Xosé Ramón Cando Vázquez
Afirmaba Maquiavelo que o ser humano non é necesariamente bo pero tampouco
non é obrigatoriamente malo, o que ocorre é que a súa febleza convérteo en xoguete das súas paixóns polo
que é preciso establecer medidas coercitivas que impidan a posta en risco da
seguridade do estado. Non se trata aquí de participar da obsesión de Maquiavelo
pola defensa do estado, mesmo contra dos
seus habitantes, pero ter en consideración o seu diagnóstico antropolóxico pode
orientar as nosas decisións como cidadáns nesta xeira histórica na que moitos
de nós semellamos atordados pola vertixe dos acontecementos.
Habitamos un planeta no que o poder obtido mais ou menos democraticamente e
polo tanto dotado dunha (certa) lexitimidade non é quen de levar adiante os
mandatos da cidadanía porque bate coa oposición de poderes superiores aos que
podemos negar toda lexitimidade para impor os seus intereses por enriba dos do
conxunto da sociedade. Tanto ao longo da historia como na actualidade
constatamos bloqueos, embargos, afogamento financeiro, etc. para aquelas
sociedades que deciden reconstruírse de acordo con modelos que limitan a
capacidade de actuación (de succión?) dos mencionados poderes. Este
enfrontamento tende a desaparecer porque os poderes ilexítimos dispoñen das
ferramentas mediáticas necesarias para conformar o criterio maioritario das
sociedades que, naturalmente, resultará coincidente co propósito que eles
perseguen. Igualmente, tenden a mediatizar as instancias de participación
(nomeadamente partidos políticos) co obxecto de que os proxectos
ideolóxico-políticos vaian perdendo definición de tal xeito que a (conveniente) alternancia no poder político
non supoña ningunha mingua para os seus
intereses. O anterior faime lembrar o texto de Bertold Bretch “Se os tiburóns fosen homes” que contén unha
metáfora do que acontece. En síntese, os
tiburóns constrúen cidades para os peixiños, protexéndoos doutros perigos e ata proporcionándolles un certo benestar (porque
“os peixes ledos son moito mais saborosos que os tristes”). E dentro desas
cidades os tiburóns poñen, loxicamente, escolas para que os peixiños aprendan a nadar gozosos cara as
súas fauces. A ideoloxía dominante fala de que hai que traballar duro e
reclamar pouco para sacar o país adiante…ou sexa, para que alguén se forre co
empobrecemento xeral.
É preciso que a cidadanía, desconfiando coma Maquiavelo da integridade
moral do ser humano, tome conciencia da necesidade de impedir o desenvolvemento
de poderes capaces de afogar a discrepancia para converter os seus proxectos
nos únicos viables tal como nos lembran, permanentemente, dende o goberno, os
seus voceiros convertidos en ministros, ex-ministros, presidentes e
ex-presidentes que rematan nun remunerado (traballo?) en empresas da oligarquía.
A democracia non pode sobrevivir se a cidadanía no seu conxunto non é
absolutamente soberana e semella que dita soberanía esixe establecer límites,
fundamentalmente de tipo económico, que permitan salvagardar a liberdade humana
da esmagadora desigualdade responsable de que
“un home se teña que vender a outro” (lembremos a Rousseau).
Semella un obxectivo difícil, porén a historia móstranos que noutros tempos
téñense acadado metas case imposibles,
lembremos o absolutismo monárquico do “antigo réxime” e o proceso da súa
desaparición cando a confluencia dos cambios económicos e sociais e das achegas
de pensadores como Locke e Montesquieu (entre outros) desembocou na masa crítica que remataría por
rebentalo. Este proceso histórico mostra a necesidade do pensamento a carón da
realidade económica, política e social que precisa cambios importantes e
inaprazables, como sucede actualmente coa urxente necesidade de limitar o poder
económico, causante do decaemento da soberanía do pobo que é a única fonte
lexítima de poder canto a toma de decisións de goberno. Isto teno moi claro o
ministro Wert que, consciente do perigo da ruptura do pensamento único neste
momento en que a maior parte da sociedade se ve proletarizada, elimina do
currículo educativo boa parte da materia de Filosofía e na súa totalidade as de
Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos e Educación Ético-Cívica. Non
se precisa moita clarividencia para entender que non interesa a formación de
cidadáns responsables e polo tanto críticos, pola contra, resulta efectivo
dende a óptica do poder económico a formación de traballadores e traballadoras
submisos e dispostos aceptar as condicións laborais e salariais que se lles
impoñan por moi indecentes que sexan.
Publicado no Progreso o 9-11-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario