III Foro "Lugh Augusti"

miércoles, 5 de marzo de 2014

Dereito a decidir

Mª Isabel Sánchez Corral

Aínda que o pareza non vou falar do independentismo catalanista, nin do das outras comunidades históricas, nin sequera de federalismo ou do construto que poida ser esta España nosa. Non o fago a conciencia, aínda sendo interesante o tema, pero non me gusta que me marquen o tema a elite política e os mass media para despistar e así non darnos conta do número de parados que ten este país ou o que sexa. Estou máis por pensar en se o cidadán ten algún dereito a decidir sobre se comer ou quentarse, se ten dereito a decidir a gorecerse do frío en inverno e a paliar a calor en verán baixo teito, ou se dorme no patio; se ten dereito a decidir a estar san, estar educado ou se hai dereito a que nos privaticen a cotidianeidade. E nese non dereito a non decidir nada porque nolo impoñen todo, tamén queren impoñer a maternidade ás mulleres. Si, o título do artigo refírese ao dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade, ese dereito que nos roubou a lei antiabortista e provida aprobada na antesala do nacemento do fillo de Deus.
Ben é certo que cando falamos do aborto xorden cuestións abertas, dúbidas e tamén moitos prexuízos. Isto vén dado porque se trata dun conflito básico entre o valor da liberdade e o valor vida como algo sagrado. En cambio, moitas veces quérese levar ao campo do moral e inmoral, do xusto ou o inxusto ou da opción entre matar e non matar, mostrando unha visión maniquea do tema.
Ante este conflito hai dúas posicións antagónicas: a que denominamos proelección ou dereito a decidir, que defende o dereito a elixir se proceder ou non a un aborto e por outro lado, estarían os antiabortistas que manteñen o dereito absoluto á vida.
As persoas que se sitúan na posición de polo dereito a decidir ou proelección encóntranse ante un dilema, pois non lle quitan todo valor ao feto e polo tanto intentan ser coherentes con certas cuestións que xorden sobre se este ten ou non un valor intrínseco, enfrontando o dereito a abortar por propia decisión sendo as razóns múltiples. Os antiabortistas non se cuestionan nada, pois utilizan o dogma como solución a todo.
A realidade é que o feto depende da nai, só a nai pode asegurar a súa vida. Só pode renunciar a el matándoo. Esta cuestión para os antiabortistas remarca a obriga absoluta que ten a nai de seguir levando o feto no seu seo, independentemente de calquera circunstancia. O seu fundamento pende sobre o principio de que se empezaches algo o tes que rematar. Así para os movementos pro-vida, co seu principio básico «a vida é boa», se unha muller mantén relacións sexuais e concibe, debe asumir as consecuencias das súas accións, o queira ou non. Así consideran o embarazo como un castigo e as relacións sexuais como algo malo en si mesmo, só serían boas cando xeran vida que é sagrada. Sen entrar a valorar que entenden estes grupos por vida ( Que vida? A vida é boa? Para quen? Onde? En que circunstancias?...), o que si fan é airear o mito de Eva, a expulsada do paraíso, entendendo o embarazo como castigo por experimentar pracer. Chegan así á conclusión de que a vida é boa, pero a muller debe ser castigada se manifesta desexos propios. Eva cuestionou o patriarcado manifestando os seus propios desexos e foi castigada a parir con dor.
A visión de que a muller debe rematar o que empezou voluntaria ou involuntariamente, a obriga de facer algo co seu corpo que non quere facer, é visto polo outro grupo antagonista como algo inxusto. Levar un organismo vivo que non se quere, é condenar á muller á escravitude, un castigo onde se perde a autonomía e esta perda enténdese como algo non desexable moralmente. Levar a cabo un embarazo non desexado é unha perda de liberdade onde a muller se sente secuestrada ,no sendo dona do seu propio corpo.
As persoas temos dereitos sobre o noso propio corpo pero isto non sempre foi así. Ao longo da historia o matrimonio para a muller supoñía a perda deses dereitos e aceptar o acto sexual obrigaba a levar durante nove meses o feto. Esta visión que está no fondo do argumentario dos provida, percorre o pensamento do cristianismo teorizado por Tomé de Aquino cando expón as tendencias naturais nas que fundamenta a moral e o dereito positivo. Para o santo, o home ten tendencia natural a procrear e a coidar dá súa prole, polo tanto, nada de aborto e nada de homosexualidade posto que son antinatura e non teñen esa finalidade. Esta visión da sexualidade coa fin única da procreación dista moito da visión de Desmond Morris. O zoólogo e etólogo inglés entende que as relacións sexuais ademais de ser fonte de pracer, serven para cimentar lazos permanentes non relacionados no tempo co momento da ovulación. Porque levando ao límite os argumentos antiabortistas, se o sexo só é para procrear, non só se debería prohibir o aborto en todas as súas versións, senón tamén a súa práctica fóra dos días do mes que poida ter lugar a concepción.
A posición provida vólvese intolerante xa que non admite ningún caso e o prohibe para todo o mundo en calquera circunstancia. Fronte a eles, os e as que optamos polo dereito a decidir, non obrigamos, senón que ante a realidade dos feitos, cremos que se debe lexislar para todos e todas independentemente do sexo, a clase, a procedencia, o credo, etc.; pola contra, se fomentará o desequilibrio social volvendo ás que abortan con perexil e os que fan turismo de luxo a outros países.
Unha vez máis óbviase a esas mulleres cargadas de dramas, volvendo a castigalas en vez de darlles unha solución. Desposuíndo aínda máis as desposuídas. Non se pode obrigar a unha muller a ser nai, o efecto de axuizar o aborto non produce restrición na demanda, só evidencia o non recoñecemento do drama social.
En pleno século XXI non se pode restablecer o Dereito Canónico como Dereito común. A moralina cristiá non pode permanecer en vigor como Dereito Positivo. A nivel privado pódense manter as categorías e fundamentos morais que cada cual considere, pero non se poden exportar por decreto a outros colectivos humanos, con códigos éticos diferenciados.
Dende o respecto a calquera relixión, o poder lexislativo ten que garantir que o Estado non se confunde cunha confesión determinada.
Esta lei retrógrada e ultraconservadora fundaméntase e avala todo o ideario antiabortista e provida, porque é o seu. Os seus intereses son tamén macroeconómicos e outra lei, coa obriga ética de lexislar para a cidadanía, quizais poña en perigo a man de obra barata, subverta a orde, poña en perigo o poder eclesiástico e o executivo sen oprimir a muller.
             Publicado no Progreso o 18-1-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario