Juan Carlos Fernández Naveiro
“A vida
castiga a quen chega tarde”, espetoulle Mijail Gorbachov ao xerarca da
República Democrática Alemá Erik Honecker o 18 de outubro de 1989, e en menos
dun mes xa o vento da hostoria o tiña levado por diante (o propio Gorbachov
veríase tamén fóra de escena un par de anos máis tarde).
Recordo eses feitos transcendentais na historia
europea recente ao ler “A torre”, de Uwe Tellkamp, un retrato demoledor dos
habitantes da Turmstrasse, un barrio residencial de Dresde nos anos 80, nos
estertores da RDA. A novela leva este subtítulo: “Sobre un país desaparecido”,
e ao ler as súas páxinas torrenciais, se salvamos as distancias entre o derrube
dos rexímenes comunistas en Europa Oriental a finais dos anos 80 e o momento
actual no que asistimos de novo a fondas transformacións da realidade europea,
temos a extraña sensación de que tamén o noso mundo se está diluindo, e que
igual que para os habitantes da Torre, “o presente é só unha pálida silueta dos
grandes días de antes”. ¿Non será tamén o noso un país xa desaparecido?
Desde logo costa admitilo. Mais ¿que podemos
agardar cando os oráculos do Banco Central Europeo prevén unha “necesaria caída
da recadación por asalariado”? Chamémoslle previsión, recomendación ou profecía
autocumprida, eu pregunto que clase de futuro agarda a uns países declarados
culpables e por tanto merecedores de cumprir o seu castigo. ¿Será o castigo da
vida a quen chega tarde? ¿Seremos tamén barridos polo vento da historia? ¿Ou
todo formará parte dunha penitencia, ese “todo o necesario” que Mario Draghi dixo
que estaba disposto a facer para salvar ao Euro? Tamén a RDA fora sustentada pola financiación soviética, e cando
esta fallou descubriron que non tiñan unha economía produtiva propia. ¿Dónde están
esas ideas para cambiar o noso modelo produtivo? ¿Dónde unha reforma fiscal nun sentido
verdadeiramente progresivo? Un dos nosos problemas é que aquí tamén temos unha nomenklatura que nunca perdeu
privilexios nin viu sometido o seu poder económico a unha redistribución pola
vía fiscal comparable á dos países europeos aos que por uns anos tivemos a
ilusión de emular.
Temos ademáis unha democracia feble, con
crecentes problemas de lexitimidade da representación política, e estamos
sometidos a unha “condicionalidade” que obriga a reaxustar
un Estado de benestar xa de por sí precario, de construcción demasiado recente.
E todo eso cóllenos no lado dos deudores, dos culpables. Cada vez máis
periféricos e separados por unha fenda dos países acreedores. Grecia e tamén
Portugal semellan un experimento do que nos pode ocurrir a nós. A integración
europea vólvese unha empresa paradóxica: defendida sobre todo polos paladíns
xermanos da austeridade.
As ideas hai que cultivalas, e nós queremos
darlles un fermento propicio no medio da confusión reinante. A confusión destes
“tempos líquidos” (Bauman), na que os referentes que funcionaban
tradicionalmente con estabilidade nos patróns culturais, na contienda política
e no corpo social todo fóronse diluindo. Mais non dubidemos de que mellor ou
peor haberá futuro, agromarán novidades, e nós queremos estar aí (correndo o
risco de que as nosas ideas se volvan tamén confusas). Así que (se a
amabilidade do lector o permite en posteriores ocasións) seguiremos explorando
o presente, as raíces do presente e as súas proxeccións, e compre tamén facer propostas de acción. É o noso punto de partida como Proxecto DOXA.
Pensamos que é preciso aportar ideas para o momento histórico que nos toca
vivir.
Pois a pesar da necrolóxica dun país que o paso
dos días nos leva a facer, tamén constatamos que a metáfora da “fin da
historia” (Fukuyama) é constantemente desmentida polos feitos. Non está escrito
o triunfo universal do capitalismo, ao contrario, eu teño por certo que esa é
unha idea caduca a pouco que un se sitúe nunha perspectiva ampla dos
acontecementos. Como hai un cuarto de século pensaban os habitantes da Torre
respecto do socialismo, nós tamén presumimos que algo ten que cambiar, pero
“cara onde, señora Wrobel, cara onde, esa é a cuestión”.
Publicado no Progreso 6-10-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario