III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 17 de junio de 2019

Sobre a excelencia científica


Mar Carballo Cela

Os límites do meu corpo son os límites do meu mundo, porque nada podo pensar nin nomear sen telo antes experimentado. E é a través destas experiencias corpóreas que construímos as metáforas, os modelos, que nos serven para coñecer e comunicar as características do que conviñemos en chamar realidade, esquecendo que esas características teñen moito máis de nós mesmos do que pensamos. Sentimos nos nosos músculos o que é ir dereitos ó obxectivo, vemos cos nosos ollos se alguén vai recto, e esta experiencia cinestésica e visual subxectiva forma na nosa mente o concepto de liña recta, ó que nos aferramos como se fose algo obxectivamente descritivo do mundo, e a metáfora da rectitude invade a concepción de canto nos rodea (E. Lizcano, “Metáforas que nos piensan”, 2006). O mesmo sucede coa división da realidade en partículas elementais, derivada da nosa percepción fragmentada do mundo conformado por obxectos separados, non sendo esta máis que a nosa maneira de ver e sentir. E aritmeticamente contamos sobre dez porque eses son os dedos das nosas mans. En definitiva, creamos metáforas para pensar na realidade ás que lles atribuímos vida propia nun particular e obxectivo mundo das ideas, e logo chamámoslle ciencia, como bos herdeiros da “episteme” de Platón, esquecendo, como afirmaba Nietzsche, que esta é sempre humana, demasiado humana.
Esta e outras reflexións deberían ser o punto de partida ó iniciármonos na aprendizaxe do coñecemento científico, pois antes de utilizar calquera instrumento é importante saber en que consiste para facer un uso consciente del; e cando un alumno se prepara para aprender calquera disciplina científica deberíaselle advertir: “ímosche ensinar a manipular a realidade e a coñecerte mellor a ti mesmo, nisto consiste a grandeza da ciencia. Da verdade do mundo pouco che podemos revelar”; pero raramente sucede isto e moi a miúdo, como di Umberto Galimberti, “o que move á ciencia non é a vontade de saber, senón a vontade de dominar”. Será por iso que a institución académica se sitúa ben lonxe deste enfoque, adoutrinando nun cientifismo inxenuo, fonte de verdade absoluta e carente da humildade necesaria para manexar con bo criterio este importante coñecemento e poñelo ó servizo dun mundo mellor, coa plena conciencia do lugar que ocupamos nel.
Esta habitual maneira de ensinar ciencia está levando a un adestramento crecente ó servizo de intereses económicos e políticos que buscan inocular o desexo de inventar e descubrir por pura vaidade, fama e afán de lucro, actitude absolutamente perfecta para abastecer a voracidade dos mercados. E non se me ocorre outro motivo máis poderoso para que no bacharelato da nosa comunidade se institúa a excelencia unicamente na modalidade de ciencias e tecnoloxía e non na de humanidades, STEMbach (pasando xa por alto o absurdo e medieval desta división): será que só queremos tecnócratas para o sistema, pero non humanistas que o cuestionen? Parece que reflexionar, investigar e buscar solucións ós urxentes problemas políticos, sociais, ambientais e económicos ós que nos enfrontamos non acada a categoría de excelente; pero, curiosamente, si é requisito imprescindible para tal efecto saber manexar ferramentas tecnolóxicas, xa que o citado STEMbach (Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía) aparece integrado como un “eixe de actuación” dun plan progresivo de dixitalización dos centros educativos (Estratexia Galega para a Educación Dixital 2020).
Nos tempos que corren, como di o filósofo da ciencia Nicholas Maxwell, a ciencia aumenta a potencia de coñecemento e tecnoloxía da humanidade, pero debido a unha “neurose racionalista” non aumenta a súa sabedoría. E a ciencia sen sabedoría supón, precisamente, a maior crise actual. Por iso insta de maneira urxente a liberar á ciencia e ós seus estudosos desta neurose que nos leva a parecer saber que o noso obxectivo é un mundo máis civilizado, mentres as nosas institucións están deseñadas para facer moi pouco por conseguilo.

Publicado no Progreso o 15-6-2019

lunes, 3 de junio de 2019

O deber de respectar a lingua


Mar Carballo Cela


Que gran poder teñen as palabras! As palabras non son as cousas; pero, quen non se ergueu a carón dun verso librando algunha batalla nun momento de desconsolo? Ou, quen non rescatou algún nome da memoria buscando patria para sentirse preto dos seus? Porque os nomes son a patria á que sempre podemos volver. Unha pódese sentir allea, estranxeira, sen necesidade de deixar o territorio; e ese, precisamente, é o sentimento que ás veces se provoca a través da lingua, impedindo ou menosprezando o seu uso. A lingua utilízase como un forte distintivo de poder e prestixio, asignándolle a cada un o seu lugar, e así se nos fixo saber a moitos falantes ó longo da historia. Os galegos sabémolo ben.
Na súa Tese de Doutoramento, “A lingua no Parlamento de Galicia” (2015), o profesor de Lingua Galega Xosé Luís Vázquez Somoza analizou a situación do noso idioma nas últimas décadas, e as conclusións de cara ó futuro non son nada alentadoras; e neste mesmo xornal, o pasado 25 de maio, M. A. Fernán Vello anunciaba, de seguir así, a morte do galego en medio século. A pesar do marco legal que favorece o seu uso, o galego perde falantes, e isto vén motivado, fundamentalmente, polo feito de que está deixando de ser  utilizado na intimidade familiar e cotiá -onde se atopa a auténtica cadea de transmisión- coa tendencia a sobrevivir ocasionalmente no que se deu en chamar o “uso litúrxico”, ou sexa, en acontecementos e circunstancias especiais, como un discurso político ou unha clase nun centro educativo.
Pero isto non é todo, X. L. Vázquez Somoza, na súa análise sociolingüística,  advirte que o galego supervivente está mudando a un novo tipo urbano, un “galego culto desgaleguizado” (en palabras de Miruca Parga Valiña), contaxiado por certas formas fonéticas e sintácticas do castelán, que non sería raro que acabaran cristalizando como norma co paso do tempo, perdéndose así as orixinais propias do rural, verdadeiro nicho de conservación e transmisión da nosa lingua durante séculos (un exemplo sería a colocación errónea dos pronomes ou pronunciar a conxunción “e” como “i” ante consoante). Curiosamente, moitos falantes do que podemos considerar o galego auténtico están copiando estas expresións das clases altas urbanas, por estaren asociadas a un maior  prestixio, e asumíndoas como modelo. Pódenos parecer un pequeno matiz irrelevante, pero o significado que encerra ten un alcance nada desprezable: o poder segue marcando a diferenza, agora dentro do propio galego… Novas diglosias para novos tempos, ou o que tecnicamente se podería considerar unha endodiglosia, co cal seguimos asistindo á valoración do idioma en función da clase social e impedindo así a súa conservación e coidado.
Os dereitos teñen a súa simetría nos deberes e, se ben temos o dereito de usar a nosa lingua, tamén temos a obriga de coidala e respectala, porque facéndoo respectamos e valoramos a aqueles que nola legaron. Foi esta simetría a que levou a elaborar a “Carta Universal dos Deberes e Obrigas das Persoas” (Cidade de México, novembro de 2017), inspirada na correspondente suxestión que Saramago propuxo no seu discurso do Premio Nobel de Literatura no ano 1998. O artigo 11.1 desta Carta fai referencia á “obriga de respectar e esixir respecto á cultura e linguas propias e alleas, así como á memoria colectiva dos pobos e o seu patrimonio cultural material e inmaterial e de transmitir ese patrimonio común ás xeracións futuras”. Tamén recordou Saramago, nun fermoso texto de aceptación do devandito premio, as historias que lle contaba o seu avó, un home que non sabía ler nin escribir, pero que “era capaz de poñer o universo en movemento apenas con dúas palabras”. Que gran poder teñen as palabras!... A todos nos conmove  nalgún momento da vida repetir as expresións dos que nos quixeron e nos deixaron ese patrimonio que ninguén nos pode arrebatar: a súa voz na nosa memoria. Deámoslles o valor que merecen.  

Publicado no Progreso o 1-6-2019