III Foro "Lugh Augusti"

miércoles, 11 de marzo de 2020

Diego Reina


Xosé Ramón Cando Vázquez


Diego Reina, profesor de instituto de Murcia, é o primeiro obxector de conciencia (coñecido) contra a censura parental relativa ás actividades complementarias. Este feito trasládanos a outros tempos e a outras circunstancias nas que a ausencia de democracia permitía a proclamación de leis contrarias aos dereitos humanos e polo tanto, en xustiza, obxectables. Sócrates non foi partidario do incumprimento da lei aínda que fose tan, manifestamente, inxusta como a súa condena a morte, cando tivo a oportunidade de fuxir e salvarse. Gandhi, en cambio, obxectou contra as leis racistas da Gran Bretaña, tanto en Suráfrica como, mais tarde na India. Rosa Parks obxectou contra das leis racistas dos Estados Unidos, defendendo a súa dignidade. Muhammad Alí obxectou contra a guerra de Vietnam e aceptou pena de cárcere.
A obxección de conciencia é unha das posibles reaccións contra a falla de respecto aos dereitos humanos, ou mais precisamente, contra a percepción de estar sendo privado dalgún deles, neste contexto, pode un estado democrático promulgar leis contrarias aos dereitos humanos? Constitucionalmente é imposible porque a norma fundamental de calquera país democrático proclama a Declaración Universal de Dereitos Humanos (DUDH) como referencia ineludible e inquebrantable. Se aceptamos que DEMOCRACIA=DEREITOS HUMANOS, a obxección de conciencia non sería, moral nin politicamente, admisible nun estado democrático. Conclusión, se existe obxección de conciencia lexítima, non hai democracia.
É lexítima a obxección de conciencia do profesor mencionado? Tratábase dunha charla dun catedrático de arte da universidade de Murcia sobre o artista Marcel Duchamp para a que, legalmente, precisaba o “nihil obstat” das familias, negándose a solicitalo e incumprindo, así, a lei. É razoable pensar que algún apercebemento ou sanción recaerá sobre o citado profesor por transgredir a lei, aínda que sexa co obxecto de ampliar o coñecemento do alumnado sobre ese aspecto concreto dos contidos educativos; contidos que, polo demais, son analizados, debatidos e aprobados nos órganos correspondentes de natureza democrática, debendo, xaora, estaren abertos á discusión a partir das novas achegas que poidan producirse.
Polo anterior cabe considerar lexítima a mencionada obxección de conciencia e polo tanto deficitario o funcionamento democrático do estado (comunidade autónoma) que constrúe un artefacto lexislativo tan pouco respectuoso coa DUDH que alimenta dita xustificada obxección. A este respecto sería interesante interrogarse verbo das condicións ou variables que vician o exercicio da democracia nesa comunidade, das que seguramente non está exento o conxunto do estado español nin o resto das democracias. En todo caso a análise non poderá ser moi concluínte e polo tanto a achega de conclusións deberá quedar no ar.
Pode funcionar adecuadamente un estado democrático no que importantes decisións son adoptadas por partidos políticos que non teñen natureza democrática? Que se entende por partidos políticos democráticos? No contexto deste traballo enténdese como partido político democrático aquel que asume, sinceramente, a defensa e aplicación dos trinta artigos que compoñen a DUDH. Non existiu ao longo da historia en ningún tempo e ningún lugar un código moral e político con tan amplo apoio como o que se recolle na mencionada Declaración, na que se establecen os principios de “ética mínima” e polo tanto lexislable que deben rexer en toda sociedade que aspire á xustiza e á equidade.
Esíxese aos partidos políticos defensa expresa dos DDHH? Esíxese a asunción deses dereitos como propios ata o punto de situalos por enriba de calquera outra consideración? Debe quedar esa esixencia, exclusivamente, en mans do voto da cidadanía ou debe existir un filtro legal que garanta que a representación política, en ningún caso obrará en poder de quen non estea comprometido, inequivocamente coa DUDH? Estas cuestións requiren unha reflexión acougada aínda que resultan bastante urxentes dado o nesgo que o tratamento dos DDHH está adquirindo no mundo desenvolvido no que, tradicionalmente, polo menos no aspecto formal, gozaban do apoio do conxunto da chamada “clase política” representativa. No que atinxe ao resto do planeta, no ámbito dos DDHH resulta imposible non botarse a chorar.
A obxección de conciencia do profesor Diego Reina é un feito que abre un oco para a esperanza porque sempre que, historicamente, se xeralizaron xestos semellantes constituíron un factor moi relevante para abater os muros da intransixencia, defensora a morte da súa base nutricia que non é outra que a ignorancia.

Publicado no Progreso o 7-3-2020

jueves, 5 de marzo de 2020

Realidades paralelas


José Domingo de Prada

A realidade, a pesar de ser dúctil, ten un elemento irredutible. Nós podemos moldeala, pero ela acaba impoñéndose de xeito obstinado. A reflexión sobre estes elementos constitúe un dos eixes das discusións filosóficas en calquera dos momentos históricos nos que decidamos pararnos a buscar. Na actualidade, como non podía ser menos, séguese a reflexionar sobre a mesma, e seguiremos -iso espero- sen ser capaces de darlle unha resposta pechada, pois pensar non é senón autorepresentarnos a realidade, cuestionala, e se tiveramos -como moitos queren impoñernos- unha resposta definitiva estariamos limitando -incluso anulando- a propia posibilidade de pensar.
Un filósofo que leva algún tempo acaparando moita atención, o alemán Markus Gabriel, propón unha relectura da realidade coa que pretende permitirnos entender o mundo actual. Salientarei deste autor un concepto que utiliza para analizar a relación que mantemos entre nós e coa realidade, o de ‘campo de sentido’. Con esta expresión designa o ámbito ou fragmento da realidade no que certos obxectos, feitos ou ideas acaban autorelacionándose e interactuando. O resultado desta interacción é a aparición dunha nova realidade.
A novidade que presenta este concepto é que recoñece que poden aparecer novas realidades como consecuencia das relacións entre realidades previas. Gabriel denomina a súa teoría ‘novo realismo’ e incide na aportación que supón esta aparición de realidades en cada ‘campo de sentido’. Evidentemente estas novas realidades non teñen porqué ser tales en campos distintos. A solución que propón o pensador alemán aporta un concepto no que se superpoñen uns mundos con outros e que coinciden en parte, aínda que noutros aspectos sexan diferentes. Tamén habería que matizar que a aparición de algo non presupón que sexa verdade, pois a ‘verdade’ é unha categoría diferente, que fai referencia a que efectivamente os obxectos aparezan nun determinado ‘campo de sentido’. Podemos xerar ideas falsas sobre a realidade simplemente, porque aparecen no noso ‘campo de sentido’.
O concepto de ‘campo de sentido’, traizoando unha parte do que o autor pretende expresar con el (o pensamento interesante ten necesariamente que traizoar polo menos unha parte do herdado), serve para botar unha ollada ao noso mundo. Hoxe vivimos en mundos paralelos que cada día afirmamos con maior firmeza, asentándonos no noso ‘campo de sentido’, e facémolo con máis intensidade precisamente agora que estamos na época do pensamento feble e confundimos a aparición da realidade coa verdade. Reconvertemos en obxectos as nosas representacións. O outro, o alleo, pasa a ser unha recta diferente, nin sequera lle outorgamos a posibilidade de pertencer ao noso mesmo plano, e así elevamos ao absoluto interpretacións parciais da realidade.
Unha boa mostra desta situación percíbese nas relacións políticas. Non hai máis que observar o enroque dos diferentes actores en posturas unipersoais ou partidistas nas que só conta o vector propio de avance e nas que non se admite compartir nada. Os populismos manifestan unha gran tendencia a adherirse a este tipo de actuacións, nas que un sentido particular se pretende exportar como modelo asumible por todos e impoñer unha subxectividade falsa como verdade obxectiva.
Outra ilustración apréciase nos medios de comunicación, tanto tradicionais como novos, no posicionamento de certos medios clásicos a favor de intereses particulares ou na xeración de pseudorealidades virtuais polas actuais redes sociais.  Por último, destacaría como se ve alterada a nosa relación coa propia realidade presente e futura e que abarca desde o desprezo do que non nos afecta inmediatamente á ignorancia voluntaria da propia finitude.
En calquera caso que escollamos hai unha tendencia a despegarnos nun vector que non se cruce con ningún outro, a mostrar unha petulante orixinalidade propia, á exclusividade do meu ‘campo de sentido’, sen ter en conta que as rectas paralelas despregan o seu vector á par doutra recta xa existente, e que os ‘campos de sentido’ para ser tales teñen que superpoñerse a outros infinitos campos cos que teñen obrigatoriamente que compartir algún aspecto.

NOTA ILUSTRADA: As xeometrías non euclidianas desenvolvéronse cando se cuestionou o axioma das paralelas.

Publicado no Progreso o 29-2-2020