José Domingo de Prada
Para a antropoloxía actual a aparición da intelixencia está ligada á
liberación das mans do proceso de marcha. As mans libres poden manipular a
realidade, e a reacción man / ollo / cerebro converteríase na cadea motora do
proceso intelixente. Formaríase esta intelixencia paseniñamente, sen grandes
saltos nin elos perdidos, graduando o seu avance con feitos imperceptibles,
pero fundamentais, nos que paus, pedras, osos ou calquera outro material eran
accesibles as mans. Xa sei que presentado así o proceso perde épica, pero é
seguro que describe mellor a realidade que os mitos que nolo presentan doutros
xeitos. Os esforzos repetidos da man para manipular obxectos, do ollo para
recoñecelos e do cerebro para recordalos foron agrandando a capacidade de
pensar desde puntos de partida mínimos.
No estadio evolutivo a intelixencia irase incrementando en cerebros cada
vez máis grandes e complexos. Neles, as ferramentas, como
prolongación das mans e das habilidades do que as usa, reconvértense nun aliado
do propio home para ampliar as posibilidades de pensamento. Un paso posterior na
expansión da intelixencia dáse a través das ferramentas complexas, dando espazo
entón aos instrumentos, que alén da mera prolongación da man multiplican as
capacidades do propio ser humano e incitan novas superacións nun cerebro que debe
esforzarse para deseñalos, construílos, obter resultados e novas lecturas da
realidade que eles lle desvelan. Pensemos, por exemplo, no que tivo que supor
fitos tan importantes como a invención de ferramentas para cortar, da roda para facilitar o movemento ou das pinturas
e signos gráficos para a simbolización e o recordo; máis recentemente podémonos
fixar en instrumentos que amplían a capacidade dun sentido, como o caso do
telescopio. Galileo tivo que implicarse completamente nel antes de orientalo
cara aos ceos, desde a súa construción física ata a explicación teórica do que lle
permitiu observar. O instrumento serviulle para alongar a mirada, agrandar a
intelixencia e multiplicar os coñecementos
dos que dispuxo a partir de entón tanto el persoalmente, como a sociedade.
Este proceso de ampliación da lectura e
comprensión do mundo estivo presente ata os nosos días, pero os expertos están
a dar ultimamente a voz de alarma pola nova situación na que nos atopamos
debido á introdución de sistemas electrónicos que non actúan xa nin como
ferramentas, nin como instrumentos e que en vez de ampliar as nosas capacidades
actúan como substitutos delas. A chegada das tecnoloxías dixitais permítenos interpoñer
máquinas que fan o noso traballo, que nos marcan o ritmo de aprendizaxe e de
vida, que modelan os nosos comportamentos e actitudes, que deciden por nós e deixan
o humano nun segundo plano para automatizar e optimizar tempos, traballos e
beneficios. Están, literalmente, minguando a nosa intelixencia. Estamos vivindo
no que estes expertos (???) denominan a “caixa de cristal”. Rodeados de pantallas
xa non interactuamos co mundo, senón coa súa representación simbólica, virtual;
xa non vemos a realidade, senón que a filmamos cos nosos móbiles. O historiador
da ciencia Dyson fai a seguinte e inquietante pregunta que pode resumir o
exposto anteriormente: e se o custo de dispoñer de máquinas que pensan é que a
xente non chegue a facelo? Tal parece que fosemos por ese camiño e que como
afirma Nicholas Carr a “caixa de cristal” acabe converténdose na “gaiola de
cristal”, na que aparte de pecharnos estean observándonos permanentemente e
dirixíndonos incluso no noso pensamento. A tal aspira, por exemplo, Google,
para quen chegará o día no que “as buscas
serán contestadas sen sequera preguntar”, xa que saberán “que imos querer” (Ray
Kurzweil). A verdade é que dá un pouco de medo que un directivo de Google se
exprese nestes termos. Aspiran a saber o que imos querer antes de que poidamos
expresalo e, o peor, están traballando para conseguilo e parécelles que van
camiño de logralo; o que non significa que vaian polo bo camiño!
Sen embargo, quero rematar cun fío de
esperanza. Ao igual que pasou cando Sócrates protestaba contra Platón porque
fiaba as argumentacións aos signos escritos en vez de fornecer a memoria para
sustentalos e desatendendo ao mestre contribuíu a dar o salto da oralidade á
literatura, e ao igual que lle pasou a Galileo co instrumento co que apuntou ao
ceo e que a el lle serviu para agrandar a súa propia intelixencia e a da
sociedade en xeral, a pesar dos problemas persoais que tivo que sufrir e de que
o resto da sociedade do seu tempo utilizouno para a guerra ou parolar, espero
que hoxe algúns consigan izarse por riba das críticas, dos prexuízos, da
preguiza e da manipulación que as empresas informáticas como representantes de
intereses mesquiños de clase e ideoloxía fan coa maioría de nós. Hoxe temos “na
punta dos dedos” unha nova lectura da realidade, un novo salto no proceso
evolutivo da intelixencia, o salto dixital. Evidentemente non todo o mundo vai
dar ese salto, pero bastará con que haxa alguén que o faga e que transmita esa
nova actitude as futuras xeracións. Para logralo necesitarán facer fronte a
traballos, ingratitudes, incomprensións sociais e incluso, aos que imos quedar
no camiño, pero serán os únicos que poderán conseguir elevar esta sociedade por
encima de si mesma e das súas miserias.
Publicado no Progreso o 1-8-2015