III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 12 de enero de 2014

Medo ao medo



Gonzalo Pérez López

“Queres deixar de pertencer ao número dos escravos? Racha as túas cadeas e desbota de ti todo temor” (Epicteto)

      Asisto, entre triste e frustrado, pero non sorprendido, por esperado, aos recentes embates do sistema capitalista, tanto na súa manifestación mundial como na máis próxima a nós, e que, coherentemente cos valores que o sustentan, conducen, progresiva e inexorablemente á descomposición integral da sociedade que o padece.
      Para acadar os seus propósitos, o sistema que controla o mundo, empezou por inocular o seu veleno ideolóxico para que fosemos capaces de asumir o individualismo exacerbado e a insolidariedade que comporta, por medio dunha calculada e obscena manipulación, na que xogaron un decisivo papel os medios de (in)comunicación masivos baixo o seu dominio.
      Repetiu de xeito pertinaz perversións lingüísticas  de interesada carga ideolóxica, tales como “libre mercado” (traducida á realidade, a liberdade desaparece), “mercado somos todos” (esencialmente imposible, eu non son o FMI, por exemplo), “ó contrario co público, o privado sae barato, funciona e dinamiza a economía” (os datos obxectivos a converten nunha falacia), “vivimos no mellor dos mundos posibles” (e cada vez estamos máis lonxe da pretendida ataraxia), “capitalismo de rostro humano” (a acumulación de plusvalía que o fundamenta é, pola súa propia natureza, ilimitada, polo que só hai un capitalismo, salvaxe por definición e, polo tanto, inhumano), entre outras moitas dirixidas con precisión científica a minar a liña de flotación psicolóxica do cidadán.
      O modelo económico e socialmente dominante foi adoptando historicamente moi diversas formas, sempre coa intención de facer ostentación do seu dominio. Hoxe en día, animado pola virtualidade imperante, orientouse pola vía do capitalismo financeiro especulativo, o cal, tras uns anos de exercer como tal, emprendeu unha desas  crises cíclicas , cientificamente calculadas, co obxecto de incrementar  a súas ganancias e, tras anular calquera intento de reacción, saír, como sempre, reforzado.
E outra vez, coa inestimable colaboración mediática, comeza  un proceso acelerado, tendente a que os cidadáns asumamos os drásticos recortes de dereitos, cuxo recoñecemento supuxo o sacrificio solidario  das xeracións anteriores, como se fora algo estritamente natural.
      Así lograron que, desviando as causas reais da crise que padecemos, todos, menos os que a provocaron, nos auto inculpáramos (“viviamos por riba das nosas posibilidades”, din moitos mileuristas atribulados por ter “abusado” do sistema, “hai que apertarse o cinto” ou “todos temos que arrimar o ombro”, afirman traballadores que teñen o ombro dislocado de tanto arrimalo  a un traballo precario, mal retribuído e alienante, en empresas que evaden, amparadas en subterfuxios de dubidosa legalidade pero de indubidable inmoralidade, os xa de por si  escasísimos impostos que terían que pagar neste país).
Pero conseguiron tamén a desmoralización, e mesmo a auto inmolación, da sociedade civil, invitando ós cidadáns a renunciar ao papel que lles corresponde e a sumarse a unha especie de festín  da corrupción xeneralizada, fixeron da mentira e do “todo vale”  o fío condutor das relacións sociais e políticas, aproveitando, de paso, para desmantelar servizos e empresas públicas nunha campaña frenética de privatización directa de todo o rendible ou, previo saneamento con cartos públicos, de todo o susceptible de garantirlles  enormes beneficios sen o máis mínimo risco.
Ademais, fixéronnos crer que a gradación social básica entre os cidadáns radica na diferenza entre os que teñen traballo e os parados, entre os funcionarios e o resto dos traballadores, entre os que teñen algún traballo ocasional e os que teñen certa estabilidade inestable, entre os mileuristas e os que ganan o salario mínimo, en vez de afondar na separación esencial: a que existe entre todos os casos anteriores, tomados en conxunto, e os que, desde a súa situación privilexiada de poder, non só provocaron a crise senón que foron capaces de multiplicar as súas ganancias a costa dos que a sufrimos.
Pero, o máis grave é que todo o antedito foi aceptado pola que se supoñía a sociedade mellor formada da nosa historia, coa docilidade propia dun rabaño que, como tal, perdeu a súa capacidade de pensar autonomamente.
      Ante esta situación, nin as máis firmes conviccións  en que outro modelo para regular dunha maneira máis xusta as relacións humanas é posible, resisten á caída momentánea no pesimismo existencial.
      Sumido neste estado, por unha desas inescrutables asociacións, lembrei unha das máximas que acostumaba a dicir a miña avoa que, obviamente, non tiña lido ao filósofo Epicteto, pero co que coincide  nunha reflexión similar. ”O peor dos medos, neno, é o medo ao medo”, dicía con frecuencia. De pequeno, aínda que intuía a súa transcendencia, as súas sentenzas resultábanme tan crípticas que provocaron en min a necesidade de desentrañalas, o que supuxo un aguillón intelectual inestimable para o fomento do meu espírito indagador e, polo tanto, crítico. Nunca llelo agradecerei suficientemente.
      Efectivamente, o aforismo deume a clave para interpretar a situación actual. O medo ten o efecto paralizante que garante a consecución dos obxectivos do poder, polo que, unha vez aboado o terreo, nunha pendente esvaradía imparable, introducíronnos primeiro o medo ó futuro (asumir que calquera alternativa ao que hai leva ó abismo), o medo a nos mesmos (que non nos recoñezamos), despois, e, por fin, o peor de todos, o medo ao medo. Atenazados por estes medos, e case sen tempo para reaccionar, perdemos dereitos humanos inalienables: sociais, laborais, humanos, en suma; perdemos o estado de  dubidoso e desigual benestar (de que tipo?, para quen?), perdemos a confianza nos alicerces que sustentan o estado social  de dereito, perdemos o fundamento moral do concepto de xustiza como referente … Podería dar a impresión de que o temos todo perdido, pero aínda  nos queda algo que, por si mesma, xustifica a resistencia activa para non perdela: a dignidade!

Publicado no Progreso o 23-2-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario