Mar Carballo Cela
As opcións que representan os partidos políticos
son algo máis que paquetes de medidas prácticas para dar solución ós nosos
problemas: na súa base está unha interpretación do que é o ser humano, e no seu
horizonte, o modelo social que a esa interpretación lle corresponde. Convén non
olvidalo, porque a democracia neoliberal (se é que tal cousa é posible) corre o
risco de reducirse ó esquema simple de oferta e demanda, asumindo o
funcionamento propio do mercado e ocultándonos calquera outra valoración. Demandar bens e servizos sen que nos preocupe en
absoluto a consideración debida que desde o poder se nos estea atribuíndo,
convértenos en cómplices dunha sociedade deshumanizada.
Críase ultimamente que as ideoloxías morreran,
que a conquista de dereitos firmemente asentados nas constitucións dos países
democráticos por fin nos permitía descansar da loita pola dignidade, e que o
único que debiamos decidir era quen ofrecía máis para aumentar o noso nivel de
vida.
Pero as ideoloxías existen, e para aquelas que defenden
privilexios os dereitos non son máis que simples medios, meras concesións para
unha man de obra necesaria e compracente, que nada teñen que ver na súa
intención coa construcción dunha sociedade máis xusta. De aí que as súas
políticas de recortes afecten sempre a tales dereitos de papel, uns dereitos
que non se defenden desde a convicción de que un semellante debe ser tratado
como un fin en si mesmo, senón que se dispensan como cousa útil ó sevizo do
poder, ó servizo dos que se consideran mellores. Esta diferenza é,
precisamente, a que, para min, marca as grandes distancias teóricas entre as
distintas ideoloxías, e digo “teóricas” porque na práctica a alianza das forzas
políticas coas económicas promete acabar por
diluír tales señas de identidade.
Os dereitos só poden ser construídos con solidez
desde a convicción profunda de que todos os seres humanos temos as mesmas
necesidades e os mesmos sufrimentos, desde a empatía, desde a plena conciencia
de ser dependentes dunha estructura á que chamamos proxecto común. E a pedra
angular na que se asenta a política democrática fiel a dita convicción é o
respecto. Cando Marx dicía que os obreiros tiñan máis necesidade de respecto
que de pan estaba apuntando á clave de toda relación humana. Non nos equivoquemos
nas nosas peticións: non debemos pedir pan -este seranos concedido aínda que
sexa a través dun comedor social-, debemos esixir respecto; porque só desde
aquí o pan non será unha esmola. E de respecto desde as institucións políticas
é do que seguimos carecendo na actualidade: diariamente seguimos asistindo a
casos de corrupción e tratos de favor, diariamente temos que ir ós tribunais a
pedir a xustiza que a administración nos nega, diariamente se nos está botando
das nosas casas e se nos di que temos que esperar sete meses para unha cita
médica ou un ano para un xuízo, e diariamente temos que soportar a burla da
mentira dos que se din os nosos representantes. Que clase de consideración
humana é esta desde a cal se nos está dispensando o pan?
O respecto aprendémolo nos primeiros anos da nosa
vida, cando abrimos os ollos ó mundo e nos indican como debemos miralo. Vai ser
esta primeira mirada a que estableza as categorizacións coas que imos
interpretar a realidade. A uns ensínanlles a mirar cara abaixo; a outros, desde
a mesma interpretación pero situados no ángulo oposto, diríxenlles a mirada
cara arriba envexosos dos que cren superiores; e hai outros ós que lles amosan
todo o que hai ó seu arredor, vendo semellantes, coa mirada horizontal do que
contempla a paisaxe circundante, respectuoso con toda a súa singularidade.
Nesta última maneira de mirar, o lugar que ocupa cada un non responde a
ningunha xerarquía, simplemente vai parello a unha función esencial e diferente
como esencial e diferente é cada anaco do noso propio ser.
Din que a mirada é o espello da alma, supoño que
porque nela se adiviña o sentir desde o cal se pensa e se actúa. Educar no
respecto é algo moito máis elemental, sinxelo e esencial que ensinar a
comprender conceptualmente o seu significado; depende de algo tan simple e
natural como é ensinar a mirar. Que importante é esa primeira mirada e que alta
responsabilidade social están exercendo os pais cando ensinan a mirar ós
fillos! Sen decatarse, están creando ou estragando a primeira noción de respecto,
plantando e cultivando a primeira semente da ideoloxía.
Publicado no Progreso o 29-8-2015