III Foro "Lugh Augusti"

martes, 19 de mayo de 2015

Ás voltas coa igualdade



Mª Isabel Sánchez Corral

            A crise económica ten unha serie de consecuencias que afectan directamente ás mulleres e ao movemento feminista como tal. A estas alturas é unha obviedade dicir, que se antes da crise as mulleres eran as máis golpeadas polo paro, a pobreza, a discriminación salarial, os contratos lixo, agora co agravamento desta, a situación empeorou e multiplícanse todos os índices en sentido negativo. Son mulleres as que están detrás dun desafiuzamento, na cola do banco de alimentos, sendo o único soporte económico na familia ou fóra do mercado laboral asumindo o papel de coidadoras, enfermeiras, educadoras, limpadoras, etc.
            Esta crise afianza a idea feminista de que o sistema se sustenta en dous piares, que se retroalimentan: o capitalismo e o patriarcado. Unha vez máis estanos a pedir a gritos que esquezamos nos nosos dereitos  para utilizarnos como exército subvalterno, que nos retiremos a casa ou no mellor dos casos, que manteñamos un pequeno traballo en precario realizando ao mesmo tempo as tarefas que o Estado non está disposto a asumir. Pero é esa corresponsabilidade entre Estado, sociedade, mulleres e homes, a que permite ás mulleres incorporarse á sociedade como cidadás de pleno dereito. En cambio, o momento "deficit 0", nos aboca a paliar os estragos das privatizacións de servizos públicos e sociais.
            Por outra banda, a crise pillou ao movemento feminista co pé cambiado. Un feminismo que en certa medida estaba cómodo no sistema, loitando pola ampliación de dereitos e igualdades, diluíndo o seu discurso e asumindo que mulleres de dereitas e mesmo do Opus Dei podían introducirse no movemento feminista. O cal levou a que non se aprobasen moitas políticas feministas e non se fixese unha crítica ao capitalismo, obviando a loita de clases. Como ben di Lidia Falcón “o feminismo ten que ser de esquerdas o non é”. Ao longo da súa historia conseguiu moitos máis avances cando se enfrontou directamente ao poder e á dereita, que cando colaborou ou delegou a súa resposabilidade. O feminismo na súa crítica ás desigualdades de xénero ten que analizar en profundidade o que devén o sistema capitalista.
A influencia do movemento feminista e das mulleres feministas a finais das últimas décadas do século pasado foi fundamental. A loita pola visualización das mulleres a través da discriminación positiva e a súa consecución institucional, a través das listas paritarias en comicios electorais, aínda sendo un medio e non un fin en se mesmo quedou en algo meramente formal que diluiu a loita e as súas moitas reivindicacións. Exemplo disto o temos na transversalización das políticas de muller en discursos, idearios, programas, etc.
Nestes momentos asúmense certas ideas como mantras e outras esquécense ante a inmediated do urxente. Isto sucédelle ás reivindicacións das mulleres. Asumidas dun xeito formal son relegadas a engrosar un apartado que denominan igualdade, con outros moitos “ismos” no seu interior ou no peor dos casos, formando parte dos servizos sociais. Políticas que deben transversalizar o discurso de calquera ideario de esquerdas aparecen descafeinadas. Para iso, a dereita xa se encarga de practicar a caridade e o  asistencialismo a través das súas asociacións.
          Cando falamos de políticas de esquerdas e feministas, estamos a falar da abolición da prostitución, do aumento de servizos sanitarios e escolas públicas, de coeducación, da erradicación da violencia contra a muller, da construción dunha rede de gardarías públicas e centros xeriátricos, da igualdade salarial, da memoria das mulleres e do feminismo, dun parque público de vivenda, de postos de decisión para as mulleres. Asumamos ésto ou non digamos que falamos de democracia. Loitemos pola igualdade real se cremos na democracia real. Loitemos por ela tamén porque non hai mellores momentos, que os que nos piden cambiar as cousas.

Publicado no Progreso o 9-5-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario