Gonzalo Pérez López
Cando navegamos pola idade na que a percepción errónea do paso do tempo
deforma a cuantificación do tempo real, a reflexión sobre o que supuxo o que
deixamos atrás parece atopar fácil acomodo. Apremados polo tópico tempus fugit
virxiliano, a pouco que nos abandonemos en brazos da tentadora melancolía,
acaba por converterse nun tema recorrente, máis tendente á lamentación ca
análise.
Con independencia do estado de ánimo ó que nos leve esta cavilación, parece
indiscutible que a nosa vida, expresada en termos de tempo vivido, é unha
secuencia reiterada, sen límites precisos, entre esperar e desesperar. Que isto
provoca angustia parece incuestionable. Non se trata dunha pose
existencialista, tan deostada hoxe por asociala coa debilidade na sociedade dos
fortes, senón da toma de conciencia dunha
persoa que, ante a imposibilidade de modificar esa realidade, pretenda
escapar do compracente autoengano.
O caso é que a nosa vida acontece nunha ilimitada sala de espera.
Esperamos, por exemplo, unha chamada, un tren, un resultado, o cese da dor, un
desenlace burocrático ou un traballo digno,
pero tamén esperamos o éxito social, un amor idealizado, un mundo xusto,
a morte ou unha resposta imposible para algunha das preguntas que nos corroen
como humanos. Cada forma de espera ten matices físicos e psicosociais
diferentes.
Con bastante frecuencia a espera resulta estéril e provoca en nós unha
desesperación que o único que aporta é
material abondo para escribir
acotío a historia persoal de soños e desexos incumpridos, amplificados cando se
escribe a historia da humanidade. O malestar que nos causa acaba por roubarnos
presente e futuro.
Reincidimos no paso fugaz do desexable ao frustrante (por imposible) e
convertemos as lembranzas nun refuxio
para deformar o que nin chegou á categoría de vivencia, pero, ó non ser capaces de lograr a obxectividade analítica necesaria
para extraer unha lección práctica para o presente, insistimos nesa secuencia que parece irremediable.
Reducir esta problemática ó ámbito do individual ou do introspectivo sería
un erro considerable de apreciación dada a evidente correlación que ten co modelo
de sociedade imposto polo capitalismo triunfante. Este, como en outras
circunstancias, é capaz de extraer beneficio ata das propias contradicións que
provoca, aínda que conceptualmente parezan insalvables. Vexamos.
O poder establecido pode reducir ó mínimo os tempos de espera a través do
desenvolvemento técnico ou enchelos artificialmente como negocio porque, en
calquera caso, o tempo ten un elevado valor de mercado do que apropiarse. Por
iso impón unha dinámica frenética, obrigándonos a romper os ciclos da natureza
e o noso propio ritmo, transmitindo a idea de que vivir con estrés é o xeito de
situarse na modernidade. Crea necesidades de toda índole, consumismo compulsivo
incluído, cuxa insatisfacción provoca urxencias que presiden todos os actos da nosa
vida.
Vivimos, entón, nun estado de emerxencia xeneralizada, difícil de
compatibilizar coas continuas esperas e dilacións do éxito ás que estamos
sometidos sen que provoquen un estoupido persoal e social. Pero o sistema
dominante dispón dun variado repertorio para esvaecer os efectos da desfeita
que el mesmo provoca.
Así, unha manifestación do poder é tamén a capacidade para controlar os
nosos tempos, esperas incluídas, impoñernos os ritmos que lle conveñen e
conseguir que aceptemos con resignación a espera ou a posposición indefinida
dese éxito que previamente convertera no noso leitmotiv. Ademais, sen renunciar
á maridaxe de comenencia urdida ó longo da historia co poder relixioso, o poder
económico é capaz hoxe de transformar por si mesmo a espera en esperanza,
fundamental para potenciar o conformismo e a aceptación do statu quo. Así,
mentres a espera ten unha expresión material e medible no tempo, a esperanza,
tinguida ou non de matiz relixioso, é a
quintaesencia da espera aprazada indefinidamente a cambio dalgunha satisfacción
compensatoria, sempre ilusoria e difusa.
A consecuencia inexorable é que, a pesar do noso potencial para someter a
realidade a unha análise crítica rigorosa, hoxe, como na metáfora de Beckett,
aínda seguimos aferrándonos ó absurdo de esperar a Godot inutilmente.
Publicado no Progreso o 8-9-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario