José Domingo de
Prada
Comecemos polo
obvio: un cidadán é un home (desculpen o xenérico inclusivo) libre, racional,
moral e crítico. Un cidadán é un suxeito de dereitos e deberes, e desde
mediados do século XX eses dereitos, non xa dun cidadán, senón de calquera home
(volvan a desculpar o xenérico inclusivo) están expresados na Declaración
Universal dos Dereitos Humanos.
Esta Declaración
culmina un proceso histórico que na súa versión máis recente poderíamos resumir
nos seguintes catro trazos:
- No século XVI
Hobbes tratando de fundamentar o absolutismo inventa a metáfora do “estado de
natureza”, segundo a cal antes da aparición da sociedade vivíamos en guerra
permanente, o home é un lobo para o home;
para impoñer a orde e paz, a sociedade ponse baixo a vixianza dun titor, o
soberano, quen garantirá a convivencia a cambio da obediencia cega. O soberano
dita a lei, pero, á vez, está exento de cumprila. Fronte ao soberano están os
súbditos, que o único que poden facer é obedecer a lei, pois non teñen nin
capacidade nin dereito para criticala. O soberano sabe qué fai, qué lexisla,
qué ordena, e sabe por qué o fai, mentres o súbdito é como un neno que nin
sabe, nin entende, e ao que só lle queda fiarse incondicionalmente do soberano,
como dun bon pai. Así pois, existirían
dous tipos de individuos: por un lado, o soberano, e, por outro, os súbditos.
- No XVII Locke
xustifica o liberalismo moderno dende a mesma metáfora do “estado de natureza”
transformándoa: nese estado tiñamos xa uns dereitos naturais, que non poden ser
nin degradados, nin prohibidos pola sociedade posterior.
Exemplos de
dereitos son a liberdade, o traballo, a propiedade, o coidado da saúde, … O
estado absolutista xa non vale, e hai que inventar outro, o estado liberal, que
respecta os dereitos e liberdades naturais dos individuos, todos, sen
excepción, en igualdade de condicións ante a lei, é dicir, todos cidadáns. A
sociedade perfecciona os dereitos naturais, e pon orde se hai disputas. A
desigualdade é un factor natural e inherente ao ser humano e non se pode
suprimir na sociedade.
-No XVIII
Rousseau volve a aceptar a mesma metáfora, pero di que nese estado todos
seríamos naturalmente bos, e que é a sociedade a que nos perverte, faino
desequilibrando os dereitos naturais dos individuos, pois as desigualdades son
sociais, non naturais, comezando pola propiedade privada que é un roubo do
individuo contra a sociedade.
Nin que dicir ten
que fixo máis fortuna a visión de Locke que a de Rousseau.
Tamén no XVIII
Kant define ao cidadán como suxeito de dereitos, pero coa obriga de saber qué
fai, de ser responsable dos seus actos. Literalmente, di que temos que facernos
maiores de idade, e dar conta das nosas decisións, das nosas accións. O
coñecemento será quen nos leve a esa maioría de idade.
Deixemos outros
trazos importantes que completarían a historia e situémonos a principios do
século XXI, no día de hoxe:
Estamos nunha
sociedade terriblemente contraditoria, formada principalmente polo que eu
chamaría súbditos democráticos porque se obedecen
acríticamente as mensaxes do poder, porque se cede sen pensar ante a
manipulación publicitaria ou informativa, porque se pechan os ollos ante a
merma de dereitos, porque non se queren diferenciar os dereitos das apetencias,
porque non se asumen os deberes nin as responsabilidades e se prefire seguir na minoría de idade, porque se
opta polo descoñecemento e o baleiro e se
deixa o esforzo e a inquedanza do coñecemento, porque se segue na
lasitude moral do “todo vale”, de “todos son iguais”, de “quen puidera facelo”,
porque se prega ante un sistema que non quere cidadáns críticos, senón súbditos
que os voten cada catro anos e os aplaudan permanentemente.
Por todo isto,
creo que estamos ante unha triste transmutación dos cidadáns en súbditos
democráticos, que o único que fan é cargar coas cargas dos cargos.
Publicado no
Progreso o 27-10-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario