Mar Carballo Cela
Os ilustrados confiaban en que o coñecemento científico os liberaría da
superstición que mantiña á sociedade da época presa das tebras da ignorancia, e
que neste novo rumbo camiñarían cara ó progreso en todos os ámbitos. Así
foi nalgúns aspectos; pero, como en case
todo, sempre hai un lado escuro. Un lado escuro que os filósofos da Escola de
Frankfurt xa denunciaron a mediados do século XX, ó decatárense de que a razón
científica e tecnolóxica se estaba poñendo ó servizo de intereses económicos. A
ciencia constata feitos, pero non entende de valores, por iso unha sociedade
deshumanizada non pode facer un bo uso dela.
É un grave erro formar mentes científicas sen preocuparse de
proporcionarlles unha formación humanística previa, se queremos que contribúan
a unha sociedade mellor. Pero esta non parece ser unha preocupación prioritaria
xa que seguimos separando ciencias e humanidades, ignorando que a realidade non
está fragmentada, que só o está o coñecemento que temos dela, e que crear
especialistas útiles para alimentar o mercado –descoidando a formación
integral- é o camiño máis directo cara ó fracaso como sociedade (non debemos
esquecer que todo está interrelacionado). Ignorar o artificio de tal
fragmentación estanos privando da busca auténtica da verdade, da comprensión
máis profunda da nosa relación co mundo, porque todo coñecemento debe ter en
conta dita relación.
Caer no cientifismo é non decatarse de que a ciencia non é máis que unha
mirada parcial que debemos incorporar a outra máis ampla sobre a realidade.
Certamente, é o mellor instrumento do que dispoñemos para manipular o noso
mundo desde a perspectiva humana, desde a percepción que temos del; pero pódese
aprender a manipular sen necesidade de comprender nada en profundidade. Á súa
vez, as metas últimas que debe perseguir dita manipulación transcenden ó propio
coñecemento científico.
Como debemos vivir?, que intereses económicos ou políticos dirixen as
investigacións?, que debilidades lóxicas internas presenta a propia ciencia?,
son preguntas fundamentais que deben ser incorporadas a toda meditación
científica. Circunscribir o ámbito da verdade á ciencia é renunciar ó empeño de
mellorar como sociedade. A poesía, a historia ou a filosofía tamén buscan a
verdade, unha verdade igualmente difícil de alcanzar que a da ciencia, plasmada
en relatos que nos axudan a comprender o que somos, aínda sabendo que para iso non hai
demostración posible; por iso a ciencia está incompleta se se mantén á marxe do
autocoñecemento que nos proporcionan tales relatos, porque non deixa de ser
humana, “demasiado humana”.
Na era tecnolóxica pola que transitamos non debemos esquecer, como dicía
Wittgenstein, que aínda cando a ciencia teña resoltas todas as súas incógnitas,
os nosos problemas vitais seguirán intactos. Quizais por iso teña sentido
afirmar -aínda que nos resulte paradoxal- que a ciencia, tal e como foi
evolucionando, “privounos da verdade”; e iso é así porque “pretende facernos
crer que todo canto existe debe ser científico, se non, non é importante. E
isto é unha mentira” (Rob Riemen, “Para combatir esta era”, Taurus, Madrid,
2018, p. 101).
Publicado no Progreso o 25-8-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario