José Domingo de Prada
Finais do 2013. ¿Qué se pode, ou debe, pensar no actual momento histórico e
social? Sabemos que as futilidades que nos acompañaron no final do século
pasado e principio do presente, esfumáronse definitivamente ou están a piques
de facelo. A visión despreocupada, pretendida e falsamente inocente da
abundancia do mundo (actualización dos «felices anos vinte») hoxe, perdeuse.
Enfrontámonos a moitos e graves problemas sociais: paro, pobreza,
institucionalización da corrupción e da mentira, falta de democracia,
plutocracia, inxustiza tanto xurídica como lexislativa, moral ou económica,
negación de dereitos ‒incluídos os Dereitos Humanos, que cada día son menos
universais‒, perversión e manipulación das palabras, verdades e valores, grave
destrución do noso habitat ‒agora que están de moda os produtos ecolóxicos‒, en
fin, virtualidade dunha realidade configurada ao gusto e proveito dun poder,
que antes cedía unhas rafas para repartir entre a maioría e que agora tamén
recolle. Nada novo baixo o sol, pero realizado hoxe con medios moito máis
potentes dos que ninguén puidera soñar no pasado. Con todo, a situación semella
nova para nós, que cremos, por un momento, que o mundo melloraba sen remedio.
¿Cabe a filosofía nun mundo en crise como este?, ¿ten algún valor a reflexión
filosófica ‒teórica‒ cando todo se desmorona ‒de facto‒ ao seu redor?
A resposta é si, sen ningunha dúbida. De feito, a mellor proba da cabida e
a necesidade da filosofía na actual situación de crise é, precisamente, o
empeño do poder en suprimila. Ninguén se molesta en quitar de en medio a quen
non estorba, e a filosofía é un estorbo. É así para as elites do poder, para os
manipuladores, os creadores de opinión,
os lobos ‒lobbies‒ do mercado e os años da masa, os ideólogos e para todos aqueles que nin pensan, nin
queren pensar. Non queda máis remedio que seguir lembrando a Kant: «Ousa
saber», «sae da culpable minoría de idade», «deixa de lado ao amo: sexa titor,
confesor ou mestre», «asume a tarefa de pensar, por ti mesmo». Temos que
recuperar e usar a nosa razón, ou dito doutra forma, realizarnos como humanos,
porque a razón é o único que nos humaniza ‒como xa descubriron os gregos e
quizais por iso inventaron a democracia‒.
Cabe a filosofía neste final do 2013, precisamente por estarmos en crise. Unha
situación crítica esixe xulgar, separar e tomar decisións (estes son os
significados de ‘kríno’ e ‘krísis’ en grego, de onde se deriva o vocábulo).
Ante unha crise temos que cambiar de rumbo, repensar a realidade que vivimos e
que, ao vivila, imos construíndo. Unha situación de crise esixe, para superala,
que elaboremos un “pensamento da crise” ou crítico. Este pensamento é o único
que ten valor, xa que o pensamento crítico é o que formulamos despois de xulgar
algo coidadosamente, o que elaboramos tras unha rigorosa reflexión.
Cando facemos todo isto, acabamos habitualmente decatándonos das falsidades
e das trampas do poder ‒sexa o amo, o
confesor ou o mestre, como dicía Kant‒ aos que lles interesa que todo siga
igual para manter o seu lugar de privilexio.
¿Que pensar a finais do 2013? Sexamos claros: os nosos «felices anos vinte»
xa pasaron e pola historia sabemos que foron seguidos polos «tristes anos
trinta», os «terribles corenta» e os «míseros cincuenta». Así que só nos queda pensar que facer para
non repetir a historia. Non vale mirar atrás, nin ter saudade do paraíso
perdido ‒nunca houbo paraísos, nin tempos míticos‒. Só nos queda como opción o
pensamento crítico (rexeitemos slogans globais), o xuízo rigoroso (denunciemos
a manipulación dos mass media), a racionalidade reflexiva (superemos a
simplicidade e o medo ideoloxizados). Só
nos queda entrelazar perspectivas amplas que integren puntos de vista
diferentes (rachemos coa uniformidade do pensamento dominante), a revisión das
nosas accións (a moral é a gran desterrada destas sociedades) e da nosa
relación coa natureza (necesitamos superar o egoísmo, persoal, cultural e
social, e recuperar a nosa base natural). Para poder pensar neste final do 2013
vai ser imprescindible redefinir conceptos como o de propiedade (especialmente
o a colectiva e a súa defensa), de acumulación (non pode materializarse a
xustiza coa inxusta distribución actual da riqueza), de traballo (dereito
humano fundamental hoxe sometido as derivas da especulación do mercado), ou de
cooperación (co abandono do individualismo e do consumo compulsivo actuais).
¿Que pensar e que facer cando nos destrúen a sanidade, a educación, a
xustiza, a seguridade, os dereitos individuais e colectivos, o traballo, o
futuro, o sentido da vida, incluso a esperanza? Sorprende que todo isto proveña
dos que son os nosos representantes e velan polos nosos intereses e ten como
consecuencia que a estulticia se expanda ao noso redor e acabe afectándonos a
nós mesmos, que nin somos capaces de denunciar unha mentira, nin de amosar a
nosa bonhomía. Parece coma se nos houbesen abortado as ideas agora que a LOMCE
estrangula a Filosofía.
A finais do 2013 dá a impresión de que o sistema quixera rematar co
pensamento crítico. Se o consegue, acabara coa democracia.
Publicado no Progreso o 28-12-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario