Elías Pérez Sánchez
Durante o Renacemento produciuse un florecemento espectacular do pensamento
utópico, en certa medida recuperando o ideal platónico debuxado na súa
‘República’, que non era outro que a busca dun estado xusto no que prevalecera
o interese común en detrimento do individual. Moro, Bacon e Campanella intentaron
describir sociedades inexistentes, perfectamente organizadas nas cales non se
daban as eivas e inxustizas do mundo no que vivían. As utopías do Renacemento
mostraban sistemas políticos diversos, dende a democracia representativa en
Moro ata unha sorte de autoritarismo tecnicista e esotérico en Bacon, pasando
por un modelo case teocrático en Campanella. Con todo eran, por dicilo así,
fantasías do ben, narracións que transmitían un optimismo cegador sobre o
respecto polo ben común e polo humanismo social rexeitando as imperfeccións do
mundo real e ofrecendo novas cosmovisións.
Distopía é o termo comunmente utilizado como antónimo de utopía e foi xa
dende finais do século XIX un dos subxéneros máis ubicuos da ciencia ficción.
Unha das máis coñecidas é, sen dúbida, ‘1984’ na que George Orwell nos advertía
do grao de dexeneración que é capaz de alcanzar o ser humano se non se lle
puxese remedio. Parece que foi o filósofo liberal J.Stuart Mill quen en 1868
utilizou por primeira vez o termo distopía, polo menos no ámbito político,
durante un discurso pronunciado ante a Cámara dos Comunes no que denunciaba a
política de terras (‘The irish land question’) levada a cabo polo goberno
inglés en Irlanda. A devandita política, dicía Mill, podería eloxiarse como
utópica se fose demasiado boa para ser practicaba, non obstante, ao ser
demasiado ruín e indesexable (implicaba a opresión do Estado sobre a liberdade
individual), era máis conveniente considerala como distópica ou cacotópica.
A anécdota de Mill e as connotacións que suxire o termo distopía indícannos
que tanto utopía coma distopía representan dúas caras dunha mesma realidade: se
a utopía nos suxire unha sociedade ideal, a distopía sería unha utopía
invertida («a fantasía do mal») que representaría a miseria e o sufrimento
dunha sociedade aberrante e anómala tanto social coma politicamente.
É certo que a distopía posúe unha natureza irreal ou imaxinaria (‘1984’,
‘Un mundo feliz’ serían bos exemplos diso), non obstante goza tamén dunha
natureza real cando o termo é utilizado para describir sociedades con
existencia verdadeira nas que a realidade transcorre en termos opostos aos
dunha sociedade xusta e ideal. E iso é o que acontece na actualidade: estamos
sumidos nun contexto social, político e económico marcado polo neoliberalismo e
o capitalismo a cara descuberta (unha ortodoxa distopía do libre mercado)
afastado do tradicional acompañante democrático-liberal que supostamente o
humanizaba e que fai que a vida real resulte deteriorada, inquietantemente
inhóspita e pouco edificante.
Publicado no Progreso o 14-2-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario