Mar Carballo Cela
O poeta portugués Fernando Pessoa deixounos grandes poemas e grandes
reflexións. Nunha delas fai unha interesante distinción entre cultura e
erudición: é culto o que aumenta un estado da alma –dinos- o que adquire certa
actitude, non o que acumula información, este último sería o erudito. Advirte
de non confundir culto con intelixente: o intelixente unicamente saca
conclusións, o culto sente. Admite así que non só coa intelixencia se
comprende, senón que tamén se precisa do sentimento e mesmo que este sería o
máis importante.
Certamente, non é o mesmo memorizar os acontecementos narrados nun libro de
historia, por exemplo, que ser capaz de extraer deles certa lóxica similar ó
sucedido noutra época; pero diferente de todo isto é indignarse ante as
inxustizas cometidas e sentir a rabia e a impotencia do que se sabe no camiño
errado que conduce ó sufrimento. Afirmaba o poeta que “unha erudición de lomo e
contratapa serve máis a un culto, que unha lectura a fondo dun erudito”, e lamentábase de que no Portugal do seu tempo escaseasen os
cultos fronte a tantos eruditos. Curiosamente, esta é unha queixa que moitos
intelectuais manifestaron ó longo da historia con respecto ós seus
contemporáneos.
Hoxe en día podemos dicir que nunca antes na historia o nivel de formación
académica foi tan alto, a información está na rede ó alcance de todos e as
bibliotecas públicas facilitannos libros de maneira gratuita. A ilusión dos
enciclopedistas, levar a cultura ó pobo, víuse cumprida; pero, e a segunda
parte desa ilusión: o progreso social, a paz, a xustiza..? Suponse que todo
isto se derivaría de forma natural do primeiro.
Debemos admitir que certo progreso é innegable; pero, podemos equiparar o
ascenso do nivel cultural ó ascenso do progreso social e moral? Á vista está
que non. Foméntase a erudición, no mellor dos casos totalmente inocua para os
poderes dominantes, erudición que nos facilita o ascenso na escala social e nos
reconcilia coa realidade imperante permitíndonos incluso gañar concursos; pero
a erudición engorda espíritos avariciosos, non cultiva nin coida espíritos
libres e solidarios. Adicámonos máis a explotar a mente que a cultivala, igual
que facemos co agro (que curioso que agora se normalizase a expresión
“explotación agrícola”!, volvendo a botar man da metáfora que Cicerón utilizara
comparando entón o cultivo da mente co cultivo do campo), non nos preocupamos o
suficiente por formar nesa actitude da que falaba Pessoa, nesa maneira de estar
no mundo que ten que ver non só co pensar, senón tamén co sentir. E non nos
damos conta de que nunca poderemos entender plenamente o que é unha crise
económica se non conseguimos sentir as súas consecuencias na vida real das
persoas. O intelixente chámalle solución a cadrar macrocifras nun acordo de
despacho; o culto, a eliminar o sufrimento das vítimas; o erudito só dá fe do
acontecido.
Non será completa a formación cultural se ademais de a pensar, non
aprendemos a sentir: a sentir, como afirma Victoria Camps, o adecuado. E que é
o adecuado?, se preguntarán: pois todo aquelo que serve para proporcionarnos unha
vida boa en sociedade, porque son máis as cousas que nos unen como seres
humanos que as que nos separan como individuos e non é tan difícil poñernos de
acordo no esencial para educar naqueles
sentimentos que nos fagan mellores persoas. Todos sentimos desprezo ou rabia de
maneira natural, pero o obxecto cara o cal dirixir estas emocións apréndese.
Esta era xa a intención da “paideia” ou educación na Grecia Clásica, agora
fálase de intelixencia emocional; goberno das emocións, lle chama Victoria
Camps; “ethos” ou formación do carácter, dicía Aristóteles.
Efectivamente, falamos de valores, os mellores froitos que poden dar as
mentes cultivadas - volvendo á metáfora agrícola- sen os cales o coñecemento
nos pode converter en auténticas bestas. Baste recordar que moitos nazis eran eruditos e intelixentes
universitarios, seguramente algúns deles incluso acadaron a excelencia nas súas
disciplinas; pero eran incapaces de sentir o necesario para comprender a fondo
o alcance dos seus actos. A cultura, así entendida, fai referencia a un
coñecemento máis profundo e global que necesita das emocións para completarse.
Nicholas Maxwell, profesor de Filosofía da Ciencia na Universidade de
Londres, afirma que o gran erro académico das universidades é que non están
pensadas para axudar á humanidade a aprender como facer fronte ós problemas
globais de maneira máis intelixente, humana e eficaz; preocupadas unicamente
polo coñecemento pero non pola sabedoría, esa capacidade que nos leva a
discernir o que realmente ten valor na vida.
Non podemos converter tamén a cultura nun próspero negocio para medrar
dentro do sistema. Non debemos disociar a formación e a investigación da busca
dunha maneira menos lesiva de habitar o mundo. Creo que o peor que lle pode
pasar á filosofía, á historia ou á ciencia é que os filósofos, os historiadores
e os científicos sexan funcionarios de Estados sometidos a intereses puramente
mercantilistas. Esta é a mellor maneira de caer no erro do que Pessoa abxuraba:
“Nacín suxeito como os demais a erros e defectos, /pero (…), nunca ó erro de
querer comprender só coa intelixencia”.
Publicado no Progreso o 7-2-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario