III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 10 de octubre de 2015

Animalia



Elías Pérez Sánchez

Nalgunhas cidades e pobos perviven costumes e tradicións nas que o elemento central de diversión consiste no maltrato de animais de todo tipo como touros, cabalos, bois, cans ou galos. Son rituais sanguentos xa institucionalizados e caracterizados por unha crueldade absolutamente gratuíta que resultan moralmente vergoñentos.
Ás veces semella que seguimos anclados na Idade Media, cando a barbarie ante o xénero humano e o mundo animal formaba parte dunha moral que non resistiría unha análise moi severa. Porén, dende aquela, moito se avanzou no ámbito da fundamentación teórica dos dereitos dos animais aínda que non tanto na súa aplicación práctica. Nos últimos anos, Peter Singer e Tom Regan ofreceron perspectivas teóricas sobre dito asunto. O primeiro fundamentando os dereitos do animal no utilitarismo e a defensa dos seus intereses; Tom Regan, e dende unha perspectiva deontolóxica, suxerindo dez razóns para preservar os dereitos dos animais tales como a non discriminación arbitraria, os principios de imparcialidade e de xustiza, os sentimentos de compaixón, xenerosidade e paz, a procura da autorrealización persoal e o sentido dun ecoloxismo prudente.
Estes son dous exemplos de fundamentación dos dereitos dos animais. Porén, non debemos esquencer os deberes que o xénero humano ten para cos animais. E sobre iso cavilou Kant nas súas Leccións de ética ao dicir que a través deles promovemos indirectamente os deberes para coa humanidade. Kant aconsellaba exercitar a compaixón cos animais, pois «quen é cruel con eles posúe un corazón endurecido para cos seus conxéneres». A partir duns gravados de William Hogarth, este autor viña dicir que quen maltrata a un can suxeitando o seu rabo desenvolverá a súa crueldade atropelando a un neno e culminaraa cun asasinato, sendo este o horrendo tributo que acaba por cobrarse a crueldade. Podemos pois, de acordo con Kant, coñecer o corazón humano a partir da súa relación cos animais e plantexar a tese de que a barbarie humana aumenta exponencialmente segundo sexa a nosa actitude cos animais.
Non encontro argumentos moralmente razoables que xustifiquen o dano ou tortura innecesariamente infrinxidos aos animais en nome da cultura ou a tradición. Tampouco se atopan razóns para que este tipo de espectáculos violentos de tortura e morte gocen de subvencións públicas e apoios gobernamentais, nin dende unha perspectiva democrática nin, tampouco, dende unha perspectiva moral-racional. Por todo o anterior se advirte a urxente necesidade de que a nosa sociedade adopte unha ética máis xenerosa, válida máis alá do ámbito meramente humano, poñendo en vigor leis máis explícitas que as actuais e que protexan os animais sancionando severamente as condutas que atenten gratuíta e irresponsablemente contra as súas vidas e o seu benestar. Tamén urxe unha profunda renovación pedagóxica no sistema de ensino co fin de desenvolver unha educación ambiental en favor dun compromiso maior co resto dos seres vivos non humanos e que incluían novas formas de relación e convivencia que non comporten un sufrimento innecesario aos animais. Sobre este último aspecto témome que o novo sistema educativo non servirá de grande axuda.

Publicado no Progreso o 5-9-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario