Xosé Ramón Cando Vázquez
Finou Manolo de Riba, un home ao que, coma a outros, a historia deparou a
oportunidade de ser útil á sociedade dende o liderado. Algúns declinan dita
responsabilidade pero, afortunadamente, moitos outros asumen ese rol nos seus
diversos niveis de responsabilidade. Manolo puido seguir a vivir como a
maioría, como se viña facendo decote ata ese intre, puido emigrar como fixeron
algúns dos seus antepasados e mesmo
varios dos seus coetáneos pero el
non quería marchar e sentía que era posible mellorar as condicións de vida na
terra.
Na aldea, coma en tantas outras
aldeas, non existían tractores pero o noso protagonista caeu na conta de
que o tractor era ferramenta imprescindible para saír do círculo de economía de
subsistencia vixente; tendo clara esta conclusión encamiñouse de maneira
perseverante, moitas noites de insomnio incluídas, a acadar o obxectivo de ter
un tractor que, finalmente, conseguiu porque alguén lle contou que en Trabada
se vendía esa xoia de segunda man que, despois de obter emprestados os cartos
que precisaba, puido adquirir.
Xa está o tractor na aldea, agora preséntase outro problema, as corredoiras
de carros existentes non permitían transitar este novo vehículo, polo que
Manolo conseguiu que o Sr. Alcalde (pre-democrático) comparecese para avaliar a
situación, co resultado da doazón dunha pequena axuda para pagar o transporte
da pedra que a veciñanza debería extraer na canteira e igualmente debería
estender e desfacer para acondicionar camiños que cando se podía, dada a boa
vontade dos propietarios, se facían mais anchos.
Agora xa se pode empregar o tractor, xa se pode acceder a boa parte das
fincas pero estas non eran moitas e estaban dispersas de aí que a nova xeira
consista en mercar algunhas leiras susceptibles de apezar coas da casa co obxecto de optimizar o
rendemento da mencionada ferramenta que, por outra banda, pasa a ser empregada
en masa á vista da mellora no labrado das terras e no transporte de
mercadorías.
Pero Manolo que contempla a Colonización levada adiante na Terra Cha,
entende que o sistema tradicional de estabulación do gando en cortes repartidas
pola vivenda e en alpendres adxacentes
non é adecuado e, sobre todo, non é rendible, polo que é un dos que encetan a
construción de cortes (que chamarían “cuadras modernas”) de cemento nas que as
vacas están suxeitas polo colo diante de comedeiros corridos. Agora o gando non
está destinado ao autoconsumo coa venda ocasional dalgún xato, o que parece que
vai permitir entrar nos circuítos comerciais e facilitará o acceso a liquidez
económica será a produción de leite, actividade que se estenderá pola aldea,
favorecendo deste xeito o éxito económico da mesma.
Encamiñada a vertente económica, toca agora a mellora da vivenda, neste
senso, e tendo participado unha década antes na consecución da electricidade,
Manolo inicia a excavación dalgún pozo cuxo manancial é escaso para o obxectivo
de instalar auga corrente. Isto conseguirase cando se asocien varios veciños e
constrúan unha traída, feito pioneiro na aldea (o da auga corrente).
Para que se teña producido o tránsito da aldea e, en xeral do rural galego,
dende a idade media ata o século vinte e un tiveron que existir moitos líderes
coma Manolo de Riba e moitos veciños que os acompañaron con intelixencia,
confianza e sentido de que o común facilita o propio. Probablemente se poderá
dicir que non é a mentalidade comunitaria a característica que mellor define o
rural galego, pero mais alá deste estereotipo, existe unha tradición ancestral
de defensa do colectivo en canto supón de imprescindible e, aínda mais,
cando resultan evidentes as vantaxes da
cooperación e líderes confiables, a resposta social e positiva.
Cabe preguntarse se esta epopea (grande para a xente implicada) sería
posible hoxe en día e responderse que non porque xa non existe masa crítica de
cidadáns e cidadás nas nosas aldeas que a poidan desenvolver pero tampouco non
existen as canles comunitarias que faciliten a xuntanza e a exposición de
proxectos individuais que poden ser comúns. Esta carencia é perfectamente
extensible ás vilas e ás cidades e está na base da inconsistencia da chamada
sociedade civil, condicionando de xeito radical o escaso interese e a febleza
da batalla polo común, circunstancia que non desaproveitan os partidarios do
individual por enriba de todo e de todos.
Publicado no Progreso o 16-4-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario