Elías Pérez Sánchez
Ao longo da historia as mulleres foron perseguidas, ignoradas ou
descualificadas do mesmo xeito que outros grupos sociais dominados. As súas
achegas intelectuais non foron do agrado de moitos sectores políticos nin dos
circuítos de control do coñecemento ao longo dos séculos. Aínda que Aspasia de
Mileto escribía os discursos de Pericles, a historia relegouna a cortesá de
luxo; Aglaonice de Tesalia, capaz de predicir eclipses no século V a. de C.,
foi recordada como unha vidente; Hipatia de Alexandría sufriu dun xeito
descarnado a intolerancia relixiosa incitada por Cirilo de Alexandría —hoxe,
San Cirilo—. Na mitoloxía, a muller foi acusada dos peores males a través do
mito de Eva ou da Caixa de Pandora.
A idea de que as mulleres pensan dun xeito distinto que os homes serviu
tradicionalmente para xustificar a súa opresión: Aristóteles dicía que non
dispuñan do grao de raciocinio dos homes, de aí o seu sometemento natural; Kant
engadiu que por esa razón carecían de personalidade civil, negándolles voz
propia na vida pública. No Emilio, Rousseau resumía os deberes dunha muller: a
obediencia e fidelidade ao marido, a tenrura e o coidado aos seus fillos.
Tampouco lle recoñecía, xunto con Hegel, a capacidade intelectual suficiente
para dedicarse á procura da verdade abstracta e especulativa.
Porén, John Stuart Mill, filósofo liberal do século XIX cimentou boa parte
da súa filosofía en dous alicerces básicos: a felicidade e a liberdade. E
felicidade e liberdade foron, tamén, o fundamento da súa defensa en favor da
igualdade, a liberdade e o dereito ao voto por parte das mulleres. O seu
ensaio, A escravitude feminina, é un exemplo da extraordinaria empatía que Mill
sentía polo sexo feminino, tradicionalmente discriminado, maltratado e rendido
polo ostracismo e a soidade. Influído por Harriet Taylor tentou sensibilizar a
sociedade facéndolle ver que o sometemento da muller impedía a felicidade e o
desenvolvemento individual da metade do xénero humano e privaba a sociedade dos
beneficios que podía xerar o libre desenvolvemento persoal das mulleres. Felicidade
e liberdade, pois, como eixos dos dereitos que a muller debía reivindicar e que
ao home lle correspondía facilitar.
Hoxe, a fustrigación sexual e as discriminacións de todo tipo seguen sendo
prácticas cotiás que, ademais, non se limitan a unha cultura determinada,
relixión ou país, nin se circunscriben a grupos específicos de mulleres dunha
sociedade determinada. Hoxe en día, as resistencias do home seguen forxando
subordinacións e desigualdades entre xéneros que nos remontan a épocas pretéritas
nas que a muller dificilmente podía acadar non só a felicidade da que falaba
Mill, senón os canons mínimos de liberdade desexables na condición humana.
Convén maiores doses de compromiso social, de respecto polas lexislacións dos
organismos supranacionales sobre os dereitos da muller, a promoción dunha
educación potenciadora da igualdade sustantiva entre xéneros e rebaixar o
fundamentalismo relixioso e cultural que reforza a subordinación da muller. E
requírese maior vontade política e unha suficente asignación de recursos fronte
a meras operacións de cosmética que maquillan sibilinamente outras intencións
dubidosas.
Publicado no Progreso o 3-3-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario