M. A.
Martínez
Algúns datos tomados aquí e
acolá, semellan indicar que remata o tempo de pensar a identidade. Achéganse
xeracións con preocupacións e expectativas distintas. A urxencia biolóxica e o
ritmo das máquinas imponse no pensar e actuar. A preocupación polo eu esvaécese
por tedio, indiferenza ou falta de tempo. Mais, entre tanto, vaise alterando
paso a paso, case imperceptiblemente, a nosa identidade.
A vella identidade definíase no
tempo e o espazo pola xenealoxía, relación á terra, á casa, ao territorio,
inclusive á nación. A identidade referíase a saberes antigos, á lingua, á imaxe
dun mesmo, e, tamén, aos poderes locais que devolvían unha outra imaxe do
saber, da lingua, dun mesmo. A identidade consistía, entre outras cousas, no
dominio dun saber facer (ou varios) e o exercicio dunhas rutinas (profesionais,
sociais, familiares). A afirmación dun mesmo era diante dos outros, para os
outros, mesmo cara (a favor, contra) os poderes. A globalización dos estilos de
vida dominantes, tende a substituír esta identidade pola avaliación.
A modernización e extensión do
capitalismo globalizado impón a avaliación dirixida nos procesos produtivos
(laborais, de ocio) e biolóxicos (médicos, clínicos). A súa finalidade é
examinar a calidade, eficiencia, rendemento, produtividade, competencia,
flexibilidade e formación das persoas. Mais isto pode ter consecuencias
inesperadas. Tales procesos fixan, como un parásito, unha identidade persoal
artificial. Identidade que carece de conciencia do pasado e dos ideais do
porvir, de vínculos humanizados e coñecemento das relacións do corpo coa terra
e o clima.
Os parámetros dos que depende a
avaliación, e miden a persoa, son os marcos da nova identidade. Unha identidade
virada ás competencias, puramente imaxinaria, sofisticada nas técnicas de
resposta e misérrima en ideais éticos. Esta outra identidade ten como referente
exquisito o proceso de avaliación, constantemente refinado segundo criterios,
ás veces, absurdos e arbitrarios. O resultado é o esgazado da identidade entre
un si mesmo perdido e un outro si mesmo con fondo malestar, temor e tremor.
Ademais, a identidade esgazada
inténtase zurcir pola forza a múltiples tempos: a globalización, a
europeización, o tempo nacional, laboral, o tempo libre, por dicir algúns. Ao
medo inscrito na identidade esgazada, enxértase a síndrome do pánico: sentir a
falta de límites na velocidade das decisións alleas, a indeterminación das
propias capacidades para responder, a incerteza na formulación de limiares
temporais seguros para as propias expectativas.
A nomeada crise actual vén de
abalar o sentimento íntimo da identidade individual. E, tal vez, algúns dos
problemas máis urxentes nacen precisamente aquí: na esgazadura da identidade
interior e exterior, no enxerto dun eu avaliable, no zurcido precario a
múltiples tempos.
A identidade esgazada e zurcida
sofre dificultades para enfrontarse aos perigos e ameazas da contorna. Posúe
algúns trazos do neurótico: a atenuación do sentimento de responsabilidade («os
responsables son os outros»), a imitación e contaxio psíquico («hai que facer o
que fan os demais», «onde vaias fai o que vexas»), a levidade dos compromisos
(«minto porque todo mundo minte», «roubo porque todos o fan»), a lixeireza coa
que se vive o amor («nada é para sempre»), a crenza na realización das ideas
porque son só pensadas («o mundo é o meu pensamento»). Mais, sobre todo,
resalta un trazo: a interiorización dun eu desmesurado.
Trátase dun eu enorme, invasor,
caníbal, só interesado en si mesmo porque enguliu o mundo («a miña opinión vale
porque é miña», «a verdade é a miña verdade»). Este ego tenta capturar os
outros egos, cunha intensidade afectiva desmedida, abafante, inclusive, carnal.
Non é difícil comprobar que este
ego dilatado tende a bater cos demais. Estouran conflitos entre egos
expansivos. Erosiónase a identidade, a cohesión social. Quéixanse dos demais
que fan exactamente o mesmo ca eles. Créase un plano imaxinario que se sobrepón
ao real: a queixa delirante é o modo de xustificar a ferocidade na
supervivencia, o incumprimento da lei, a irresponsabilidade, a preguiza, e,
sobre todo, a trampa, a picaresca, o cinismo, a mentira. O mal delirado lexitima
os comportamentos incorrectos. E estes verifican na realidade o discurso
delirante da queixa. Así é como se forxa unha identidade dura, impermeable. Un
ego dilatado (soberbio, fachendoso) que complementa ao ego encollido (fráxil,
vulnerable). Un ego que se dilata no soño porque na realidade se encolle.
Salvar a culpabilidade profunda
de quen se vive como un nada social e persoal, e se queixa de todo e de todos,
nunca de si propio, é posible. Vencer a ameaza psicótica de non ter límites
espaciais corporais e, como reacción defensiva, refuxiarse no leiro propio, é
posible. Superar a ameaza esquizoide dos afectos duplos e o delirio (co éxito
desbordante noutro país ou no propio), tamén é posible.
Non perder a imaxe equilibrada de
nós, a identidade prudente e cauta, a nosa vocación pacífica e de xustiza, a
nosa textura cordial e democrática, o tempo para a meditación, quizais pode
resultar desexable e preferible neste trebón planetario de dolorosas
esgazaduras e zurcidos crueis.
Publicado no Progreso o 11-4-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario