento. Comeza afirmando que non é marxista,
facendo así referencia á ortodoxia antes mencionada e completa esta afirmación
mencionando a súa pública oposición á pena de morte, circunstancia que parece
distancialo das interpretacións nas que, historicamente, serve como
xustificación de reiteradas masacres. O mesmo título conten un xogo verbal no
que Soho nomea o barrio de Nova Iork no que transcorre a representación e ao
mesmo tempo ao barrio de Londres no que morou coa súa familia na derradeira
etapa da súa vida.
O Marx de Zinn fala apaixonadamente da revolución da
Comuna de París á que cualifica como exemplo do que el entende por ditadura do
proletariado na que, contra a imaxe autoritaria e mesmo tétrica que se ten
estendido como consecuencia da mencionadas interpretacións (presuntamente)
ortodoxas desa fase socialista da revolución, el relata a alegría que se viviu
en París nesas datas, a solidariedade coa que se producía a cidadanía e a humanidade do movemento revolucionario
que se expresou, por exemplo, na supresión da guillotina. Menciona igualmente a
crueldade coa que actuou o exército ao servizo da burguesía francesa, referindo
as ducias de miles de fusilamentos que
tiveron lugar no cemiterio Pere Lachaise para escarmento dos revolucionarios e
como ameaza ante posibles mobilizacións semellantes no futuro.
Zinn humaniza a Marx que dedica a maior parte do tempo a
falar da súa familia, das estreiteces económicas, mesmo da miseria, na que se
desenvolvía a vida do filósofo. Fala das súas fillas vivas pero tamén do
prematuro falecemento de varios dos seus fillos. Pronúnciase en termos
eloxiosos para a súa dona, retrata a un Bakunin excesivo e a Engels, a súa
axuda, e o escaso sentido práctico que
mostra dende a abundancia da súa privilexiada posición económica. En todo este
percorrido non deixa de facer referencia á actualidade da alienación e da súa
crítica da economía, para rematar, de xeito pouco marxista, ignorando as leis
do materialismo histórico para manifestarse a prol do establecemento de
condicións de vida que permitan a supervivencia do conxunto da humanidade.
Esta obra, ao alcance de calquera a través de internet,
ten o humor como adubo permanente (mesmo humor cervantino), circunstancia que a
dota como recurso didáctico pero tamén como ferramenta de aproximación a Marx
para as persoas as que lles da preguiza empezar coa lectura dos seus textos e
que queren saír do “dobre vínculo” (Watzlawick dixit) ao que se facía
referencia (Marx profeta redentor vs. Marx anxo exterminador) sen renunciar a
este símbolo cultural e, no seu caso, sen desperdiciar as ferramentas de
achegamento á realidade que este filósofo nos propón e ás que, probablemente,
irán accedendo. Lémbrese, a este respecto, que non parece que teñamos producido
moitos aveños útiles para algunhas tarefas que semellan urxentes na nosa vida
como a análise da sociedade capitalista, dende que Marx nos deixou.
Publicado no Progreso o 18-5-2019