martes, 15 de enero de 2019

O novo que non o é


Juan Carlos Fernández Naveiro 

Invócase o novo con demasiada facilidade. Comenza unha nova era, unha nova etapa na que todo vai ser distinto e por suposto mellor, hai novas ideas para unha nova sociedade, imos facer unha nova política. Que sería de nós sen esa pulsión polo novo, forma parte da natureza humana como subproduto dun afán ancestral, é antropolóxicamente comprensible, sobre todo cando a realidade social e política é manifestamente mellorable.
A palabra máis oída desde que teño conciencia é «crise». Desde a crise do petróleo ata as advertencias sobre os límites do crecemento, que acabaron derivando nos problemas de sostibilidade dos Estados de benestar e no imposible dun desenvolvemento económico ilimitado, son xa décadas desa crise sistémica que vincula o ecolóxico e o político.
A posmodernidade certificou despois o final dos relatos de emancipación. Cando cae o Muro e comenza oficialmente a globalización a tradición marxista xa estaba en crise, inducida polo desarrollo da sociedade de consumo. Comenza a xestarse a falta de horizonte das esquerdas e a percibirse que a súa renovación é unha necesidade. No entanto a crise segíu sendo a condición vital da globalización a medida que entrabamos no século XXI, despois do 11-S e sobre todo desde a crise financeira en 2008 e a Gran Recesión.
En España os ritmos foron outros, aquí vivíamos afastados dos ventos da historia e a transición liberou un enorme caudal de enerxía que transformou o país en moi pouco tempo, acercándonos a Europa. Pero os elementos de fondo eran os mesmos, e moito máis agora que todo é tan veloz e instantáneo. Están ademáis as nosas particularidades. Desde o 15-M o rexime político español experimentou unha reconfiguración que o sitúa na convulsión permanente, tamén nesto homologámonos a marchas forzadas pois todos os países estanse volvendo en xeral máis ingobernables. O bipartidismo se convirte en cousa do pasado, con cinco partidos de implantación nacional e múltiples minorías con maior ou menor capacidade negociadora. Fálase de crise do rexime da transición e a Constitución de catro décadas é un obxecto en disputa que funciona máis como liña de fractura que como motivo de confluencia (como exemplo aí está o caso catalán).
Vivimos nunha permanente crise política que non é allea á crise europea que tamén definirá esta década. Europa xa estaba abocada ao papel de perdedora da globalización, e aínda máis desde a vergoñenta socialización das perdas da crise financeira, un elemento de desafección que servíu para que a esquerda revivise alentada por novos antagonismos. A corrupción foi motivo para unha enmenda á totalidade do sistema, cuestionando a lexitimidade da representación política e da democracia mesma, mediatizada por uns partidos da «vella política» convertidos en maquinarias para captar recursos e espazos de poder institucional. Que facía falta unha «nova política» era unha necesidade a gritos, algo que as circunstancias podían e poden fácilmente xustificar. Facían falta novos partidos cando xurden Podemos, En Marea ou Ciudadanos no campo da dereita (e agora Vox). Pero a experiencia indica que non chega con declararse “novo” para selo de verdade. Os elementos de fondo son os que son, e todas esas crises siguen a estar aí superpostas e sen solucións á vista. 
O drama da «nova política», aparte do minifundismo endémico, consiste na dificultade obxectiva de evitar ao mesmo tempo dúas posicións incómodas: por un lado o conservadurismo ao que se ve abocada a esquerda clásica, sexa comunista ou socialdemócrata, que solo pode ter un discurso de resistencia (por exemplo a defensa das prestacións sociais contra os recortes) e non acaba de ofrecer respostas para as crecentes formas de exclusión. Un discurso que en perspectiva global pode ser percibido como unha nova forma de elitismo.
E doutro lado, ao pretender saír da política ríxida e burocrática supostamente “vella” e pretender estruturas flexibles e descentralizadas, resulta que ese modelo é xustamente o que ofrecen as redes. A nova política é democracia en rede  –se nos dí. Pero non hai tal fórmula máxica de participación democrática; ao contrario, o que vemos proliferar nas redes é a devaluación dos argumentos racionais, a exaltación do propio e a denigración do alleo, e en definitiva un populismo anti-político que é clave no rexurdir actual da extrema dereita.
Entre ser muleta do PSOE (e dar por feito que non hai outra política de esquerdas) ou competir nun terreo populista-mediático onde a extrema dereita xoga con ventaxa (é aí está o exemplo italiano, cos neofascistas coméndolle o terreo ao M5) non hai fácil saída para unha nova política de esquerdas. Así que mentres os novos bárbaros saen da caverna a esquerda deambula impotente, coa sensación de non habitar neste mundo –como o estoico que añora unha polis que xa non existe.

Publicado no Progreso o 12-1-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario