José Domingo de Prada
A xustiza é complexa, escorredía,
indefinible, fluída, irrealizable, volátil. A xustiza é un enramado feble, como
unha tea que fixeramos sen entrelazar os fíos. Manterase fermosa mentres estea
no tear, pero cando intentemos sacala para lucila desfarásenos entre os dedos.
A xustiza só vale como utopía, como referente, como ideal ou como marco teórico
de acción. É difícil saber en qué
consiste a xustiza, e calquera que afirme ter claro o seu significado, delata
que non ten pensado moito sobre ela.
Si que parece máis sinxelo decatarnos
da inxustiza, de falta da xustiza, porque a súa ausencia mostra un baleiro, un
desacougo, unha traba, algo que, ou ben falta, ou non está como debería.
Se facemos unha analoxía entre a idea
primixenia de xustiza e a que temos hoxe, atopamos algúns paralelismos que
poden botar algo de luz sobre ela, salvando os matices incorporados tras máis
de dous mil cincocentos anos.
A xustiza grega, a DIKÉ, xorde no
ámbito da realidade material. Expresa a orde das cousas, a súa medida e as súas
relacións. Este sentido material e xenérico da xustiza emparéntaa co concepto
de ‘cosmos’, que tamén significa ‘orde’. Enfrontada coa xustiza está a HYBRIS,
que significa inxustiza, falta de medida, desorde, exceso, ruptura do que
debería ser. Ponnos no camiño do ‘caos’, da desorde.
Co desenvolvemento do concepto de DIKÉ
no ámbito social se ampliará aos campos ético, político e legal. A xustiza
seguirá balanceándose entre a orde e a desorde. É xusta a orde, inxusta a desorde.
Cando unha sociedade está organizada, será xusta a orde actual, e inxusta
calquera desestabilización da mesma. Atendendo ao sentido social do termo,
HYBRIS significará soberbia, ruptura do establecido, e, polo mesmo, desmesura.
Mais, se xa hai problemas para establecer a orde natural, presuntamente
obxectiva, estes medran e os desacordos multiplícanse, cando hai que decidir
sobre a orde social, absolutamente subxectiva.
No momento de establecer a xustiza, as
sociedades, fanno idealizando un modelo, que pode saír da tradición, da forza,
da relixión, do consenso. O modelo escollido establece a orde, o xusto; o que
se separa do modelo é inxustiza, soberbia, e debe ser castigado. Así, os
distintos códigos, non nos dan a verdade, nin sequera a xustiza, senón a orde
social imperante, -ás veces a que desexamos e non temos-. E, sobre todo, danlla
ao seu brazo executor, a maxistratura, para que poidan castigar calquera
quebranto contra esa orde. A quen non hai que castigar é ao xusto, ao que
cumpre a lei, é dicir, ao que está de acordo con esa orde social imperante.
Coma hoxe temos xustificacións moi
febles da orde social e calquera modelo semella ser válido só dun xeito
provisorio, a xustificación da xustiza vese moi debilitada. O labor dos seus
brazos executores problematízase, e, con frecuencia, cuestiónase. Isto faise
especialmente relevante nos casos nos que os xuíces xulgan (ou os lexisladores
lexislan) desde perspectivas abertamente ideolóxicas, de clase, relixiosas,
sociais ou persoais disociadas das da sociedade.
Ademais, se o xuíz xulga desde a
posición do que cumpre a lei por convencemento (de calquera tipo, incluso por
convencemento moral ou legal) será ríxido en extremo. Esta rixidez puido valer
noutras sociedades -nas coercitivas, que impoñían a lei ‘a sangue e lume’-,
mais na nosa non é válida porque, carente de conviccións fortes, cúmprese coa
lei por mera conveniencia.
O xuíz ten que xulgar desde a
legalidade provisoria na que vive, desde a incerteza que implica a aplicación
da lei que ten diante. O peor que lle pode pasar a un xuíz é crerse xusto. O
xusto ou é o voceiro de Deus, da ideoloxía, do poder, dos opresores ou dos
ricos. O xusto ten claro todo o que fai, sabe quen é o seu amo e cal é o camiño
recto para servilo. Xulgará aos máis en función dese camiño. O problema do que
se cre xusto é que non admite camiños paralelos ao seu. Por iso non debe xulgar
os demais, pois pon por diante o seu recto camiño.
Hoxe xeran lei e xúlgannos moitos
xustos (e xustas -non imos empregar sempre o xenérico inclusivo-) e ese é o
problema, pois a xustiza do xusto é inxusta.
Publicado no Progreso o 22-12-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario