jueves, 6 de septiembre de 2018

Ciencia e verdade


Mar Carballo Cela


Os ilustrados confiaban en que o coñecemento científico os liberaría da superstición que mantiña á sociedade da época presa das tebras da ignorancia, e que neste novo rumbo camiñarían cara ó progreso en todos os ámbitos. Así foi  nalgúns aspectos; pero, como en case todo, sempre hai un lado escuro. Un lado escuro que os filósofos da Escola de Frankfurt xa denunciaron a mediados do século XX, ó decatárense de que a razón científica e tecnolóxica se estaba poñendo ó servizo de intereses económicos. A ciencia constata feitos, pero non entende de valores, por iso unha sociedade deshumanizada non pode facer un bo uso dela.
É un grave erro formar mentes científicas sen preocuparse de proporcionarlles unha formación humanística previa, se queremos que contribúan a unha sociedade mellor. Pero esta non parece ser unha preocupación prioritaria xa que seguimos separando ciencias e humanidades, ignorando que a realidade non está fragmentada, que só o está o coñecemento que temos dela, e que crear especialistas útiles para alimentar o mercado –descoidando a formación integral- é o camiño máis directo cara ó fracaso como sociedade (non debemos esquecer que todo está interrelacionado). Ignorar o artificio de tal fragmentación estanos privando da busca auténtica da verdade, da comprensión máis profunda da nosa relación co mundo, porque todo coñecemento debe ter en conta dita relación.
Caer no cientifismo é non decatarse de que a ciencia non é máis que unha mirada parcial que debemos incorporar a outra máis ampla sobre a realidade. Certamente, é o mellor instrumento do que dispoñemos para manipular o noso mundo desde a perspectiva humana, desde a percepción que temos del; pero pódese aprender a manipular sen necesidade de comprender nada en profundidade. Á súa vez, as metas últimas que debe perseguir dita manipulación transcenden ó propio coñecemento científico.
Como debemos vivir?, que intereses económicos ou políticos dirixen as investigacións?, que debilidades lóxicas internas presenta a propia ciencia?, son preguntas fundamentais que deben ser incorporadas a toda meditación científica. Circunscribir o ámbito da verdade á ciencia é renunciar ó empeño de mellorar como sociedade. A poesía, a historia ou a filosofía tamén buscan a verdade, unha verdade igualmente difícil de alcanzar que a da ciencia, plasmada en relatos que nos axudan a comprender o que somos,  aínda sabendo que para iso non hai demostración posible; por iso a ciencia está incompleta se se mantén á marxe do autocoñecemento que nos proporcionan tales relatos, porque non deixa de ser humana, “demasiado humana”.
Na era tecnolóxica pola que transitamos non debemos esquecer, como dicía Wittgenstein, que aínda cando a ciencia teña resoltas todas as súas incógnitas, os nosos problemas vitais seguirán intactos. Quizais por iso teña sentido afirmar -aínda que nos resulte paradoxal- que a ciencia, tal e como foi evolucionando, “privounos da verdade”; e iso é así porque “pretende facernos crer que todo canto existe debe ser científico, se non, non é importante. E isto é unha mentira” (Rob Riemen, “Para combatir esta era”, Taurus, Madrid, 2018, p. 101).

Publicado no Progreso o 25-8-2018

lunes, 3 de septiembre de 2018

Vella e nova política


Elías Pérez Sánchez


Nos últimos anos xurdiron novas organizacións políticas de carácter plural compostas por afiliados de diversos partidos políticos e persoas sen adscrición política algunha. Un dos obxectivos políticos consistía en rachar coa dinámica bipartidista instaurada nas últimas décadas nas institucións, intervir nos concellos, transmitir a idea de que, desde un espazo plural e aberto, podíase tentar cambiar o rumbo político institucional ou polo menos exercer certa influencia no devandito cambio e, sobre todo, construír un espazo de encontro aberto a novas formas de facer política.
Entendíase que a responsabilidade cívica esixía vertebrar unha nova cultura política máis participativa, transparente, inclusiva e colaborativa; que a radicalidade democrática debía ser un principio práctico (non meramente formal) que eliminase o parasitarismo e os condicionamentos orgánicos dos aparellos dos partidos clásicos que vivían ancorados na endogamia interna (“vella política”). Por outra banda, estas novas iniciativas políticas pretendían unir forzas para tentar levar adiante un cambio político con novas formas políticas, atendendo a unha nova maneira de facer política. “Nova política”, chamábanlle.
Co tempo, diversas causas específicas foron minguando a participación activa dos inscritos e descolgando paulativamente a aqueles que formaron parte esencial nos seus comezos. Silenciáronse constantemente as voces discrepantes pero construtivas facendo imposible a convivencia interna dentro do proxecto político que se supoñía debía ser plural; incumpríronse acordos que rachaban frontalmente os principios fundacionais das devanditas organizacións; traballouse con afán e esmero a autoexclusión daquelas persoas apartidarias (e imprescindibles nos inicios) que podían comprometer o despotismo interno dos núcleos orgánicos das organizacións (tan habitual, por certo, naqueles partidos que practicaban a “vella política de sempre”). Volveuse aos vicios do pasado, á práctica da máis vella e rancia política converténdose, unha vez máis, en organizacións monocolores, minoritarias, enquistadas e necrosadas. Aquelas organizacións líquidas, conformadas por cidadáns apartidarios convivindo con militantes políticos, foron aos poucos converténdose en organizacións sólidas e densas controladas hermética e despoticamente por un determinado partido ou grupo de poder, eses pequenos “buracos negros” dedicados a fomentar a obediencia, o servilismo e a corrupción interna.
Ridículo exemplo estase a transmitir á cidadanía, cuxo desdén e escepticismo cara a “o político” acrecéntase na actualidade. E o que é peor: convertendo o interior das devanditas organizacións nun territorio no que non hai máis autoridade reconocible que a do que manda, estase desdibuxando esa “nova forma de facer política” e ilustrando dun xeito ostensible que Peter Mair, politólogo francés, puido ter moita razón no seu libro Gobernando o Baleiro (A banalización da democracia occidental) ao defender a idea de que a escasa identificación entre partidos políticos e cidadanía converten aos primeiros en instrumentos meramente accidentais, á cidadanía en orfa, e á democracia nunha categoría baleira. A epojé está servida.

Publicado no Progreso o 1-9-2018

Tres interdicións


M. A. Martínez

            Como calquera outra sociedade, as sociedades posmodernas teñen os seus ritos, cerimonias e costumes, que se apoian en autorizacións e prohibicións colectivas. Formas de acción cuxos marcos son consentimentos tácitos e asentimentos explícitos. Entre estas prohibicións hai tres: prohibido envellecer, prohibido morrer, prohibido sufrir. Que fai que as sociedades avanzadas obturen a visión razoable, vivencia saudable e expresión normalizada da vellez, morte e sufrimento? Por que estas tres experiencias permanecen innomeables, ausentes da axenda política e do quefacer diario das institucións (sociais, políticas, administrativas)?
            Algunhas prohibicións son síntomas que exhiben e disimulan unha realidade que resulta incomprensible, insoportable e intraducible, para as persoas. Un tipo de realidade que o individuo posmoderno, expropiado de calquera madurez moral, competencia práctica e formación ética, só é capaz de abordar baixo o modo do espectáculo, do simulacro, dunha aparencia adornada. Isto é, como mentira. Por un lado, é exhibición dunha imaxe (televisiva, propagandística, dixital) que ensina a converter o mal en algo banal, alleo, sen substancia. A imaxe é unha icona que baleira o seu referente (de sentido), e o converte nun signo que circula (mercadoría). Por outro lado, é ocultación (mercé aos psicofármacos) do dano real que padecen as persoas. Afastamento (ao íntimo) e recondución (clínica) de calquera asomo de incomodidade, inadaptación, pena. A ocultación marca o limiar daquilo do que non se fala, ou se fala de máis, ou non se chega a entender, ou se entende dun modo limitado, recuberto con todo tipo de eufemismos e frases feitas.
A prohibición de envellecer, morrer e sufrir, é unha tripla negación, non unha simple represión. Está investida cos prestixios da tecnociencia e a biotecnoloxía, suplida co narcótico do perfeccionamento histérico do corpo, exaltada coa propaganda do poshumanismo, velada mercé ao seu recollemento en espazos pechados (institucionais, domésticos), espectacularizada en circuítos abertos (dixitais, televisivos), substituída co imaxinario da omnipotencia individual e a metafísica da xuventude. Esta tripla negación é a plataforma sobre a cal se constrúen vínculos sociais deshumanizados, intolerables a calquera miseria, dor, dependencia. O soño do individuo posmoderno autosuficiente, isto é, infantil.
A resposta social e individual ao triplo feito de envellecer, morrer, sufrir, baséase no desexo imaxinario de invulnerabilidade (como aspecto fundamental do éxito na vida adulta). Tamén no gozo simbólico da dominación ilimitada (sobre un mesmo, os demais, a natureza), como segundo trazo do triunfo persoal. É unha ficción cuxa función é impedir o recoñecemento de que, por exemplo, a fame, soidade, fatiga, aflición, ansiedade, malestar físico, medo, vergonza, doenza, son acontecementos fundamentais da vida cotiá de cada persoa. Que a debilidade, en todas as súas formas, afecta a todos en calquera momento e circunstancia. Que a fraqueza caracteriza a nosa constitución biolóxica, psicolóxica e social. Que a incapacidade de comunicar o íntimo con plenitude, e a inaptitude para replicar con coherencia, suficiencia e solvencia, ao desafío do día a día, traza os marcos do pensamento e da acción individual. Desposuír á sociedade da consideración de que ser humanos é ser vulnerables, necesitados de coidado, amparo, atencións, produce alienación, impotencia e frustración. Furtar ás persoas o recoñecemento social e institucional da face doente da realidade humana, é abandonalas no terreo dos voceiros do odio, rancor e resentimento.
Prohibir (censurar) ou desviar (manipular) a representación (abordaxe aberta e saudable) das experiencias dolorosas, converte as persoas en irresponsables dos seus actos. Impedir que poñan o nome certo ao seu desexo máis íntimo, invitalas a reconducilo a percepcións sociais e políticas enganosas, supón entregalas a unha dupla manipulación. A primeira consagra as persoas á exaltación nihilista do tráxico e da dominación (dicindo que é inevitable). A segunda proxéctaas na vertixe dunha acción transformadora delirante, imposible de atender, sen fin nin final emancipador, sen gozo (afirmando que é a máis directa). Dupla manipulación que orienta o desexo, de novo, ao infantilismo.
Un estado (social e de dereito) que exclúe, tapa, afasta, as experiencias da vellez, morte e sufrimento, retorce e rabena o sentido da vida real dos individuos. Un estado (social e de dereito) que non dá cumprida atención institucional a estas experiencias, non financia estruturas e redes públicas de coidado, arroxa aos seus cidadáns a repetir, no plano indicible do síntoma, unha dor suplementaria. Un estado (social e de dereito) que non promociona unha ética cívica do coidado, e se empeña en mirar para outro lado, é un estado digno de ser repensado no que atinxe a unha das súas finalidades: a redución do sufrimento dos seus cidadáns.

Publicado no Progreso o 18-8-2018