Xosé Ramón Cando Vázquez
A semana anterior coñecemos dúas novas que, sen ter que ver coa formación
de goberno nin coa serpe futbolística estival, merecen ser tidas en
consideración. Por unha banda, parece ser que os mozos e as mozas que gozan de
emprego reciben retribucións inferiores ás de fai dez anos e pola outra, que
os prezos das vivendas de aluguer se
incrementaron, notablemente, no último ano. Polos mesmos días manifestou a ministra
de Economía que a situación económica é óptima na liña dunha evolución positiva
á que temos a fortuna de asistir. Despois disto, mesmo poderiamos poñernos
metafísicos e reflexionar sobre da “esencia do real” pero, probablemente, non
sería do interese de lectores e lectoras así que non o faremos.
Os documentos atopados e a ficción ao respecto fixéronnos partícipes, fai
unhas cantas décadas, do coñecemento das investigacións médicas que tiveron
lugar nos campos de concentración habilitados polo goberno de Alemaña no
período no que o NSDAP, despois de gañar as eleccións, monopolizou o poder ata
o fin da II Guerra Mundial. En ditas investigacións utilizáronse presos e
presas dos campos como animais de laboratorio sen ter en consideración o
dano físico e psicolóxico causado. Neste contexto, hai que salientar os
obxectivos racistas do doutor Mengele
dirixidos á creación dunha
fantástica raza aria e aos que, parece ser, non era allea a idea de acadar o
manexo da tecnoloxía xenética da clonación. Ben sabido é que ditos proxectos
non tiveron éxito e que os avances foron escasos, particularmente se se
comparan cos recursos empregados e a total ausencia de límites morais na que se
desenvolveron.
Independientemente do seu fracaso no eido xenético, as mencionadas
investigacións tiveron unha importante repercusión positiva en canto que
estimularon a reflexión moral sobre o uso de tecnoloxías biolóxico/médicas e a
súa relación coa dignidade humana. A aparición da Bioética supuxo un esforzo
considerable para establecer sinais que permitan orientar a práctica médica nun
contexto selvático no que a única guía era a catadura moral das persoas
exercentes. A creación de instancias de reflexión e foros de diálogo, no marco
bioético, deu lugar a importantes consensos como o xerado arredor do Informe
Belmont (1978) nas últimas décadas do XX e que estaría na orixe, por exemplo,
do “consentimento informado” da persoa que se somete a un tratamento médico.
Igualmente, ditos consensos permitiron a
implantación de comités de ética en institucións sanitarias ou a lexislación
que prohibe a clonación humana, por mencionar só algúns acordos relevantes.
Parece que a reflexión bioética que goza de respaldo académico pero tamén
institucional (en certa medida) veu ocupar un espazo que o desenvolvemento da
humanidade precisaba en canto que permite regular un dos aspectos percibidos
como mais sensibles dos que compoñen a nosa existencia e que se considera non
debe quedar, exclusivamente, en mans dos seus actores. Por que non sucede algo semellante no ámbito económico?
Por que a reflexión sobre os compoñentes éticos da libre economía de mercado
non debe ser obxecto de análise compartida e expresada nos foros
correspondentes? Por que non se poden acadar consensos sobre aspectos da
economía dos que depende a saúde e a dignidade humanas? Por que a escasa
lexislación que existe neste sentido debe ser modificada en detrimento dos
mencionados valores de saúde e dignidade (artigo 135 da Constitución)? Sería
posible a creación de comités de ética nas institucións económicas a semellanza
dos existentes nos hospitais?
Estes interrogantes non deixarán de ser considerados “naïf” por algunhas
das persoas que teñan a ben lelos, sen embargo a súa consistencia,
obxectivamente, transcende a súa aparente inxenuidade para inserirse de cheo no
cerne da nosa vida (toda vida humana é sempre economía). A maior parte de nos
aceptamos o mito da “man invisible que dirixe a chamada libre economía de
mercado con resultados satisfactorios para todos os actores que non sexan vagos
ou estúpidos”, ou sexa, así como nos preocupamos de establecer límites para as
persoas que se ocupan da nosa saúde, non se nos ocorre facer o mesmo coas
persoas e institucións que teñen nas súas mans o noso destino individual
(atopar un espazo cuberto e habitable que poida pagar) ou colectivo (a
superación da “capacidade de carga” do planeta) na medida na que ambos poidan
diferenciarse.
Os nosos devanceiros pregaban a Deus para que os librase da fame, de
doenzas e de catástrofes naturais pero tamén lle pregaban para que os librase
das guerras, no entendemento de que estas teñen a mesma orixe, allea aos
mortais, que aquelas. Nos podemos continuar a tradición, idolatrar o sistema
económico que temos e aceptar as súas eivas como produto da fatalidade ou ver
que podemos facer para domesticalo, rescatándoo do territorio imponderable do
mito.
Publicado no Progreso o 27-7-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario