III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 28 de febrero de 2015

Cultos e eruditos



Mar Carballo Cela

O poeta portugués Fernando Pessoa deixounos grandes poemas e grandes reflexións. Nunha delas fai unha interesante distinción entre cultura e erudición: é culto o que aumenta un estado da alma –dinos- o que adquire certa actitude, non o que acumula información, este último sería o erudito. Advirte de non confundir culto con intelixente: o intelixente unicamente saca conclusións, o culto sente. Admite así que non só coa intelixencia se comprende, senón que tamén se precisa do sentimento e mesmo que este sería o máis importante.

Certamente, non é o mesmo memorizar os acontecementos narrados nun libro de historia, por exemplo, que ser capaz de extraer deles certa lóxica similar ó sucedido noutra época; pero diferente de todo isto é indignarse ante as inxustizas cometidas e sentir a rabia e a impotencia do que se sabe no camiño errado que conduce ó sufrimento. Afirmaba o poeta que “unha erudición de lomo e contratapa serve máis a un culto, que unha lectura a fondo  dun erudito”, e lamentábase  de que no Portugal do seu tempo escaseasen os cultos fronte a tantos eruditos. Curiosamente, esta é unha queixa que moitos intelectuais manifestaron ó longo da historia con respecto ós seus contemporáneos.

Hoxe en día podemos dicir que nunca antes na historia o nivel de formación académica foi tan alto, a información está na rede ó alcance de todos e as bibliotecas públicas facilitannos libros de maneira gratuita. A ilusión dos enciclopedistas, levar a cultura ó pobo, víuse cumprida; pero, e a segunda parte desa ilusión: o progreso social, a paz, a xustiza..? Suponse que todo isto se derivaría de forma natural do primeiro.

Debemos admitir que certo progreso é innegable; pero, podemos equiparar o ascenso do nivel cultural ó ascenso do progreso social e moral? Á vista está que non. Foméntase a erudición, no mellor dos casos totalmente inocua para os poderes dominantes, erudición que nos facilita o ascenso na escala social e nos reconcilia coa realidade imperante permitíndonos incluso gañar concursos; pero a erudición engorda espíritos avariciosos, non cultiva nin coida espíritos libres e solidarios. Adicámonos máis a explotar a mente que a cultivala, igual que facemos co agro (que curioso que agora se normalizase a expresión “explotación agrícola”!, volvendo a botar man da metáfora que Cicerón utilizara comparando entón o cultivo da mente co cultivo do campo), non nos preocupamos o suficiente por formar nesa actitude da que falaba Pessoa, nesa maneira de estar no mundo que ten que ver non só co pensar, senón tamén co sentir. E non nos damos conta de que nunca poderemos entender plenamente o que é unha crise económica se non conseguimos sentir as súas consecuencias na vida real das persoas. O intelixente chámalle solución a cadrar macrocifras nun acordo de despacho; o culto, a eliminar o sufrimento das vítimas; o erudito só dá fe do acontecido.

Non será completa a formación cultural se ademais de a pensar, non aprendemos a sentir: a sentir, como afirma Victoria Camps, o adecuado. E que é o adecuado?, se preguntarán: pois todo aquelo que serve para proporcionarnos unha vida boa en sociedade, porque son máis as cousas que nos unen como seres humanos que as que nos separan como individuos e non é tan difícil poñernos de acordo no esencial para educar  naqueles sentimentos que nos fagan mellores persoas. Todos sentimos desprezo ou rabia de maneira natural, pero o obxecto cara o cal dirixir estas emocións apréndese. Esta era xa a intención da “paideia” ou educación na Grecia Clásica, agora fálase de intelixencia emocional; goberno das emocións, lle chama Victoria Camps; “ethos” ou formación do carácter, dicía Aristóteles.

Efectivamente, falamos de valores, os mellores froitos que poden dar as mentes cultivadas - volvendo á metáfora agrícola- sen os cales o coñecemento nos pode converter en auténticas bestas. Baste recordar que moitos  nazis eran eruditos e intelixentes universitarios, seguramente algúns deles incluso acadaron a excelencia nas súas disciplinas; pero eran incapaces de sentir o necesario para comprender a fondo o alcance dos seus actos. A cultura, así entendida, fai referencia a un coñecemento máis profundo e global que necesita das emocións para completarse.

Nicholas Maxwell, profesor de Filosofía da Ciencia na Universidade de Londres, afirma que o gran erro académico das universidades é que non están pensadas para axudar á humanidade a aprender como facer fronte ós problemas globais de maneira máis intelixente, humana e eficaz; preocupadas unicamente polo coñecemento pero non pola sabedoría, esa capacidade que nos leva a discernir o que realmente ten valor na vida.

Non podemos converter tamén a cultura nun próspero negocio para medrar dentro do sistema. Non debemos disociar a formación e a investigación da busca dunha maneira menos lesiva de habitar o mundo. Creo que o peor que lle pode pasar á filosofía, á historia ou á ciencia é que os filósofos, os historiadores e os científicos sexan funcionarios de Estados sometidos a intereses puramente mercantilistas. Esta é a mellor maneira de caer no erro do que Pessoa abxuraba: “Nacín suxeito como os demais a erros e defectos, /pero (…), nunca ó erro de querer comprender só coa intelixencia”.

Publicado no Progreso o 7-2-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario