Xosé
Ramón Cando
No século XIX, Nietzsche tentou levantar acta da morte de Deus e
Dostoievski exclamou, angustiado, que se Deus tiña morto, daquela todo estaba
permitido. No século XX, Sartre asume esta proposición, que utiliza como
argumento en favor da liberdade humana, pero Leszek Kolakowski na súa obra en
inglés Religion, facéndose eco da preocupación do gran novelista ruso,
pregúntase se se pode agardar por un código normativo á marxe da autoridade
divina, ao que responde que non o ve plausible.
Isto vén a conto da publicación do currículo da materia de Relixión
Católica que, como é sabido, vai ter carácter avaliable e contará para a
composición da nota media. Igualmente, o alumnado disporá da posibilidade de
optar pola materia Valores Éticos, coa mesma consideración administrativa. En
todo caso, como é igualmente coñecido, desaparece Educación para a Cidadanía e
os Dereitos Humanos que ten carácter obrigatorio, producíndose o resultado de
que aquel alumnado que opte pola materia de Relixión non terá ningún contacto
coa cidadanía nin cos dereitos humanos nin con ningunha formación que fomente a
súa autonomía moral. Semella que o ministro Wert está de acordo en que non toda
a cidadanía dispoña da posibilidade de adquirir a necesaria autonomía que lle
permita saír da «minoría de idade» contra a que se manifestaba Kant nos seus
escritos, nos que afirmaba que a principal causa deste estado persoal
minorizado reside na nosa preguiza pero tamén no medo que se nos transmite
dende determinadas instancias sociais, xeralmente de maneira interesada.
Que a xerarquía eclesiástica estea de acordo coa afirmación de Kolakowski,
antes mencionada, vén de seu, polo que é perfectamente lexítimo que pretenda
defendernos da ameaza dunha sociedade á marxe dos valores relixiosos, tan
temida polo xenial Dostoievski. Do mesmo xeito, é ilexítimo que o Goberno de
España (estado aconfesional segundo o oráculo constitucional), se constitúa en
brazo executor dos designios da mencionada xerarquía privando a unha parte da
sociedade do dereito a unha formación en valores democráticos, escudándose no
pretexto dunha presunta lei natural que establece a facultade dos proxenitores
de privar a súa descendencia da formación en valores cívicos que,
inevitablemente, han ser esixidos nunha sociedade democrática e privándoa, así
mesmo, do coñecemento dos dereitos e liberdades que dita sociedade pon á súa
disposición.
Para que se teña comprensión cabal do que está a dicirse, compre analizar o
papel xogado pola Igrexa de Roma e institucións homólogas na batalla pola
liberdade e pola igualdade, en síntese, pola cidadanía democrática (termos
redundantes porque non pode existir cidadanía non democrática). Sería longo
citar todos os casos en que o dereito ao coñecemento chocou co monolitismo
eclesiástico, por citar algúns, censura literaria, queima pública de libros,
queima pública de pensadores (Bruno), persecución e anulación (Galileo),
condena pública de importantes avances científicos (Darwin), etc. Non se fará
referencia aos incontables atentados cometidos contra da liberdade de expresión,
algúns xa incluídos no apartado anterior. Pola insoportable insidia que
destilan hai que referirse ás prohibicións relacionadas coa aplicación dos
avances científicos ao benestar humano (paradigmática é a oposición inicial ao
uso da anestesia con escusas de orixe bíblica). Xa no eido cidadán, de que lado
estaban os sacerdotes franceses cando se proclamaron os dereitos do home e do
cidadán durante a revolución francesa? Máis ben parece que en contra. Estiveron
as institucións eclesiásticas defendendo o proletariado sometido a horarios
interminables e condicións insalubres durante a revolución industrial? Os datos
indican que non, que máis ben se bendicía o statu quo. Nalgún momento da
historia defenderon os líderes relixiosos da nosa contorna o dereito á igualdade
das mulleres, do cincuenta por cento da súa freguesía? Non, non o fixeron antes
nin o fan agora, cómo poden facelo se rexen unha institución na que o sexo
feminino está expulsado da toma de decisións aínda hoxe, -no ano 2015 da era
cristiá-. Non foron os líderes relixiosos, foron as sociedades, en xeral coa
oposición das xerarquías eclesiásticas, as que acadaron o nivel de dereitos e
liberdades que existe hoxe en día e que compre mellorar.
O obxectivo desta enumeración non é axuizar a actuación dunhas institucións
privadas en épocas pasadas nin tampouco na actualidade, non é un tema de
interese xeral e compete aos membros das mesmas. O que se pretende é evitar que
esas institucións dean o salto dende a privacidade na que por natureza se
sitúan, ás instancias educativas do estado poñendo de manifesto a súa
incapacidade para seren formadoras da cidadanía (esencialmente democrática) que
debe protagonizar a convivencia pacífica en liberdade, igualdade e
solidariedade que todo estado debe promover se quere chamarse democrático,
daquela cabe preguntarse: é o señor Wert ministro dun estado democrático?
Publicado no Progreso o 28-3-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario