María Isabel Sánchez Corral
Estes días tras os últimos acontecementos veume á memoria o libro de Martha
Nussbaum ‘A fraxilidade do ben’. A filósofa americana analiza a relación entre
a fortuna e a ética, ao longo da traxedia e a filosofía na Grecia Clásica.
Como fío condutor da obra materialízase o contraste entre a busca da vida
boa e xusta a través da razón, e o intento de evitar os avatares da deusa
Fortuna.
A idiosincrasia do pobo grego exprésase nesa busca ideal da virtude e
maniféstase na vida pública, onde os cidadáns intentan articular a razón na súa
vertente tanto teórica coma práctica.
Nesa busca da felicidade polo camiño autosuficiente da razón, evitaban os
gregos xogar á pelota coa deusa Fortuna (Tyché) nos xardíns de Zeus. É ela a
que representa o azar, o inesperado, a fatalidade que aparta o home do control
da súa propia vida véndose abocado ao seu destino.
O gusto dos gregos pola traxedia, cuxo triunfo coincide co esplendor da
polis grega, non estaría tanto nunha tendencia natural ao drama senón máis ben
nunha forma de expoñer os medos e a «fraxilidade» do ser humano. Pois é na traxedia
onde parece haber un destino inxusto, un capricho dun deus, o azar da fortuna
que mostra ao ser humano como un ser fráxil.
Pero se como nos formula a autora, a fraxilidade non radica no que a
fortuna pon diante dos personaxes tráxicos senón en como estes actúan ante ela,
na resposta que dan; entón, o feito tráxico non está no encontro senón na
resposta que se dá e a responsabilidade que se deriva de tal resposta. Aquí
debería entrar a deusa razón cun importante papel.
Esta última parte, sobre a resposta e a responsabilidade ante os
acontecementos fíxose clara na miña mente ante a traxedia do ébola. Traxedia
dunha auxiliar de enfermaría que se enfrontou de forma voluntaria á deusa
Fortuna facendo e crendo no seu traballo (e que segue loitando pola vida no
momento que escribo esto). Traxedia dos que coa súa resposta desencadan os
acontecementos de forma irresponsable, con intereses ocultos e onde media todo
menos a razón. Aqueles que se apresuran a dar explicacións vagas culpabilizando
a verdadeira heroína desta historia.
Neste teatro aínda os hai peor parados, se iso é posible cando falamos de
enfrontarse á morte. Para eles non hai vida boa e xusta. A razón non opera na
súa terra. Nós deseñamos o seu destino e non poden deixar de xogar coa pelota
do infortunio que lles lanzamos unha e outra vez. No continente africano non só
morren miles de persoas polo ébola, senón que tamén se produce ese destino pola
tuberculose, a malaria, a cólera, a sida e moitas outras enfermidades. Sendo
espoliados dos seus recursos naturais e inducidos a innumerables guerras ao
longo de moitas décadas. Eles non poden actuar, non poden dar a súa propia
resposta, quitámoslles a capacidade de decidir sobre a súa propia vida.
Nós, os ‘herdeiros’ e ‘herdeiras’ da cultura grega estamos a esquecer os
ideais da excelencia e a vida boa ou quizais haxa certo interese nese
esquecemento. Esquecemento do pensamento, da memoria, da razón..., esquecemento
da filosofía.
Publicado no Progreso o 18-10-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario