Xosé Ramón Cando Vázquez
Coa entrada do novo ano deixei un conato de barba que fai que as persoas
que me coñecen me interroguen verbo dese cambio. Eu aproveito para dicir que a
causa do mesmo é renderlle unha homenaxe a un veciño da parroquia, que eu non
cheguei a coñecer, caracterizado (segundo contan) por posuír unha importante
capacidade tecnolóxica (construíu unha bicicleta de madeira) e gozar, el si,
dunha frondosa barba. Este home tivo a mala sorte de que na década dos 40 do
século XX fose difícil e custoso acceder á penicilina e este feito ocasionou o
seu prematuro pasamento, algo que eu cría que non volvería suceder superada a
acentuada miseria daquel tempo.
O renacemento na miña memoria da historia de Daniel veu suscitado polas
novas que nos chegan sobre a situación dos enfermos de hepatite C, que padecen
unha extraordinaria dificultade para poder recibir o tratamento pertinente para
a súa curación porque resulta excesivamente oneroso. Imaxino que dita
circunstancia afectará os doentes con menos posibilidades económicas dado que o
obstáculo para o acceso á medicación é, exclusivamente, a falla de capacidade
adquisitiva. Todo parece indicar que estes enfermos non constitúen unha
prioridade para a administración que non é quen de resolver, con celeridade, un
problema que afecta ás vidas de moitas persoas que teñen manifestado, a través
das súas asociacións, o acontecer de falecementos dende que o tratamento está
no mercado. Fronte a tanta dilación resulta chocante a présa e a contundencia
coa que se converteron as débedas de golfos e delincuentes en débeda de todos e
todas aínda que esteamos a falar de centos de miles de millóns de euros.
Merece especial atención a actuación da empresa propietaria do laboratorio
farmacéutico que posúe a patente da medicación que precisan os doentes
afectados por hepatite C, en cuxo caso a relación custe/beneficio, atendendo ao
prezo na farmacia, é dun dez mil por cen (10.000%). Non hai competencia,
mercaron o laboratorio que tiña a patente de Sogaldi e agora, simplemente,
dispóñense a recoller o botín, independentemente das consecuencias para as
persoas cuxa vida depende dese tratamento. Probablemente debería ser obxecto de
reflexión o escaso valor co que dotamos a vida humana fronte á inmensidade que
concedemos ao beneficio económico, o esforzo racionalizador que poñemos en
marcha para xustificar o que, en puridade, non máis nin menos que avaricia sen
límites.
Afirma o doutor Gabor Maté (Portland, Usa) que un embarazo desenvolvido nun
contexto estresante ten, estatísticamente, máis probabilidades de dar lugar un
individuo con tendencia a padecer adicións. Entre as adicións que menciona Maté
están as que todos e todas coñecemos, pero ao seu xuízo as mais graves, polos
prexuízos que lle causan á sociedade, son as relacionadas coa ansia de
obtención de beneficios económicos, citando a destrución da natureza ou os
danos ás persoas promovidos polas industrias do tabaco. Abundando na idea de
patoloxía coa que se cualifica agora o que antes era o vicio de avaricia, un
estudo realizado na universidade de Princeton (Usa) concluía que un incremento
de ingresos máis ala de 75.000 dólares anuais (aproximadamente 65.000 euros)
non suporía ningún incremento no eido da felicidade, establecendo que a partir
desa cifra, nos Estados Unidos, a felicidade xa pasaría a depender doutros
factores entre os que non se atoparía o económico.
Poderíase afirmar, se cadra inxenuamente, que o límite da avaricia ou da
adición estaría, nos EE.UU., arredor da mencionada cifra e, en España, algo por
debaixo da mesma, pero a miña humilde persoa carece de competencia para
establecer un ditame semellante; non obstante, sería de interese para o
conxunto da sociedade dar a este tipo de adición o tratamento que reciben as
patoloxías que se inclúen nesa categoría. As razóns que se aducen para
establecer cautelas en relación coas persoas que padecen diversos tipos de
adicións teñen que ver co risco que, para elas mesmas e/ou para as demais, se
deriva dos seus actos, así sucede, por exemplo, coas drogadicións. As mesmas
razóns son válidas para a adición (necesariamente ansiosa) á obtención de
beneficios económicos, tendo en conta os riscos que comporta para a sociedade
tal como afirma o doutor Maté e que en Europa sería doado constatar porque
cunha economía que non crece o incremento de ingresos dalgunhas persoas supón,
directamente, unha detracción equivalente a outras persoas (enténdase, dentro
da legalidade).
En todo isto, o que debería mudar e o concepto que a sociedade ten do
enriquecemento mais alá dos límites do necesario e do útil, transmutando a
admiración que, en xeral, merece o éxito económico (desmesurado) en indiferenza
ou, se cadra, tendo en conta os prexuízos que pode causar ao ben común, en
reconvención. Ata que isto non suceda, probablemente non se dea a lexitimación
moral necesaria para cualificar como merecerían ás persoas que, neste momento,
xogan co destino de varios milleiros de persoas doentes de hepatite C.
Publicado no Progreso o 24-1-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario