Xosé Ramón Cando vázquez
En decembro pasado asistimos ao sainete do ascensor (dos prezos da enerxía
eléctrica) representado polo goberno e protagonizado polo ministro Soria no que
se puxo de manifesto a súa improvisación e
incoherencia, así como a rapacidade das empresas que, presuntamente,
compiten no sector. Este sainete permitiu entrever algo desa cousa que chaman
economía de mercado, ou sexa a Administración (formalmente democrática) cede un
servizo público á iniciativa privada para que, entre outras hipotéticas
vantaxes, da competencia entre diversos actores se beneficie o servizo e se
axusten os prezos aos custes. A realidade é ben distinta, entréganse empresas
rendibles que son fontes de ingresos de todos e para todos a uns cantos que non
están cavilando, precisamente, en mellorar o servizo público senón en obter os
maiores beneficios posibles, para o que, xaora, non teñen reparo en aparcar o
tan louvado mercado e a tan benefactora competencia. O resultado desta
connivencia no latrocinio entre poderes públicos e empresas privadas acadou
unha expresión tan escandalosa que o goberno non tivo mais remedio que rexeitar
o produto da súa lexislación (abortalo) e tapar o burato cunha medida que
define como “solapada”.
No medio do balbordo xerado polo mencionado escándalo, o presidente do
goberno o señor Rajoy manifestou que a enerxía en España é moi cara,
circunstancia que prexudica á cidadanía pero sobre todo prexudica a
competitividade das empresas. Está pensando o Sr. Rajoy en algunha fonte
alternativa de enerxía que permita abaratar os custes neste ámbito? Non se
precisa ser moi espelido para ver cara onde miran os seus ollos, entre outras
cousas porque na dereita española sempre mostraron afecto por unha enerxía que
cualifican de barata pero tamén de limpa, a enerxía nuclear. A impresión
colectiva xerada como consecuencia do ocorrido en Fukushima, onde a imprevisión
de fenómenos sísmicos levou a unha importante contaminación radioactiva de
augas, terras, seres vivos e, por suposto, persoas, impediu que se teñan feito
públicas decisións relacionadas coa ampliación do “parque” de centrais
nucleares no territorio do estado español, pero do feito de que de cara á
opinión pública se sinale ás enerxías renovables como principais responsables
do incremento na tarifa eléctrica e das citadas palabras de Rajoy despréndese
un apreciable “cheiro” nuclear.
A experiencia, mesmo a mais recente, mostra que a tecnoloxía non ten
acadado o nivel esixible para proceder ao emprego de combustibles nucleares sen
producir, simultaneamente, exposicións a graves riscos. O mesmo ocorre coas
medidas a desenvolver en caso de accidente nuclear con fuga radioactiva, coa
agravante de que determinados isótopos presentes nesa radioactividade ficarán
durante miles de anos sen degradarse. Non pretende desenvolverse aquí un
discurso sobre as características da enerxía nuclear e os perigos da súa
manipulación, sinxelamente advertir de que, tal como ven sucedendo noutros
ámbitos (vg. reforma laboral) primeiro deséñanse as medidas a adoptar mais
beneficiosas para a oligarquía que dirixe aos que nos gobernan e a continuación
impúlsanse as circunstancias que as farán pouco menos que inevitables. Ese é o
procedemento polo que se chega ao escándalo inconmensurable e inaceptable
para a especie humana (se lle queda algo
de humanidade) de que 80 persoas dispoñen de recursos económicos equivalentes,
conxuntamente, aos posuídos por 3.500.000.000 de persoas, evidentemente, menos
afortunadas.
O principal obstáculo para que os depredadores económicos non leven adiante
estes e outros proxectos, en xeral prexudiciais para o conxunto da sociedade,
consiste na reflexión sobre o que sucede, como sucede e por qué sucede; sobre
todo en impedir, como se pretende, a xeralización da súa ollada, xa non como
unha alternativa mais a contemplar, senón como a única posible. Se, en termos
aristotélicos, o que nos distingue é o “logos” (palabra, razón), sigamos ao
filósofo e fagamos uso dese logos que nos constitúe como seres humanos, un
logos que terá que estar emancipado como nos ten advertido Kant e que tantos
outros, antes, agora e sempre pretenden deturpar porque para eles o SER HUMANO
non é un FIN en sí mesmo, é so unha ferramenta (escravo, servo, proletario,…)
ao servizo das súas propias metas.
Publicado no Progreso o 25-1-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario