III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 20 de septiembre de 2014

A filosofía como forma de vida



M. A. Martínez

Semella que que o destino histórico das sociedades avanzadas móvese entre o medo e a vertixe. Embarcadas no amargo reconto das derrotas, malferidas na esperanza de xustiza social, non son quen de espertar por si mesmas, nin tampouco consumar a súa desgraza. Agardan catalépticas o tempo da ruína. Asumen o incomprensible cun desasosego estupefacto. Que pode facer a persoa singular? De que marxe de manobra dispón? Unha das opcións é deterse, serenarse e volver a vista atrás. Mirar a súa historia: o pensamento europeo. Para que? Para aprender, formarse e concibir unha vida que pague a pena ser vivida.
Na historia do pensamento latexa a filosofía: fonte de inspiración que reborda ideas interesantes, conceptos útiles, argumentos innovadores. É a filosofía que todos coñecemos: teoría, saber, sistema de ideas. Mais tamén hai outra maneira de vela e practicala, na que as persoas poden tirar proveito doutro xeito: a filosofía como elección dunha forma de vida, un método para orientarse na vida.
No mundo antigo, por exemplo, encontramos persoas que gustan dunha vida dedicada ao pensamento e compromiso político (os platónicos) ou ao estudio da ciencia e exercicio da xustiza (os aristotélicos). Hainos que buscan a tranquilidade a través da depuración dos desexos (epicúreos), a suspensión das opinións (escépticos) ou a autocontención das paixóns (estoicos). Os cínicos prefiren unha forma de vida austera, que retorne á natureza e, xa que logo, desafíe os convencionalismos sociais. Todos entenden que existe unha vida filosófica que fornece ao ser humano dun sentido satisfactorio para os seus días e quefaceres. Esta vida é froito dunha deliberación pausada, calmada, entre amigos. Os filósofos e filósofas que fundaron escolas querían propoñer modos de vida sabios, felices, harmoniosos para todas as persoas (tamén para os escravos, lembremos aos estoicos).
Agora ben, o ser humano actual estima que non existe escola, ou escolas, de pensamento que o poidan orientar na acción. Manifesta, ademais, unha grande resistencia á reflexión. Aquí revela unha eiva na súa formación ética. Por que?
A grande virtude de sermos europeos é a posibilidade de dispoñer de experiencias de vida, desenvolvidas durante séculos, que foron discutidas, criticadas, corrixidas. Nietzsche falaba das escolas morais da antigüidade como laboratorios experimentais cuxos resultados podemos utilizar: mostran o que estaría ben facer e, tamén, o que habería que evitar. E non só na antigüidade. Toda a historia da filosofía atesoura formas de vida valiosísimas para nós: fundamentadas, contrastadas, revisadas. De feito, se a experiencia política dos antigos está a inspirar a renovación das nosas democracias avanzadas: por que non tomar impulso dalgunhas das súas experiencias éticas? Algúns consideran improdutivo recorrer á filosofía. Mais, que ten de improdutivo aspirar a unha vida máis consciente, máis racional, máis coherente, máis aberta aos demais e á inmensidade do cosmos? Xustamente nestas filosofías encontramos propostas de realización dalgúns exercicios prácticos de meditación.
O primeiro é un exercicio de vida: usar a razón, pasar da visión particular e apaixonada das cousas á perspectiva racional e universal. Para que? Toda a desgraza da situación actual radica na exasperación do desexo de proveito individual en todas as clases sociais, especialmente nas elites dirixentes. O autopeche dentro da propia visión do mundo fai irrelevante aos demais, ao planeta, e, inclusive, á propia vida! Pola contra, a razón pode revelar que non hai máis que un pracer: vivir, existir, non acumular. Para experimentalo basta con satisfacer os desexos máis elementais e naturais.
O segundo exercicio é a meditación sobre a morte. Para vivir mellor, o pensamento da morte pode axudar. Como? Permite tomar conciencia do valor do momento presente, dos momentos futuros que acolleremos como unha sorte inesperada. Isto implica facer o que facemos acotío, mais como se o fixeramos por primeira vez: con sorpresa, inocencia. Prodúcese así unha dupla liberación: do peso do pasado e do temor ao porvir.
O terceiro consiste en practicar «a mirada desde o alto»: recorrer coa intelixencia a inmensidade do espazo estelar, acompañar o movemento dos astros, dirixir desde o alto a mirada cara á terra para observar aos humanos e volver a situalos na inmensidade do universo. Descóbrese a nosa debilidade e ridiculez. Amplíase a conciencia e conseguimos unha especie de gozosa imparcialidade.
Estes sinxelos exercicios filosóficos da antigüidade, entre moitos outros, están destinados a desligar ao individuo do seu punto de vista egoísta e particular, facelo tomar conciencia da súa pertenza ao todo do universo e da comunidade humana. Son meditacións que tratan de sacar ás persoas da visión unilateral das cousas e axudalas a poñerse no lugar dos demais e do demais. Son, en suma, accións filosóficas que devolven o sentido do próximo e invitan a practicar a xustiza nas nosas relacións.

Publicado no Progreso o 5-7-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario