Mar Carballo Cela
Os límites do meu corpo son os límites do meu mundo, porque nada podo
pensar nin nomear sen telo antes experimentado. E é a través destas
experiencias corpóreas que construímos as metáforas, os modelos, que nos serven
para coñecer e comunicar as características do que conviñemos en chamar
realidade, esquecendo que esas características teñen moito máis de nós mesmos
do que pensamos. Sentimos nos nosos músculos o que é ir dereitos ó obxectivo,
vemos cos nosos ollos se alguén vai recto, e esta experiencia cinestésica e
visual subxectiva forma na nosa mente o concepto de liña recta, ó que nos
aferramos como se fose algo obxectivamente descritivo do mundo, e a metáfora da
rectitude invade a concepción de canto nos rodea (E. Lizcano, “Metáforas que
nos piensan”, 2006). O mesmo sucede coa división da realidade en partículas
elementais, derivada da nosa percepción fragmentada do mundo conformado por
obxectos separados, non sendo esta máis que a nosa maneira de ver e sentir. E
aritmeticamente contamos sobre dez porque eses son os dedos das nosas mans. En
definitiva, creamos metáforas para pensar na realidade ás que lles atribuímos
vida propia nun particular e obxectivo mundo das ideas, e logo chamámoslle
ciencia, como bos herdeiros da “episteme” de Platón, esquecendo, como afirmaba
Nietzsche, que esta é sempre humana, demasiado humana.
Esta e outras reflexións deberían ser o punto de partida ó iniciármonos na
aprendizaxe do coñecemento científico, pois antes de utilizar calquera
instrumento é importante saber en que consiste para facer un uso consciente
del; e cando un alumno se prepara para aprender calquera disciplina científica
deberíaselle advertir: “ímosche ensinar a manipular a realidade e a coñecerte
mellor a ti mesmo, nisto consiste a grandeza da ciencia. Da verdade do mundo
pouco che podemos revelar”; pero raramente sucede isto e moi a miúdo, como di
Umberto Galimberti, “o que move á ciencia non é a vontade de saber, senón a
vontade de dominar”. Será por iso que a institución académica se sitúa ben
lonxe deste enfoque, adoutrinando nun cientifismo inxenuo, fonte de verdade
absoluta e carente da humildade necesaria para manexar con bo criterio este
importante coñecemento e poñelo ó servizo dun mundo mellor, coa plena
conciencia do lugar que ocupamos nel.
Esta habitual maneira de ensinar ciencia está levando a un adestramento
crecente ó servizo de intereses económicos e políticos que buscan inocular o
desexo de inventar e descubrir por pura vaidade, fama e afán de lucro, actitude
absolutamente perfecta para abastecer a voracidade dos mercados. E non se me
ocorre outro motivo máis poderoso para que no bacharelato da nosa comunidade se
institúa a excelencia unicamente na modalidade de ciencias e tecnoloxía e non
na de humanidades, STEMbach (pasando xa por alto o absurdo e medieval desta
división): será que só queremos tecnócratas para o sistema, pero non humanistas
que o cuestionen? Parece que reflexionar, investigar e buscar solucións ós
urxentes problemas políticos, sociais, ambientais e económicos ós que nos
enfrontamos non acada a categoría de excelente; pero, curiosamente, si é
requisito imprescindible para tal efecto saber manexar ferramentas
tecnolóxicas, xa que o citado STEMbach (Bacharelato de excelencia en Ciencias e
Tecnoloxía) aparece integrado como un “eixe de actuación” dun plan progresivo
de dixitalización dos centros educativos (Estratexia Galega para a Educación
Dixital 2020).
Nos tempos que corren, como di o filósofo da ciencia Nicholas Maxwell, a
ciencia aumenta a potencia de coñecemento e tecnoloxía da humanidade, pero
debido a unha “neurose racionalista” non aumenta a súa sabedoría. E a ciencia
sen sabedoría supón, precisamente, a maior crise actual. Por iso insta de
maneira urxente a liberar á ciencia e ós seus estudosos desta neurose que nos
leva a parecer saber que o noso obxectivo é un mundo máis civilizado, mentres
as nosas institucións están deseñadas para facer moi pouco por conseguilo.
Publicado no Progreso o 15-6-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario