Gonzalo Pérez López
"A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela distánciase dous
pasos e o horizonte córrese dez pasos máis alá. ¿Entón para que serve a utopía?
Para iso, serve para camiñar" (Eduardo Galeano)
Hai dereitos tan esencialmente humanos que non aparecen recollidos en
ningunha das declaracións formais dos mesmos ao longo da historia. Así, o
dereito a equivocarse, indefectiblemente asociado ao deber de recoñecelo e
rectificar, ou o dereito a soñar esperto, co deber aparellado de intentar
converter o soño en realidade. Entre ambos hai, obviamente, un certo grao de
complementariedade, da que podo dar boa conta a través da miña sempre
inconclusa loita por exercelos.
Nós somos os nosos universos, consciente ou inconscientemente construídos,
pero a frustración, asumida ou non, e as formas de afrontala e de canalizar o
malestar psicolóxico que provoca, tamén forma parte inseparable da nosa
historia persoal.
O meu universo infantil estaba limitado polo que me deixaban ver da
realidade, polo que a realidade me deixaba ver de si mesma e polos contos
morais da miña avoa, incentivo básico da miña imaxinación creativa.
De neno escoitaba a miúdo a palabra "jolines", pretendidamente
refinada, aínda que só era a versión reprimida da máis natural e liberadora que
estás pensando. Por non sei que estraña asociación, a palabra levábame
decontado a un mundo antitético daquel afogadizo que me tocou vivir e que tiña
para min a súa expresión social máis inmediata naqueles rapaces que devecían
observando ós que levabamos algo para comer no recreo da tenebrosa,
anticientífica e militarizada escola que padecemos. Aquela escisión social
entre os que comíamos e os que miraban, disipaba axiña en min calquera asomo de
felicidade, tan erroneamente asociada á nenez, e supuxo a primeira toma de
conciencia social que gardo na memoria. Eu magnificaba a escisión, que só era
tal no meu reducido universo daquela, porque entre os que comiamos e os que
miraban había moito máis en común (a condición de perdedores e a infancia
arruinada) que diferenzas. «Jolines» representou no meu imaxinario un locus
amoenus estético e social, entre a evasión como saída da frustración e esa
utopía realizable que, con orientacións diversas, nunca me abandonaría.
Viaxei a «jolines» co aro que me fixera con mimo un veciño ferreiro e, por
un tempo, imaxineino como un mundo xusto, limpo e claro, lonxe da escuridade
que o invadía todo, ata que empezou a resultar demasiado infantil para o
agromar adolescente a punto de rebentar e que supuxo, como correspondía, un
exercicio permanente e febril de noísmo. Un non ao verticalismo dominante, ao
obvio, á fame, á imposición sen argumentos, ós mutiladores do voo libre, aos
eufemismos distorsionadores da realidade, á arbitrariedade, ao omnipresente
ritual relixioso-militar, á continua renuncia ao corpo, ás exclusións
lacerantes, á brutalidade multidimensional circundante, ás «autoridades
competentes» invasoras da intimidade e criterio único de decisión política, ó
monstro que intuía sen radicalo con precisión e, en fin, «o non a todos os
nons», como clamaba o poema de Celaya.
Desta etapa saín con renovados bríos e co monstro e a súa monstruosidade
extensiva definitivamente situados e así, como resultado dun ávido proceso de
busca, represión, ditadura, fascismo, liberdade, democracia, reforma, ruptura,
republicanismo, cidadanía, estado de dereito, constitución, clase social,
capitalismo, loita de clases, socialismo, revolución, comunismo, maio do 68,
xustiza, compromiso, amizade, compañeiro(a), solidariedade, equidade, pasaron a
formar parte, por adhesión ou rexeitamento, segundo os casos, do meu universo
conceptual e, circunstancialmente, do moral, emocional e afectivo.
A pesar da frustración que me supuxo ter que aceptar a tibia reforma do
franquismo sen Franco como única alternativa viable, a ansiedade por saír do
túnel e a obnubilación de pensar que o recoñecemento formal do estado social e
democrático de dereito, actuaría como primeira pedra da armazón para construír
racionalmente a democracia real, a que merecera tal cualificativo, a moralmente
lexítima, a erguida sobre os ideais de xustiza inherentes á mesma, impedíronme
prever que o vendaval neoliberal globalizador, coa súa concreción na pseudodemocracia
actual, me baixaría da nube coa violencia coa que o fixo. Supuxo tal erro de
apreciación que aínda hoxe estou padecendo as consecuencias da súa onda
expansiva, intentando superalo racional e emocionalmente cara ó logro das
mesmas aspiracións de xustiza irrenunciables. Porque non cabe falar actualmente
de democracia real como auténtica, senón para describir á que hai, e a que hai
non pasa dunha simple formalidade, baleira da súa esencia, un mero subterfuxio
que permite ás elites vernizar o exercicio do seu ilimitado poder en detrimento
dunha maioría que, vítima do feitizo tiránico daquelas, xace resignadamente
amordazada.
Ao día de hoxe, a realidade fendeu o meu soño polo cerne, imposibilitando a
confluencia do ser co deber ser e convertendo de novo en utopía realizable o
meu devezo de converxencia da democracia real coa ideal. E nesas estou. A punto
de coller o aro de ferro para viaxar a "jolines".
Publicado no Progreso o 2-5-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario