Gonzalo Pérez López
Tería eu seis ou sete anos, a cabalo entre os cincuenta e os sesenta, coa
ditadura en plena canícula, cando desembarcou na vila un cura expresamente
encargado de aqueles castradores “exercicios espirituais” cos que, cada Semana
Santa, nos obsequiaba o párroco no seu
afán por reconducir ás posibles “ovejas descarriadas”. Especialmente arrepiante
resultaba a específica preparación para
a confesión dos nenos. Lembro con nitidez
o paralelismo que facía aquel cura entre a gradación de pecados, segundo
a súa gravidade, e batracios e réptiles varios que pululaban polo noso interior
e que, como os pecados a confesar, pugnaban por saír. Se lograbas expulsalos,
recuperarías a posibilidade da contemplación divina, do contrario, quedarías
destinado ó infernal castigo. Durante anos, facíaseme presente aquela escena do
sapo-pecado que, atrapado na miña gorxa, volvía cara atrás, acumulando pecados
inconfesados, que me oprimían o diafragma ata impedirme alentar. Terrible
tortura aquela, sen dúbida.
Pero, quen me ía dicir que, co paso do tempo, recuperaría aquel represivo e
cruel esperpento infantil como metáfora
idónea para reflectir as últimas décadas
da nosa historia? Como podía imaxinar
que acabaríamos expiando no presente a culpa por ter tragado tantos pecados
sociais e políticos desde a morte (só física) de Franco ata hoxe? Unha
retrospectiva histórica, non exhaustiva,
permitiranos esbozar as claves explicativas do proceso. Intentémolo.
Tras case corenta anos de ditadura e tres
de algo menos dura (o franquismo sucedéndose a si mesmo, baixo o modelo
bruto de Arias-Fraga ou do refinado de Suárez), aprobouse a Constitución de
1978, elaborada tras un posibilista consenso entre conspicuos franquistas,
franquistas transformados en demócratas conversos, os que din que se opuxeron á
ditadura pero de tal maneira que ninguén se decatou e un representante dos que,
tendo loitado contra o réxime de Franco con máis ou menos acerto, pero
arriscando as súas vidas, aceptaron participar neste xogo consensual.
Os estrategos dese consenso que nos devolvería ó estado de dereito e á
democracia formal (incluso a este nivel, tan escasa no noso devir histórico),
incluíron no acordo o propagar que a constitución era a “mellor das posibles”
(que era como non dicir nada, se ben
traducible polo “permitido polos poderes fácticos”), que representaba o
triunfo das que, sen rigor conceptual, deron en chamar “forzas democráticas” ou
que supoñía o “final da transición”,
palabra difusa que nunca explicou a onde
transitabamos.
Para poder recoller no texto constitucional aquilo de que somos cidadáns
(nunca o fomos en sentido pleno) dun estado social, de dereito, coa
correspondente división de poderes (aínda sen tradución real hoxe),
aconfesional (en ningún momento a igrexa católica fixo o haraquiri para
absterse da súa intromisión e influencia na toma de decisións políticas), invitóusenos a tragar sapos, algún deles
enorme, como o da monarquía, forma de estado de infausto recordo histórico para
nós, personalizada en quen aportaba como único “mérito” para ostentar a
xefatura do estado ter sido elixido polo
ditador para prolongarse no tempo. É verdade que a meritocracia non é unha
contribución propia dos monarcas que no mundo son, pero, neste caso, o engadido
de ser o encargado de cumprir os designios do “Caudillo de España por la Gracia
de Dios”, non representaba, precisamente, un incentivo para calquera
aspirante a acadar a categoría de cidadán.
Para paliar a embarazosa situación, tanto os que crían cumprir a vontade de
Franco como os monárquicos conversos, emprenderon unha febril campaña de maxia e corramos un tupido veo que fixeran
tragable tal desatino, intentando que o propio monarca acabara por convencerse
de que a súa mesiánica misión non era outra que a de “traer a democracia” a
este sufrido país. Con tan excelsa labor colaboraron os medios, invitándonos a
xogar á monarquía e custodiando celosamente o tabú creado ó redor da figura e a
actuación do xefe de estado, familia e círculos de poder próximos.
A maioría silenciada, que inxenuamente pensou que deixaría de selo, tragou
ese sapo a cambio, supoñía, dos beneficios que lle reportaría ese “estado
social e democrático”, versión serodia do estado de benestar, ese invento
necesario do capitalismo, mestura de doutrinas keynesianas e adornos socialdemócratas,
para reactivarse e frear calquera intento de alternativa.
Dado que partíamos das catacumbas en materia de dereitos, as faragullas que
nos deixaron sufriron en nós un efecto amplificador, levándonos a pensar que os
dereitos da letra constitucional só eran punto de partida de superiores
conquistas e impedíndonos ver o que nos quedaba por tragar, xa que sen unha
reforma fiscal autenticamente progresiva e soportando as rendas do traballo a maior carga
impositiva, o estado social era unha quimera. Nesas estabamos cando o
capitalismo mundial provocou outra desas cíclicas “crises necesarias”,
intrínsecas ao sistema, e o que pensamos consolidado e punto de partida
converteuse en punto de chegada e volta
atrás en pendente. Desactivado o sempre necesario estado de alerta crítico e
infantilizados por tanta maxia e milagre, tragamos a “culebra” das
consecuencias da crise, autoinculpándonos da mesma e quedando, así, sen
capacidade de reacción social fronte á brutal campaña privatizadora e de recorte/perda de dereitos emprendida
polo poder. Aquel estado social
precipítase cara ó seu deceso sen
solución de continuidade.
Reducido o Parlamento ao papel de comparsa
formal, o executivo gobernando
por medio de decretos-lei (case
corenta en ano e medio de lexislatura), unha boa parte deles en dirección
contraria ó defendido no seu programa electoral, espoliados de dereitos
básicos, a corrupción ganando espazo, cunha igrexa institucional insolidaria
ante a crise e marcando programa e axenda do executivo en materias que afectan
a dereitos e liberdades individuais, co asociacionismo en retirada, dado o individualismo imperante,
cuns medios ferreamente controlados polo poder, sen reforma fiscal solidaria no horizonte, perdida a esperanza
de que o poder xudicial, piar básico para que o estado de dereito sexa tal,
reconduza a desfeita constitucional emprendida, co Tribunal Constitucional seriamente mediatizado politicamente e
convencidos de que a xustiza non é igual para todos, é dicir, encontrándonos en
estado de privación cidadá, deglutimos o máis grande pecado socio-político, a
“culebrona”, en terminoloxía do cura aquel, que nos condena a expiar a culpa
por tempo indefinido. Tal pecado supón asumir que a democracia real universal,
esa lexítima aspiración permanentemente cernada, non pode pasar dun soño
mentres o poder siga nas mesmas mans dos que secularmente o ostentaron e a
plutocracia globalizada exprese a forma de goberno mundialmente dominante.
Publicado no Progreso o 3-8-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario