III Foro "Lugh Augusti"

jueves, 5 de marzo de 2020

Realidades paralelas


José Domingo de Prada

A realidade, a pesar de ser dúctil, ten un elemento irredutible. Nós podemos moldeala, pero ela acaba impoñéndose de xeito obstinado. A reflexión sobre estes elementos constitúe un dos eixes das discusións filosóficas en calquera dos momentos históricos nos que decidamos pararnos a buscar. Na actualidade, como non podía ser menos, séguese a reflexionar sobre a mesma, e seguiremos -iso espero- sen ser capaces de darlle unha resposta pechada, pois pensar non é senón autorepresentarnos a realidade, cuestionala, e se tiveramos -como moitos queren impoñernos- unha resposta definitiva estariamos limitando -incluso anulando- a propia posibilidade de pensar.
Un filósofo que leva algún tempo acaparando moita atención, o alemán Markus Gabriel, propón unha relectura da realidade coa que pretende permitirnos entender o mundo actual. Salientarei deste autor un concepto que utiliza para analizar a relación que mantemos entre nós e coa realidade, o de ‘campo de sentido’. Con esta expresión designa o ámbito ou fragmento da realidade no que certos obxectos, feitos ou ideas acaban autorelacionándose e interactuando. O resultado desta interacción é a aparición dunha nova realidade.
A novidade que presenta este concepto é que recoñece que poden aparecer novas realidades como consecuencia das relacións entre realidades previas. Gabriel denomina a súa teoría ‘novo realismo’ e incide na aportación que supón esta aparición de realidades en cada ‘campo de sentido’. Evidentemente estas novas realidades non teñen porqué ser tales en campos distintos. A solución que propón o pensador alemán aporta un concepto no que se superpoñen uns mundos con outros e que coinciden en parte, aínda que noutros aspectos sexan diferentes. Tamén habería que matizar que a aparición de algo non presupón que sexa verdade, pois a ‘verdade’ é unha categoría diferente, que fai referencia a que efectivamente os obxectos aparezan nun determinado ‘campo de sentido’. Podemos xerar ideas falsas sobre a realidade simplemente, porque aparecen no noso ‘campo de sentido’.
O concepto de ‘campo de sentido’, traizoando unha parte do que o autor pretende expresar con el (o pensamento interesante ten necesariamente que traizoar polo menos unha parte do herdado), serve para botar unha ollada ao noso mundo. Hoxe vivimos en mundos paralelos que cada día afirmamos con maior firmeza, asentándonos no noso ‘campo de sentido’, e facémolo con máis intensidade precisamente agora que estamos na época do pensamento feble e confundimos a aparición da realidade coa verdade. Reconvertemos en obxectos as nosas representacións. O outro, o alleo, pasa a ser unha recta diferente, nin sequera lle outorgamos a posibilidade de pertencer ao noso mesmo plano, e así elevamos ao absoluto interpretacións parciais da realidade.
Unha boa mostra desta situación percíbese nas relacións políticas. Non hai máis que observar o enroque dos diferentes actores en posturas unipersoais ou partidistas nas que só conta o vector propio de avance e nas que non se admite compartir nada. Os populismos manifestan unha gran tendencia a adherirse a este tipo de actuacións, nas que un sentido particular se pretende exportar como modelo asumible por todos e impoñer unha subxectividade falsa como verdade obxectiva.
Outra ilustración apréciase nos medios de comunicación, tanto tradicionais como novos, no posicionamento de certos medios clásicos a favor de intereses particulares ou na xeración de pseudorealidades virtuais polas actuais redes sociais.  Por último, destacaría como se ve alterada a nosa relación coa propia realidade presente e futura e que abarca desde o desprezo do que non nos afecta inmediatamente á ignorancia voluntaria da propia finitude.
En calquera caso que escollamos hai unha tendencia a despegarnos nun vector que non se cruce con ningún outro, a mostrar unha petulante orixinalidade propia, á exclusividade do meu ‘campo de sentido’, sen ter en conta que as rectas paralelas despregan o seu vector á par doutra recta xa existente, e que os ‘campos de sentido’ para ser tales teñen que superpoñerse a outros infinitos campos cos que teñen obrigatoriamente que compartir algún aspecto.

NOTA ILUSTRADA: As xeometrías non euclidianas desenvolvéronse cando se cuestionou o axioma das paralelas.

Publicado no Progreso o 29-2-2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario