martes, 2 de octubre de 2018

Sociedade e desexo


José Domingo de Prada
 
Parece estraño que sociedades tan complexas como as nosas que tecen permanentemente intricados labirintos de relacións, significantes e interpretacións potencien de forma tan convulsa o desexo nos individuos, pero esta é a situación na que nos atopamos. As primeiras sociedades capitalistas defínense a través do traballo e moven aos individuos pola necesidade, en cambio, as actuais fano a través do desexo e móvense por sedución.
Que sociedades formais, regulamentadas e sometidas a cambios permanentes semellen compatibles co desexo resulta aínda menos comprensible se se atende á orixe do termo. O desexo é cuasi  subversivo, berce da libertinaxe, nace arroupado pola preguiza e a ociosidade e, ademais, é instigador da libido ou do apetito sexual. Nun primeiro momento o seu  significado facía referencia á vagancia, á inmobilidade, á quietude. Este é o sentido etimolóxico do termo que procede do latín DESIDIUM –‘ociosidade’, ‘libidum’-, o cal, a súa vez provén do étimo DESIDERE –‘permanecer sentado’, ‘deterse’-. Quen permanece sentado e non fai nada anhela e bota de menos aquelo que non consegue -aí xorde o desexo- e paradoxalmente cando nos poñemos en disposición de lograr o que pretendemos, o desexo desaparece, arrasado pola actividade que permitirá, ou non, obter o que nos propoñíamos.
Así, o desexo devén conciencia do propio fracaso, conciencia da imposibilidade de acadar o desexado, por dicilo con palabras de Ortega y Gasset. Ante este,  opón o filósofo madrileño o querer, a determinación da vontade para poñer os medios que fagan real algo. Continúa deste modo a liña clásica que separa desexo e querer, e que sitúa no querer a vinculación coa vontade e en cambio o desexo enlázao coa insatisfacción.
Cando Jacques Lacan analiza o desexo observa como este se despraza continuamente dun obxecto a outro para así preservar permanentemente algún obxecto de desexo. Non pode darse un cumprimento do mesmo, pois neste proceso de desprazamento queda aberta a propia imposibilidade de conseguir o que desexamos.
Estes elementos poden permitirnos entender como estas sociedades hiperactivas e da multitarefa acaban por este camiño sendo tamén sociedades desexantes e só cabe explicalo dende os propios intereses internos das mesmas. O continuo desprazamento, a necesidade de vender o producido, a imperiosidade do consumo para a supervivencia do sistema fan que o desexo se converta no eixe das nosas vidas. Non queremos, senón que desexamos aquelo que nos vén inducido pola publicidade. Sabemos e temos plena conciencia de que non poderemos obter todo o que nos seduce, e permanecemos impasibles ante moitos dos nosos desexos -literalmente permanecemos ‘sentados’- entendendo aquí o desexo como ensoñación irrealizable. En cambio, si conseguen que nos movamos e superemos o desexo para convertelo en querer noutros casos, e así activámonos na procura dos obxectos que os provocan. Velaí o extraordinario logro da publicidade.

Publicado no Progreso o 29-9-2018


lunes, 24 de septiembre de 2018

A caverna portátil


Juan Carlos Fernández Naveiro


Nada mellor que unha historia para ver que a filosofía fala do que somos. “Imaxina uns homes nunha especie de morada subterránea en forma de caverna, cunha longa entrada aberta á luz, e imaxina que están alí dende nenos coas pernas e o pescozo encadeados de maneira que teñen que permanecer alí e  mirar unicamente cara adiante,  pois as cadeas  impídenlles volver a cabeza…”  Quen non sabe algo desta historia? É a famosa caverna de Platón, un relato que está na orixe da nosa cultura e ao mesmo tempo sorprende pola súa actualidade.
Dentro da caverna hai todo un dispositivo de proxección que convirte aos prisioneiros en constantes espectadores das formas que bailan na parede do fondo, o paralelismo cunha sala de cine é tan evidente que o que nos conta Platón ten a verosimilitude que non podía ter para os atenienses de hai dous mil catrocentos anos, máis aínda se pensamos que a presencia das imaxes desborda o fenómeno do cine e ocupa hoxe a totalidade do espazo, social e sobre todo privado.
O texto platónico contén multitude de escenas que lle dan un carácter aventureiro: o prisioneiro que despois de saír da caverna volve entrar nela e discute cos que alí quedaron, as suspicacias coas que se atopa, o risco de morte que afronta. Con todo, o que lle da ao relato da caverna un carácter fundacional non é a imaxinería tan audiovisual, que incúe efectos de son, senón o signifcado que transmite: os prisioneiros son unha representación da humanidade, e o texto ven dicirnos que vivimos nun mundo de apariencias, e distingue entre o interior sombrío da caverna e o nítido mundo exterior, entre o que simplemente nos parece e o verdadeiramente real. Non hai definición mellor da filosofía que esta, o tránsito da apariencia sensible á verdade, a saída da caverna. Todo o traballo filosófico e científico, incluso o humanismo moderno e os fundamentos da política, beben dese mesmo impulso de traspasar o dado cara unha realidade máis auténtica, esa imaxe da caverna que nos define como seres separados da nosa plenitude e sometidos ó designio das circunstancias históricas, confrontados á ignorancia, o pecado, a alienación. É unha constante da nosa tradición cultural, a imaxe iluminista e revolucionaria da caverna, o camiño a un coñecemento liberador e unha sociedade redimida.
Pero hai outra lectura posible da caverna na que esa dualidade de planos do real é unha condición estrutural que está por baixo de toda variable histórica. É unha lectura menos compracente da condición humana, escindida de raíz entre o impulso de intervir no real (a audacia técnica de Prometeo que lle rouba o lume aos deuses para entregarllo aos homes), e o que nos mitos representaba o seu irmá Epimeteo, o que solo comprende “despois” e por eso sempre chega demasiado tarde, como a curuxa da sabiduría que según Hegel levanta o voo no solpor, despois de ter ocorrido os feitos do día, unha condición por ese motivo exposta á decepción, vulnerable ante os males do mundo, que o propio Epimeteo provoca ao abrir a caixa de Pandora.
Se a primeira imaxe da caverna agudiza a oposición entre a razón (o prisioneiro liberado) e outras formas de saber que nos manteñen na escura ignorancia, abonando unha interpretación racionalista que acabaría por ser canónica na historia da filosofía, a segunda é unha imaxe máis tráxica, e máis vinculada á sabiduría arcaica (non solo grega) que suliñaba a distancia entre a irrealidade da vida humana e  a verdadeira realidade na que vivían os deuses, da que é un trasunto o abismo platónico entre as as cousas e as Ideas.
Aínda que ambas lecturas forman parte do legado do platonismo (e por eso o seu lugar cardinal na historia das ideas), a segunda imaxe da caverna, a lectura tráxica, resiste mellor que a primeira a confrontación co decurso dos feitos históricos. Despois da producción ideal e simbólica do mundo medieval e moderno, constantemente capaz de facer pasar por voluntarios novos mecanismos de servidume, o menos que se pode dicir é que a caverna está hoxe máis vixente que nunca, multiplicada e individualizada por todo tipo de dispositivos portátiles a unha escala antes impensable.
Igual que os prisioneiros de Platón, estamos afeitos a unha «interface» que mediatiza a nosa experiencia. Da igual ocio ou traballo, para viaxar, para investigar, para relacionarse cos demáis, cada vez nos costa máis imaxinar como era a vida antes do teléfono móvil.
Toda tecnoloxía, dicía McLuhan, é tanto unha extensión do noso corpo físico como unha amputación dalgunhas das súas funcións. Os medios de transporte amplían o noso radio de acción e ao mesmo tempo nos fan cómodos, torpes, ineficaces. Pero a vida antes da televisión, do coche ou da electricidade, eso sí que é difícil imaxinar. 
Os beneficios da técnica están á vista de todos pero os costes precisan máis perspectiva. Aínda non coñecemos ben os efectos do uso masivo de teléfonos móviles sobre a propia intelixencia humana. O malo non é que sexan intelixentes senón que acaben por tomar as nosas decisións. Amputados non solo de entendemento senón tamén de vontade.
Se hai algunha posibilidade de mirar fóra da caverna pasa por liberarse un pouco desa escravitude e abrir ocos no monopolio dixital. Como dí Lewis Carroll por boca de Humpty Dumpty («Alicia a través del espejo»), “a cuestión é saber quen manda”. 

Publicado no Progreso o 22-9-2018

martes, 11 de septiembre de 2018

Unha vida esperando


Gonzalo Pérez López

Cando navegamos pola idade na que a percepción errónea do paso do tempo deforma a cuantificación do tempo real, a reflexión sobre o que supuxo o que deixamos atrás parece atopar fácil acomodo. Apremados polo tópico tempus fugit virxiliano, a pouco que nos abandonemos en brazos da tentadora melancolía, acaba por converterse nun tema recorrente, máis tendente á lamentación ca análise.
Con independencia do estado de ánimo ó que nos leve esta cavilación, parece indiscutible que a nosa vida, expresada en termos de tempo vivido, é unha secuencia reiterada, sen límites precisos, entre esperar e desesperar. Que isto provoca angustia  parece  incuestionable. Non se trata dunha pose existencialista, tan deostada hoxe por asociala coa debilidade na sociedade dos fortes, senón da toma de conciencia dunha  persoa que, ante a imposibilidade de modificar esa realidade, pretenda escapar do compracente autoengano.
O caso é que a nosa vida acontece nunha ilimitada sala de espera. Esperamos, por exemplo, unha chamada, un tren, un resultado, o cese da dor, un desenlace burocrático ou un traballo digno,  pero tamén esperamos o éxito social, un amor idealizado, un mundo xusto, a morte ou unha resposta imposible para algunha das preguntas que nos corroen como humanos. Cada forma de espera ten matices físicos e psicosociais diferentes.
Con bastante frecuencia a espera resulta estéril e provoca en nós unha desesperación que o único que aporta é  material abondo para  escribir acotío a historia persoal de soños e desexos incumpridos, amplificados cando se escribe a historia da humanidade. O malestar que nos causa acaba por roubarnos presente e futuro.
Reincidimos no paso fugaz do desexable ao frustrante (por imposible) e convertemos as lembranzas  nun refuxio para deformar o que nin chegou á categoría de vivencia, pero, ó non ser capaces  de lograr a obxectividade analítica necesaria para extraer unha lección práctica para o presente, insistimos  nesa secuencia que parece irremediable.
Reducir esta problemática ó ámbito do individual ou do introspectivo sería un erro considerable de apreciación dada a evidente correlación que ten co modelo de sociedade imposto polo capitalismo triunfante. Este, como en outras circunstancias, é capaz de extraer beneficio ata das propias contradicións que provoca, aínda que conceptualmente parezan insalvables. Vexamos.
O poder establecido pode reducir ó mínimo os tempos de espera a través do desenvolvemento técnico ou enchelos artificialmente como negocio porque, en calquera caso, o tempo ten un elevado valor de mercado do que apropiarse. Por iso impón unha dinámica frenética, obrigándonos a romper os ciclos da natureza e o noso propio ritmo, transmitindo a idea de que vivir con estrés é o xeito de situarse na modernidade. Crea necesidades de toda índole, consumismo compulsivo incluído, cuxa insatisfacción provoca urxencias que presiden todos os actos da nosa vida.
Vivimos, entón, nun estado de emerxencia xeneralizada, difícil de compatibilizar coas continuas esperas e dilacións do éxito ás que estamos sometidos sen que provoquen un estoupido persoal e social. Pero o sistema dominante dispón dun variado repertorio para esvaecer os efectos da desfeita que el mesmo provoca.
Así, unha manifestación do poder é tamén a capacidade para controlar os nosos tempos, esperas incluídas, impoñernos os ritmos que lle conveñen e conseguir que aceptemos con resignación a espera ou a posposición indefinida dese éxito que previamente convertera no noso leitmotiv. Ademais, sen renunciar á maridaxe de comenencia urdida ó longo da historia co poder relixioso, o poder económico é capaz hoxe de transformar por si mesmo a espera en esperanza, fundamental para potenciar o conformismo e a aceptación do statu quo. Así, mentres a espera ten unha expresión material e medible no tempo, a esperanza, tinguida ou non de matiz relixioso,  é a quintaesencia da espera aprazada indefinidamente a cambio dalgunha satisfacción compensatoria, sempre ilusoria e difusa.
A consecuencia inexorable é que, a pesar do noso potencial para someter a realidade a unha análise crítica rigorosa, hoxe, como na metáfora de Beckett, aínda seguimos aferrándonos ó absurdo de esperar  a Godot inutilmente.

Publicado no Progreso o 8-9-2018