III Foro "Lugh Augusti"

martes, 19 de mayo de 2015

Réquiem pola antropoloxía



Juan Carlos F. Naveiro
(Aos meus alumnos de antropoloxía)

Xa se ten falado e é de dominio público, e repetidamente exposto nestas mesmas páxinas, que a filosofía vai saír debilitada nos novos plans de estudos, a famosa LOMCE que entra en vigor o curso que ven no ensino secundario. O que non se comenta tanto é o relativo os parentes menores da filosofía na secundaria: a antropoloxía que desaparece o curso que ven, e a ética e filosofía do dereito que lle tocará no outro máis (como xa antes desaparecera a filosofía da ciencia).
Fora das inconsistencias que acusaban estas asignaturas “novas” (a antropoloxía desde a LOE de 2004, as outras desde a LOGSE de 1990), o certo é que supuxeron un soplo de aire fresco nos estudos de filosofía en secundaria, abrindo a porta a temáticas que unha filosofía xeral non podía abarcar. Ademáis eran o contrapunto “contemporáneo” para un enfoque da filosofía ríxidamente ancorado a uns programas que a duras penas traspasan os límites cronolóxicos da Ilustración, como si despois de Kant (ou como moito de Marx e Nietzsche) non houbese filosofía digna de tal nome, contribuíndose así a unha imaxe da filosofía como disciplina obxectivamente “anticuada” (e para mostra preguntémoslles os alumnos, se estamos dispostos a escoitalos sen prexuizos culpabilizadores).
En particular a antropoloxía é unha disciplina xoven e extremadamente viva, a única que vincula de maneira explícita os campos das ciencias e as humanidades, é máis, que consiste nesa vinculación, porque o seu obxecto, o ser humano, precisa ser tratado desde ese dobre achegamento. De que outra maneira podería explicarse a nosa condición, senón facendo confluir os compoñentes psicobiolóxicos da nosa complexidade natural coas configuracións socioculturais que son parte da nosa identidade?
Ese é o campo que explora a antropoloxía: a raíz da identidade humana, que articula todas e cada unha das manifestacións básicas da nosa existencia, desde comer a crer, desde dar e intercambiar ata obedecer e mandar, desde instancias tanto biolóxicas como culturais. Como se produce, por exemplo, a enorme variedade gastronómica, que nos dí das diferenzas culturais e tamén dos parecidos e dos influxos? Natureza humana e diversidade cultural son parámetros irreductibles da nosa complexidade, inseparables das condicións particulares dos diversos ecosistemas e culturas.
Son outras moitas as cuestións que precisan ser abordadas desde esa perspectiva bio-cultural que é propia só da antropoloxía: como circulan os productos da actividade humana? Como os intercambiamos? Como circulan tamén os individuos entre distintos grupos e territorios? Como circulan as riquezas, os símbolos, as crenzas e os conceptos? Por que uns mandan e outros obedecen? A que nos obriga e que nos permite a nosa condición sexual? Que somos como especie máis aló das diferenzas raciais?
Claro que estas son preguntas incómodas: desminten moitas das mitoloxías da civilización, cuestionan a superioridade das culturas dominantes, critican os discursos do poder. Son preguntas incómodas para as ideoloxías, que pretenden pasar por alto que a relación dos seres humanos coas ideas está cargada de emocións, intereses e formas diversas de crenza (aínda que no fondo sábenno ben e sobre todo saben aproveitalo para manipular ás masas). Son tamén preguntas incómodas para os procesos de uniformización global das culturas, porque a práctica da antropoloxía implicou de sempre unha defensa da diversidade, incluso os pais fundadores, tan prexuizosos nos tempos álxidos do colonialismo; e despois, na época dos dereitos humanos (intervindo nos debates previos á Declaración Universal, ou na longa colaboración de Lévi-Strauss coa UNESCO) a antropoloxía defendeu o dereito a ter unha existencia cultural diferenciada, tan importante para as culturas minoritarias (e minorizadas). Por exemplo a antropoloxía é clave para averiguar que nos singulariza como galegos e así poder situarnos mellor no mundo, e en xeral para implementar a protección do legado humano no que conflúen riqueza cultural e biodiversidade.
Así que si algo podía paliar a excesiva fragmentación curricular entre ciencias e letras, vicio maior do sistema educativo e da propia cultura actual, si algo podía xerar ideas integradoras sobre o humano, como especie e como sociedade, ese algo é a antropoloxía, a un tempo científica e humanística. E a pregunta que fai a  antropoloxía, a pregunta polo home, é como dicía Kant a mediadora necesaria de calesquera outras preguntas, que sen unha correcta antropoloxía non poderán ser siquera ben plantexadas.
Porque sen unha correcta articulación entre natureza humana e diversidade cultural non pode haber nin  filosofía solvente nin unha comprensión adecuada do contexto da acción política. Pero quizáis se trate deso: non comprender demasiado a situación propia, non facerse demasiadas preguntas, conformarse e acatar. O que se espera do imperativo dunha sociedade utilitaria. Así que mellor demos a clase por rematada, e agora acendan as pantallas, e busquen. Ademáis de entretemento e ilusión de participar seguro que atoparemos algunas respostas xa feitas, sen dúbida máis dóciles, aínda que con elas vaia unha vida máis (falsamente) acomodada.

Publicado no Progreso o 16-5-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario