III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 28 de febrero de 2015

A perversa idea de clase media



Gonzalo Pérez López

Todos os índices e informes recentemente publicados sobre España (índice Gini, informes de Oxfam, Cáritas, mesmo os da OIT ou da OCDE) contribúen teimosamente a desvelar as falacias que sosteñen esa ficción, coidadosamente construída polo capitalismo dominante, que é a idea de clase media. O incremento da desigualdade medra sen parar, especialmente no último lustro, a brecha entre ricos e pobres e, particularmente, entre uns poucos que acaparan o poder socioeconómico  e a maioría da poboación que o padece, converteuse nunha sima insalvable que patentiza a desaparición desa entelequia groseiramente alimentada da suposta xeneralización do que se deu en chamar clase media,  que contou coa reiteración calculada de retrousos  como “todos somos clase media”, que fixeron furor neste país. Dado que a cantilena resultaba  intelectualmente insostible, foi reforzada cunha matización formal espacial que se repetía tamén como se do resultado dunha análise científica da realidade social se tratase: “media-alta, media-media, media-baixa”, sempre con media diante, a modo de ritual propiciatorio para o adormecemento social masivo.
Esa amplísima franxa acrítica da sociedade que nos ocupa, soporta impasible o desmantelamento  e a privatización de servizos sociais básicos, que ela mesma contribuíra a crear, cara a súa conversión en obxecto de mercado. Imbuída dun individualismo paralizante e atordada pola eterna promesa de ascender un chanzo na escaleira social, a costa de que os que veñen detrás se precipiten escaleiras abaixo, sigue sobrevalorando as súas posibilidades de realizar o sempre posposto anhelo, incluso neste momento no que a orxía antisocial do neoliberalismo condena ós seus formados fillos a converter en soño a realizar o que seus pais consideraron conquistas irreversibles.
Por que admiten, por exemplo, a sobrecarga de impostos indirectos, inxustos per se, asumindo a regresividade actual dos directos, que a elite é especialista en evadir? Por que aceptan a socialización das perdas, contribuíndo ó rescate da banca tras o seu desfalco, deteriorando  servizos públicos, dos que só uns poucos privilexiados poden prescindir, e renuncian á socialización das ganancias, vía nacionalización,  picando, ademais, o anzol dos produtos timofinanceiros que extraen os  beneficios do sacrificio e da eterna aspiración frustrada de enriquecerse deste conglomerado social desclasado?   
A percepción dos seus intereses obxectivos como colectivo está tan distorsionada que nos sitúa ante unha  poboación hipnotizada, que se autosuxestiona da súa pertenza  a unha clase que non é tal, unha ficción que, aínda que carece de operatividade científica, impídelle tomar conciencia dos seus intereses reais, cumprindo a misión de actuar como parapeto e colchón para salvagardar os da clase mundialmente dominante e dos seus satélites estratéxicos. Esta propaganda falaz  cala tan fondo que incluso gran parte dos que padecen  importantísimas carencias a asume plenamente como expresión da súa situación real no espazo social.
Hai unha investigación que resulta paradigmática para confirmar ata que punto callou esta andrómena do poder. Seguindo criterios obxectivos para valorar o poder económico e social (nivel de renda,… ), distribuíuse  a mostra obxecto da análise en  cinco estratos, pedíndolles  ás mesmas persoas que se situaran onde pensaban que se atopaban  realmente. Nos únicos nos que coincidían a súa autocualificación coa situación obxectiva era nos privilexiados do estrato superior. Nos catro estratos restantes, agás unha minoría que asumía a súa práctica marxinación, a tendencia maioritaria  era a situarse tanto máis por riba da realidade canto máis abaixo estaba na distribución obxectiva de poder.
Este desenfoque, que se mantén aínda neste momento no que a crise acelerou o proceso de proletarización e o empobrecemento de boa parte da poboación, resulta pernicioso para os seus intereses, operando como  un factor psicosocial que contribúe ó incremento das diferenzas de clase, xa que, ademais do freo ás reivindicacións sociais que supón, a súa pasividade concede o tempo necesario para que a oligarquización galopante do capitalismo desmonte placidamente, sen apenas reacción social, aquel estado de benestar ó que se vira abocado para non perder o control nun momento histórico do seu desenvolvemento. Aquilo foi un espellismo que acabaron  por confundir coa realidade, incluso os que non gozaban de benestar algún que merecera tal cualificativo, pero que “partindo da nada, e só co seu esforzo, chegaron ás máis altas cotas de miseria”, seguindo a inapelable sentenza de Marx (Groucho).  Dado que a acumulación de plusvalía é algo intrínseco ó capitalismo, calquera aparente cesión dunha parte, por ínfima que sexa, nunca pasará dunha mera reviravolta imprescindible para proseguir a expansión acumulativa que o caracteriza.
É moi probable que o capital, en base as súas propias estratexias de supervivencia, aínda conceda ás narcotizadas masas algunha tregua nas futuras batallas da desigual guerra emprendida para a aniquilación do público.  A suposta concesión  atoparía hoxe o caldo de cultivo axeitado naqueles que, padecendo aínda o descenso da savia, están dispostos a crer nos “brotes verdes” e no primaveral “crecemento macroeconómico” da propaganda do réxime porque, consciente ou inconscientemente, manteñen  a esperanza inconfesable de que o neoliberalismo triunfante lles recompense con creces a resignación coa que se someteron ó  letargo social invernal.
Terán que decidir, entón, se están dispostos a deixarse arrolar de novo polos cantos de serea ata adormecer, esperando a próxima crise cíclica que os volva a  esnafrar,  ou apostan por facer efectiva  a súa potencialidade para provocar unha conmoción social,  que propicie a construción dunha convivencia sobre os sólidos alicerces morais do reparto social da riqueza dispoñible, da equidade e da solidariedade universal. Da actitude que adopte no futuro inmediato o enorme colectivo perversamente denominado clase media, dependerá, en boa medida, o devir histórico.

Publicado no Progreso o 21-2-2015

Distopía neoliberal



Elías Pérez Sánchez

Durante o Renacemento produciuse un florecemento espectacular do pensamento utópico, en certa medida recuperando o ideal platónico debuxado na súa ‘República’, que non era outro que a busca dun estado xusto no que prevalecera o interese común en detrimento do individual. Moro, Bacon e Campanella intentaron describir sociedades inexistentes, perfectamente organizadas nas cales non se daban as eivas e inxustizas do mundo no que vivían. As utopías do Renacemento mostraban sistemas políticos diversos, dende a democracia representativa en Moro ata unha sorte de autoritarismo tecnicista e esotérico en Bacon, pasando por un modelo case teocrático en Campanella. Con todo eran, por dicilo así, fantasías do ben, narracións que transmitían un optimismo cegador sobre o respecto polo ben común e polo humanismo social rexeitando as imperfeccións do mundo real e ofrecendo novas cosmovisións.

Distopía é o termo comunmente utilizado como antónimo de utopía e foi xa dende finais do século XIX un dos subxéneros máis ubicuos da ciencia ficción. Unha das máis coñecidas é, sen dúbida, ‘1984’ na que George Orwell nos advertía do grao de dexeneración que é capaz de alcanzar o ser humano se non se lle puxese remedio. Parece que foi o filósofo liberal J.Stuart Mill quen en 1868 utilizou por primeira vez o termo distopía, polo menos no ámbito político, durante un discurso pronunciado ante a Cámara dos Comunes no que denunciaba a política de terras (‘The irish land question’) levada a cabo polo goberno inglés en Irlanda. A devandita política, dicía Mill, podería eloxiarse como utópica se fose demasiado boa para ser practicaba, non obstante, ao ser demasiado ruín e indesexable (implicaba a opresión do Estado sobre a liberdade individual), era máis conveniente considerala como distópica ou cacotópica.

A anécdota de Mill e as connotacións que suxire o termo distopía indícannos que tanto utopía coma distopía representan dúas caras dunha mesma realidade: se a utopía nos suxire unha sociedade ideal, a distopía sería unha utopía invertida («a fantasía do mal») que representaría a miseria e o sufrimento dunha sociedade aberrante e anómala tanto social coma politicamente.

É certo que a distopía posúe unha natureza irreal ou imaxinaria (‘1984’, ‘Un mundo feliz’ serían bos exemplos diso), non obstante goza tamén dunha natureza real cando o termo é utilizado para describir sociedades con existencia verdadeira nas que a realidade transcorre en termos opostos aos dunha sociedade xusta e ideal. E iso é o que acontece na actualidade: estamos sumidos nun contexto social, político e económico marcado polo neoliberalismo e o capitalismo a cara descuberta (unha ortodoxa distopía do libre mercado) afastado do tradicional acompañante democrático-liberal que supostamente o humanizaba e que fai que a vida real resulte deteriorada, inquietantemente inhóspita e pouco edificante.

Publicado no Progreso o 14-2-2015

Cultos e eruditos



Mar Carballo Cela

O poeta portugués Fernando Pessoa deixounos grandes poemas e grandes reflexións. Nunha delas fai unha interesante distinción entre cultura e erudición: é culto o que aumenta un estado da alma –dinos- o que adquire certa actitude, non o que acumula información, este último sería o erudito. Advirte de non confundir culto con intelixente: o intelixente unicamente saca conclusións, o culto sente. Admite así que non só coa intelixencia se comprende, senón que tamén se precisa do sentimento e mesmo que este sería o máis importante.

Certamente, non é o mesmo memorizar os acontecementos narrados nun libro de historia, por exemplo, que ser capaz de extraer deles certa lóxica similar ó sucedido noutra época; pero diferente de todo isto é indignarse ante as inxustizas cometidas e sentir a rabia e a impotencia do que se sabe no camiño errado que conduce ó sufrimento. Afirmaba o poeta que “unha erudición de lomo e contratapa serve máis a un culto, que unha lectura a fondo  dun erudito”, e lamentábase  de que no Portugal do seu tempo escaseasen os cultos fronte a tantos eruditos. Curiosamente, esta é unha queixa que moitos intelectuais manifestaron ó longo da historia con respecto ós seus contemporáneos.

Hoxe en día podemos dicir que nunca antes na historia o nivel de formación académica foi tan alto, a información está na rede ó alcance de todos e as bibliotecas públicas facilitannos libros de maneira gratuita. A ilusión dos enciclopedistas, levar a cultura ó pobo, víuse cumprida; pero, e a segunda parte desa ilusión: o progreso social, a paz, a xustiza..? Suponse que todo isto se derivaría de forma natural do primeiro.

Debemos admitir que certo progreso é innegable; pero, podemos equiparar o ascenso do nivel cultural ó ascenso do progreso social e moral? Á vista está que non. Foméntase a erudición, no mellor dos casos totalmente inocua para os poderes dominantes, erudición que nos facilita o ascenso na escala social e nos reconcilia coa realidade imperante permitíndonos incluso gañar concursos; pero a erudición engorda espíritos avariciosos, non cultiva nin coida espíritos libres e solidarios. Adicámonos máis a explotar a mente que a cultivala, igual que facemos co agro (que curioso que agora se normalizase a expresión “explotación agrícola”!, volvendo a botar man da metáfora que Cicerón utilizara comparando entón o cultivo da mente co cultivo do campo), non nos preocupamos o suficiente por formar nesa actitude da que falaba Pessoa, nesa maneira de estar no mundo que ten que ver non só co pensar, senón tamén co sentir. E non nos damos conta de que nunca poderemos entender plenamente o que é unha crise económica se non conseguimos sentir as súas consecuencias na vida real das persoas. O intelixente chámalle solución a cadrar macrocifras nun acordo de despacho; o culto, a eliminar o sufrimento das vítimas; o erudito só dá fe do acontecido.

Non será completa a formación cultural se ademais de a pensar, non aprendemos a sentir: a sentir, como afirma Victoria Camps, o adecuado. E que é o adecuado?, se preguntarán: pois todo aquelo que serve para proporcionarnos unha vida boa en sociedade, porque son máis as cousas que nos unen como seres humanos que as que nos separan como individuos e non é tan difícil poñernos de acordo no esencial para educar  naqueles sentimentos que nos fagan mellores persoas. Todos sentimos desprezo ou rabia de maneira natural, pero o obxecto cara o cal dirixir estas emocións apréndese. Esta era xa a intención da “paideia” ou educación na Grecia Clásica, agora fálase de intelixencia emocional; goberno das emocións, lle chama Victoria Camps; “ethos” ou formación do carácter, dicía Aristóteles.

Efectivamente, falamos de valores, os mellores froitos que poden dar as mentes cultivadas - volvendo á metáfora agrícola- sen os cales o coñecemento nos pode converter en auténticas bestas. Baste recordar que moitos  nazis eran eruditos e intelixentes universitarios, seguramente algúns deles incluso acadaron a excelencia nas súas disciplinas; pero eran incapaces de sentir o necesario para comprender a fondo o alcance dos seus actos. A cultura, así entendida, fai referencia a un coñecemento máis profundo e global que necesita das emocións para completarse.

Nicholas Maxwell, profesor de Filosofía da Ciencia na Universidade de Londres, afirma que o gran erro académico das universidades é que non están pensadas para axudar á humanidade a aprender como facer fronte ós problemas globais de maneira máis intelixente, humana e eficaz; preocupadas unicamente polo coñecemento pero non pola sabedoría, esa capacidade que nos leva a discernir o que realmente ten valor na vida.

Non podemos converter tamén a cultura nun próspero negocio para medrar dentro do sistema. Non debemos disociar a formación e a investigación da busca dunha maneira menos lesiva de habitar o mundo. Creo que o peor que lle pode pasar á filosofía, á historia ou á ciencia é que os filósofos, os historiadores e os científicos sexan funcionarios de Estados sometidos a intereses puramente mercantilistas. Esta é a mellor maneira de caer no erro do que Pessoa abxuraba: “Nacín suxeito como os demais a erros e defectos, /pero (…), nunca ó erro de querer comprender só coa intelixencia”.

Publicado no Progreso o 7-2-2015

domingo, 8 de febrero de 2015

Filosofía e deliberación: en defensa do público



M. A. Martínez

Un observador da realidade social pode comprobar sen moito esforzo como tende a ocultarse o humano (a enfermidade, pobreza, miseria, vulnerabilidade, por exemplo) e exaltarse o inhumano (o control, asepsia, cálculo, eficiencia, cousificación). Os discursos públicos son un signo disto. Feitos para o público polos que ocupan a escena pública, son puro espectáculo. Reclaman aplauso ou anuencia, non invitan a pensar. Os argumentos son armas dun combate, tremoia dun teatro, xogo de cómicos.
Desde a perspectiva dunha vida pública saudable, o uso da argumentación é un modo de dar conta e razón de algo a alguén, coa finalidade de xustificar unhas propostas e lograr adhesión racional, ou asentimento razoable, ao que se propón. Durante séculos a filosofía adestrou no exercicio da lóxica e a formulación de argumentos veraces, non falaces. Proporcionou axuda para argumentar correctamente nos espazos públicos (tribunais, parlamentos, asembleas). Mais hoxe que tipo de espazo é o público?
O público é un ámbito complexo. Primeiro, pola pluralidade dos públicos (formados e non formados, informados e non informados, integrados e excluídos, entre outros). Segundo, pola construción de espazos telemáticos (comunidades virtuais, foros de debate, redes sociais) con regras formais de funcionamento (predeterminadas ou non) e contidos de difícil verificación e contraste (pola falta de tempo, escasa preparación das persoas ou, simplemente, inxenuidade).
En segundo lugar, o público significa o que a todos concirne e está a súa disposición nunha comunidade. Este significado repousa na efectividade, fluidez e calidade da comunicación entre os seus membros. En democracia ten como ideal a transparencia (non opacidade) e comprensibilidade (intelixibilidade) da información (sexan datos, normas, procedementos ou coñecementos).
Esta dupla condición do público en democracia (pluralidade de ámbitos, publicidade do coñecemento) sofre unha presión que fai circular sofismas específicos do pensamento en grupo. Sobresaen dous: a distorsión ou ignorancia da evidencia dispoñible a cada membro (en favor da xestión de niveis de acceso privilexiado á información); a polarización de actitudes e posturas no curso das discusións (que determina a resolución de problemas de forma diferida, preterida, errada, unilateral). Ambos os dous acontecen no ámbito social da argumentación: a deliberación pública democrática. Na actualidade a filosofía pode prestar a súa axuda para clarificar as condicións dunha adecuada deliberación grazas á teoría da argumentación.
O primeiro paso do éxito dun proceso deliberativo democrático consiste en respectar o principio de publicidade e acceso á información dispoñible. Tamén velar polo dereito a que a propia posición non sexa caricaturizada, polarizada, silenciada. O segundo é manter a autonomía: excluír coaccións ou inxerencias externas, e manter aberta a posibilidade de que calquera participante se vexa reflectido no curso da discusión ou no seu resultado. O terceiro é que os participantes recoñezan en público que contribuíron a, ou influíron en, o nó ou desenlace do proceso, ou, polo menos, se sintan copartícipes nel dalgún modo, aínda que discrepen do curso seguido polo debate ou a súa resolución final.
A deliberación pública en democracia non é unha negociación. O que se propón como conveniente non busca satisfacer os intereses das partes, só o interese común. Na deliberación prima a estratexia cooperativa sobre a competitiva. O proceso é presidido pola distribución equivalente de información entre os participantes e a xeneralización igualitaria das súas oportunidades de intervención.
Na democracia a deliberación ten lugar en diferentes niveis e contextos: a cidadanía delibera sobre os principios da súa nación nos períodos de renovación constitucional; os tribunais deliberan sobre a interpretación axeitada deses principios constitucionais pactados, votados; os representantes políticos deliberan sobre como materializar en lexislacións e regulamentos os principios constitucionais; os cidadáns e as cidadás deliberan nos espazos públicos (institucións, medios de comunicación, asociacións, partidos) como perfeccionar, aclarar e facer progresar os acordos sociais fundacionais.
Unha sociedade non é xusta até que facilita a todos as capacidades persoais e as condicións económicas para levar unha vida pública na que se sentirse participantes ou, polo menos, convocados (non só ao voto). Non é fútil a calidade dunha deliberación pública e do público que, en situacións excepcionais, poida establecer abertamente, por exemplo, que aspectos da vida dos cidadáns son intocables e cales non. Neste nivel de deliberación non se trata de antepoñer as constitucións nacionais, os ordenamentos legais. É algo que, como di Montesquieu, facilitan esas mesmas disposicións xurídicas: a capacidade de deliberar en liberdade sobre que é importante ou non. Isto atinxe, por exemplo, ás decisións gobernamentais que afectan á saúde física das persoas: reformas sanitarias, control alimentario, calidade do entorno medioambiental, axudas á dependencia. Decidir ou gobernar sen deliberar xa non é posible.
Este mecanismo democrático deliberativo pode funcionar mellor grazas á axuda que proporciona a lóxica (que estimula a argumentar correctamente) e a ética (que orienta os contidos do que se discute cara ao respecto da dignidade e dereitos humanos). Lóxica e ética axudan a filosofar, é dicir, a traballar en defensa do público.

Publicado no Progreso o 31-1-2015