III Foro "Lugh Augusti"

jueves, 13 de febrero de 2014

Politicamente incorrecto



José Domingo de Prada

Hai uns anos cando esta sociedade estaba menos instruída do que está agora, falábase con orgullo da boa educación. Despois o termo caeu en desuso e substituíuse pola perífrase “politicamente correcto”, expresión un tanto “cursi” que naceu xa pasada de moda. Mentres a boa educación estivo vixente, expresou unha forma socialmente aceptada e valorada de comportarse, na que predominaba o control dun mesmo e a avaliación das circunstancias concretas que repercutían en cada acto.
A vixencia da boa educación culmina na Modernidade, que herda as boas formas ilustradas do século XVIII e quebra coa chegada da Posmodernidade. Nas últimas décadas do século XX o termo comezou a perder forza coincidindo co auxe do novo liberalismo, coa crise das ideoloxías e coa busca dunha liberdade individual exacerbada, característica da época, que levou a romper normas, ás que definiu como restritivas. A consecuencia inevitable foi que –sen normas– caeuse na escravitude dos desexos.
Reclamábase a liberdade individual, pero realmente o único que socialmente se conseguía era a liberdade económica, que permitiu a quen soubo e quixo aproveitarse dela, sen cuestionarse dilemas morais, pingües beneficios (véxase a situación política actual). Non se dubidou en cualificar á boa educación como imposición e, por extensión, tamén se cualificou de imposición á educación en xeral. Finkielkraut sinala esta quebra posmoderna na confusión entre “o mestre que instrúe e o amo que domina”.
A liberdade individual, entendida como dereito a gañar cartos e a realizar a inmediatez do propio capricho, erixiuse como único valor aceptable. Así, a sociedade valoraba aos que gañaban moito e quedaban nun segundo plano os que sabían, os que tiñan experiencia ou incluso os ben educados.
Esta exaltación da liberdade individual levou a excesos, aos que houbo que poñer algún límite, e para iso inventouse o do “politicamente correcto”, pois ninguén se atrevía a recuperar o que botáramos no lixo –a boa educación parecía un prexuízo arcaico e intolerable–. No seu lugar impúxose o “politicamente correcto”, unha mala copia, máis feble, sen carga histórica, baleiro, sen conceptos que o ampararan e sen mestres que o tiveran imposto. Tal parecía como se o “politicamente correcto” acabara de caer do ceo como un “maná” en estado virxinal. Por certo, este pseudoconcepto íalle moi ben as nosas sociedades pseudopensantes, levantadas sobre pseudoideas a medio estruturar e bastante burdas, nas que se confunde cultura, natureza, saber, ignorancia, valor, cartos..., e nas que, desde logo, non se sabe estar cun mínimo de dignidade ou de ética e preténdese acadar o lexítimo e o ilexítimo coa mesma soltura e coa mesma naturalidade.
Rapidamente o “politicamente correcto” utilizouse  como elemento de control do que se dicía ou facía nas sociedades. Coartaba o modo de actuar dos individuos, aínda que paradoxalmente  non tiña influencia sobre o modo de ser, nin o pretendía, pois é un termo do ámbito do simulacro das sociedades posmodernas, e nel só interesa non ferir a sensibilidade do espectador. O simulacro convértenos a todos en simples espectadores e non pode molestar a nosa sensibilidade por se decidimos voluptuosamente ceder ao desexo de cambiar de canle ou de alterar o sentido do noso voto.
O “politicamente correcto” permítenos ser uns bárbaros maleducados na nosa vida privada, pero esíxenos un comportamento determinado de cara á sociedade. Educación de portas para fóra, ou o que é o mesmo falta de educación, pois a verdadeira educación lévase dentro. Carentes de modelos de actuación, cando aparecía alguén ben educado había que fuxir del, pois podía coartar a nosa liberdade. Empezamos a deixarnos influír por arribistas e manipuladores maleducados, que berraban pola liberdade de cada quen para logo impoñernos as súas regras e facer os seus negocios.
Fixéronnos crer que nos liberaban do corsé das normas sociais, máis atáronnos coas ligaduras dos seus intereses impostos coas sogas das leis escritas nos Boletíns Oficiais. Á vez, eles obtiñan beneficios netos. O “politicamente correcto” impedía que nos rebelaramos, aínda que fose educadamente. Pecháronnos a boca e as accións coa milonga do “politicamente correcto”, que, como non significaba nada, pasou a indicar “o que quere o que logra o poder”.
Así, en moi poucos anos, a nosa sociedade foi cedendo a súa capacidade de reacción. Todos fomos culpables (ós políticos dun e outro partido, eu mesmo, vostede, o resto dos nosos concidadáns e ás institucións coas que nos relacionamos a diario). Esta sociedade leva tragados carros, carretas, rodas de muíño e muíños enteiros. Xa vai sendo hora de que sexamos educados ao vello estilo, con firmeza, desenmascarando decididamente ao que ten posta a careta do interese propio, chamando ás cousas polo seu nome, como se facía desde a boa educación que esixía honestidade persoal, moral e intelectual (e, por suposto, económica).
Os cidadáns ben educados son críticos e previdos ante o  poder, os politicamente correctos submisos e confiados. ¿Como pensan vostedes que nos prefiren os nosos gobernantes?

Publicado no Progreso o 20-7-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario