III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 7 de agosto de 2016

De novo, vello discurso da abstención



María Isabel Sánchez Corral
 
Durante o tempo transcorrido entre o 20-D e o 26-X, aparte dos distintos encontros e desencontros entre as diferentes forzas políticas para formar goberno, foise fraguando un novo discurso da abstención ou un novo relato sobre a mesma, tomando máis forza as últimas semanas. Quizais para moitos non se trata de algo novo, pero esta vez fráguase e difúndese a través das redes sociais.
Desde as últimas eleccións europeas cambiaron moitas cousas no noso país e quizais a máis importante era a posibilidade de romper co bipartidismo, cuestión que ilusionou a moita xente. En cambio, hai cousas que cambiaron pouco. Unha delas é o desinterese por unha banda da cidadanía pola participación política e outra, a forte hexemonía da dereita.
A frase que máis se oía ao pouco de concorrer "á segunda volta" era unha especie de pensamento que se resume en: "Estes o único que tiñan que facer era poñerse de acordo", "vaia tostón, agora teremos que votar outra vez". Non estamos a falar de comentarios do lumpen, senón de señores e señoras de profesións liberais e dun nivel sociocultural medio. A pregunta é a mesma, un acordo sobre que? Non se supón que os acordos se fan en base a un programa político? Se non houbo acordo suponse que habería diferenzas políticas. Preocupámonos de cales eran esas diferenzas ou só se trata de non pasar o mal trago de ter que ir votar outra vez. Ao escoitarnos dicir isto parece que nos resulta unha pesada carga exercer o noso dereito ao voto. Votamos, sentímonos aliviados e ao día seguinte a queixarse de todo outra vez indiscriminadamente. Quizais nos esteamos dando conta que toda acción voluntaria ten unhas consecuencias.
Outra cousa que cambiou pouco é a hexemonía da dereita no noso país. Esta hexemonía faise patente tanto a nivel ideolóxico como estrutural nas institucións e a nivel territorial chega a calquera recuncho do país a través dos seus distintos instrumentos organizativos. O seu poder a través das deputacións e concellos xerou redes clientelares con dependencias de traballos, contratos, subvencións, privatizacións, etc. Estas prácticas convertéronse en habituais, asumidas polo bipartidismo parecen inmunes a súa xudialización. A cidadanía segue sen castigalos, o que lles afianza nas súas posicións con máis encubridores tácitos, que quizais esperan que nalgún momento a eles lles toque en sorte colocar a un fillo por unha cantidade xeitosa , construír nun terrenito rústico ou que lles concedan un favor de necesitalo. A hexemonía da dereita está aquí, é a asunción da economía capitalista como único modelo de relación entre as persoas, así como dentro das institucións. Desde a corrupción. Así a cidadanía asumiu unha serie de prácticas como normais que non o son, pero que alagan a vida cotiá.
Paralelamente a este proceso foise tecendo de novo o vello discurso da abstención. Asimilado entre esa xente preparada, brillante, que ou traballan fóra das nosas fronteiras ou malviven dentro, sen traballo, en precario, por días, por horas..., novos e non tan novos que esperaban que só con votar as cousas cambiaran. O voto pode cambiar as cousas, pero a hexemonía conservadora se rompe unicamente xerando un discurso alternativo, unha práctica diferente que se transforme nun modelo fundamentado en principios morais con base no ser humano e a súa emancipación. Principios de esquerdas, porque non todos son iguais, non é o mesmo protexer á infancia que utilizala no mercado para prostituíla. Non é o mesmo.
De novo, nese vello discurso da abstención se autoproclama como unha forza máis a ter en conta. Poida que non nos guste este sistema, nin esta democracia liberal que funciona como unha multinacional, pero eles si votan e gañan as eleccións. A quen lle interesa de novo o vello discurso da abstención, quen se beneficia?

Publicado no Progreso o 23-7-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario