Xosé Ramón Cando Vázquez
Relata Klein que na cidade de Nova Orleáns, que
fora vítima do Katrina, non se reconstruíu o conxunto da urbe, o que se fixo
foi crear novas zonas urbanas destinadas a persoas cos recursos suficientes
para mantelas, á marxe da administración do condado. O resto da poboación
sobrevive nun espazo urbano no que os servizos públicos son escasos e de
deficiente calidade porque a cidadanía residente nas novas ‘cidades’ non
contribúe ao erario público común do Condado. A mesma autora refire que noutras
grandes cidades, en concreto Atlanta, está a distribuírse a poboación en guetos
seguindo o modelo de Nova Orleáns, lugares perfectamente dotados de servizos
para as minorías favorecidas e amplas zonas, infradotadas, nas que malvive o
resto da poboación. Klein engade unha nova característica a este ‘avanzado’
deseño urbano, as novas ‘cidades’ son construídas, fornecidas e administradas
por empresas privadas, nadas do experimento levado a cabo durante a ocupación
de Iraq onde os límites morais e humanitarios foron, simplemente, ignorados.
Menciona Vattimo as palabras de Davis nas que
afirma que a doutrina de combate do Pentágono está sendo remodelada co fin de
apoiar unha guerra mundial de baixa intensidade, de duración ilimitada, contra
segmentos criminalizados dos pobres das cidades. Igualmente, o filósofo
italiano aporta un parágrafo dun informe remitido polo contraalmirante C. J.
Parry ao Ministerio de Defensa británico, no que, entre outras cousas sinala
que «a pobreza absoluta e a desvantaxe comparativa alimentarán as percepcións
de inxustiza entre aqueles cuxas expectativas non se cumpran, aumentando a tensión
e a inestabilidade tanto no seo das sociedades como entre elas, e xerando
brotes de violencia como disturbios, criminalidade, terrorismo e insurxencia…»
deixando clara a razón da nova (e vella) planificación das prioridades
militares. Primeiro separamos os bos dos malos, ou o que é o mesmo os ricos dos
pobres e despois xa podemos proceder a facerlles a guerra sen risco para nós.
Escoitei, recentemente, na radio, que xa se poden
producir amorodos mediante unha impresora en tres dimensións. Estas novas xa
están deixando de sorprendernos pero, se cadra, non lles dedicamos o suficiente
tempo de reflexión para entender que a tecnoloxía, ao servizo da plusvalía,
rematará por reducir ata niveis asfixiantes as posibilidades de vivir do propio
traballo, e como consecuencia, a capacidade de consumir. Se hai seres humanos
que non son precisos nos procesos produtivos e polo tanto tampouco non son quen
de servir de destino aos correspondentes produtos, simplemente son humanos e
humanas prescindibles, mesmo, se cadra, molestos. Historicamente a loita de
clases tiña que ver coa explotación a que unha minoría: amos, señores ou
capitalistas sometían ao resto: escravos, servos ou proletarios, pero sempre
dende a necesidade que os primeiros tiñan dos segundos; iníciase agora un tempo
no que a minoría tende a considerar a unha parte da maioría como unha carga,
non como un recurso ao que explotar.
Os Ilustrados caracterizaron ao modelo de
convivencia proposto por eles como civilizado e puxeron a loita pola
‘civilización’ como un obxectivo central do cambio ideolóxico que perseguían.
Entendían a civilización como o oposto aos valores representados polo
feudalismo que para eles significaba barbarie. Aínda recoñecendo que no fondo o
que se defendía eran os intereses da burguesía, o concepto civilización vense
asociando dende entón co desenvolvemento de dereitos e liberdades e coa
reaparición doutro termo ‘cidadanía’, que, co tempo, asociado ao de ‘ben común’
(igualmente volto á vida) acabará por abranguer ao conxunto da poboación. Os
valores da civilización enunciados na súa orixe dende unha perspectiva liberal
e elitista acabarán por ser interpretados cunha ollada social e inclusiva,
pretendidamente, superadora dos conflitos que no século XX causarán unha
destrución nunca coñecida anteriormente.
Os tres primeiros parágrafos indican que o
concepto de civilización, tal como aquí se entende, deixa de ser un valor
constitutivo das novas sociedades, a cidadanía xa non abrangue ao conxunto da
poboación e o ben común perde o seu carácter inclusivo, mesmo formalmente, polo
tanto haberá que concluír que o que parece aveciñarse é a barbarie, non nun
sentido etimolóxico senón mais ben de acordo coa acepción popular que conecta
con inseguridade, con medo con dor e sempre no marco da ameaza da violencia.
Isto, como se ve, é mais que unha posibilidade pero, dende logo non é unha
certeza porque a cidadanía está a tempo de exercer o seu poder democrático, de
ser dona do seu destino, de converter o futuro no que debe ser, un tempo
ilusionante porque o seu poder, o de todos e todas, e insuperable.
Publicado no Progreso o 28-6-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario