III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 22 de julio de 2019

Ética e bolboretas


José Domingo de Prada

O matemático e meteorólogo Edward Norton Lorenz deu unha conferencia no MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) en 1972 co seguinte título: “Predicibilidade, pode o bater de ás dunha bolboreta en Brasil xerar un tornado en Texas?”. Gardouse moito de dar unha resposta, e menos afirmativa, pero deixou para a historia da ciencia unha das formulacións máis poéticas da mesma que posteriormente sería recollida pola teoría do caos e que estrutura a súa principal tese na seguinte afirmación: cando nun sistema se introducen pequenos cambios, por imperceptibles que sexan na súa orixe, a evolución dese sistema a medio ou longo prazo, se se dan certas condicións físicas concretas, poden chegar a xerar situacións completamente diferentes das esperadas nun primeiro momento, e ademais, dificilmente explicables por aquela mínima alteración das condicións iniciais.
É certo que tanto nas ecuacións de Lorenz como na teoría física do caos se traballa en ámbitos deterministas nos que a realidade está regulada por leis causais -fixas e inalterables-, de tal forma que ningún fenómeno pode escapar a elas. Así, a teoría define que certos cambios absolutamente insignificantes nun primeiro momento darán lugar, co paso do tempo, a situacións completamente diferentes entre si polo incremento constante, e en moitos casos exponencial, desas mínimas desigualdades  iniciais.
Na teoría do caos defínense tamén o que se denominan atraentes, que poden ser de distinto tipo e que actúan como valores aos que tende a evolución dun sistema complexo e dinámico desde condicións iniciais diferentes. Pequenas perturbacións desas condicións permitirán que se manteña a forza deses atraentes; só cando aparecen elementos moi dispares ráchase coa tendencia iniciada polos mesmos.
Pódense atopar certos paralelismos entre a teoría física do caos e a teoría ética (tamén do caos?) e quizais, algunha evidente diferencia. Para empezar, eses pequenos cambios imperceptibles que se dan en nós son os actos que imos realizando ao longo da vida, eses pequenos actos cotiás sen importancia que despois imos reiterando porque actúan sobre eles diversos atraentes: desde o agrado á aprobación social, desde a alegría á satisfacción persoal, ou calquera outro motivo que nos leve a realizar ou evitar algo acabarán configurando, como o bater de ás da bolboreta, o noso primeiro carácter moral.
Non nos iniciamos na actuación moral con teóricas reflexións éticas, senón respondendo a imperceptibles situacións nas que imos decidindo que solución ínfima damos a ínfimos problemas. A reiteración desas solucións, o autoconvencemento de que son as mellores posibles (atraente de atraentes ou como Lorenz os denomina atraentes estraños ou caóticos) farán que as repitamos, e que así, a través deses actos, desas respostas ante un mundo complexo e dinámico por parte de sistemas tamén complexos e dinámicos (e nós somos ambas cousas) acabe configurándose un determinado carácter moral, que daría paso despois á conciencia moral (non veñen sendo estas as condicións físicas concretas que pide a teoría?).
Xa Aristóteles definiu a virtude coma un hábito que se adquire a través da práctica, pero ao fin, un hábito non é máis ca unha repetición de actos. Así, condicións mínimas, insignificantes nunha orixe vanse convertendo, pouco a pouco, en actuacións repetidas que van precipitando unha conciencia moral. O bater de ás vaise transformando en pequena brisa e, se se manteñen as forzas dos atraentes que inflúen sobre eses primeiros actos, acabarán convertendo a brisa en tornado. A ese tornado denomínaselle autonomía ética -actuación reflexiva e consciente dun ser humano- e, se se consegue, faise unicamente cando tras o paso do tempo se repiten certas actuacións que propician ese salto, polo demais dificilmente explicable, pois non responde só as condicións iniciais, senón que require a superposición doutros elementos que a modo de atraentes o vaian agrandando pouco a pouco. Retomando a terminoloxía aristotélica requiriría da ‘phrónesis’ (prudencia), coa que o individuo que a vai adquirindo vai resolvendo aquelas cuestións as que se ten que enfrontar, desde as máis nimias ás máis transcendentes.
Quédanos por advertir unha diferencia entre a teoría física e a ética. Se na física as leis que rexen o paso do bater de ás ao tornado son ríxidas e inflexibles, descritas matematicamente, no ámbito ético non o son; se alí os atraentes actúan de forma causal e necesaria, no ámbito ético son fortuítos e desiguais e non teñen unha forza constante que exercer sobre os suxeitos humanos. Isto é o que separa ambas consideracións e oco polo que moitos autores introducen a liberdade humana. Pero ao igual que se advirte da diferencia débese advertir tamén de como algúns autores deterministas como os matemáticos Laplace ou Poincaré non estarían de acordo con ela e reducen o que denominamos liberdade ao azar ou a mero descoñecemento.
O dilema segue presente, as nosas decisións son resultado de accións e experiencias previas minimamente significativas ou pola contra temos unha ampla capacidade de control sobre elas que definimos como liberdade? De ser isto último, ata onde chega esta liberdade ou que condicionamentos ten? porque igual que rexeitamos que carecemos de liberdade, tamén rexeitamos que a teñamos en modo absoluto. E a ética viaxa encadeada á liberdade: tan fráxil e tan potente como as ás das bolboretas.

Publicado no Progreso o 20-7-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario