Carlo R. Sabariz
Aproveitamos este voo sabático da
curuxa para anunciar que a próxima semana, os días 8, 9 e 10 de novembro, terá
lugar no salón de actos da Deputación de Lugo o encontro “Lugh Augusti: Foro de
Filosofía, Educación e Política”, organizado polo Grupo Doxa. Estas xornadas
terán como finalidade desenvolver unha reflexión crítica e compartida que
nesta, a súa primeira edición, versará sobre a democracia.
O evento proponse como foro, como
lugar de encontro circular e horizontal no que se intercambian prácticas e
coñecementos. Para elo, contaremos con certas personalidades para que nos
acheguen o seu discurso, mais non co obxecto de convencernos ou sumarnos a algunha
cruzada, non, o que procuramos é que arroxen luz sobre as problemáticas
plantexadas, inviten a que cada un faga o seu propio exercicio crítico, e que
se poida entón xerar un diálogo construtivo entre os asistentes.
As xornadas vehicúlanse a través
de tres eixos: filosofía, educación e política. Tomando como núcleo o
pensamento crítico, trátase de abordar unha reflexión co-participativa sobre o
modelo de xestión da “polis”, a política, e sobre aquilo que nutre e sostén a
cultura, o terreo educativo. Nun tempo no que se impoñen os discursos técnicos
e especializados, estimamos fundamental unha visión máis integradora que se
plantexe os problemas do cidadán de a pé dende o diálogo e a serenidade. Os
expertos economistas falan de economía, pero a economía é un terreo epistémico
que perde o seu senso sen unha regulación ou direccionalidade política. Pola
súa banda, os expertos políticos teorizan sobre a organización política e
social, falan de medidas, reformas e propostas, pero todas estas iniciativas perden
chan se non se acompañan dunha reflexión sobre os valores que queremos poñer en
xogo, ou o que é o mesmo, un pensamento político debe ir sempre acompañado dun
pensamento ético. É por todo isto que estimamos esencial a formación dunha
cultura democrática, e é a esta cultura á que quere contribuir a celebración
deste foro.
O primeiro día contaremos con
Ramón Cotarelo, catedrático de ciencias políticas da UNED, cuxa conferencia
abrirá o debate e afondará nos ideais, contradicións e realidades da democracia.
Na segunda xornada, o catedrático de filosofía Moisés Lozano fará unha
valoración da educación así como unha reivindicación desta dende unha
perspectiva galega. A continuación, Carme Adán, doutora en filosofía e deputada
no parlamento de Galicia, reflexionará sobre a situación política na nosa
comunidade. O sábado pola mañá, na terceira xornada, teremos unha mesa redonda
con tres prestixiosos xornalistas: Caetano Díaz (Galicia Hoxe), Xosé Luis Gómez
(Xeira Comunicación) e Lois Caeiro (El Progreso), que debatirán acerca da
relación entre os medios de comunicación e o poder.
Para darlle unha dimensión máis
horizontal ao encontro, haberá a continuación das conferencias un amplo tempo
para a quenda de preguntas e respostas. Ademáis, os eventos serán retransmitidos
en directo a través do sitio web, e na propia xanela do streaming poderase chatear ou participar a través de Twitter.
Coa organización deste foro, o
Grupo Doxa quere sumar esforzos que axuden a pensar a situación de crise actual, aportar un grao de area
a esa necesidade cada vez máis perentoria de ter que voltar a pensar a
democracia.
Queremos invitar a todos os
cidadáns, de calquera raza ou condición, a todas as persoas que queran pensar por sí mesmas, a que
acudan a este evento e participen deste debate social que a tod@s nos atinxe.
Por último,
agradecer o apoio da Deputación de Lugo (Vicepresidencia Primeira), do Concello
de Lugo, así como do grupo El Progreso.
Publicado no Progreso o 3-11-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario