III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 24 de octubre de 2016

Filosofía ou supervivencia



Juan Carlos Fernández Naveiro
 
A ollos profanos o traballo intelectual pode confundirse fácilmente coa preguiza. Deitaste ao sol, pechas os ollos e resulta que estás traballando. Marcel Proust escribíu En busca do tempo perdido deitado na cama, e o can de Juan Carlos Onetti protestaba cando o vía saír dela, sabía ben onde escribía o uruguaio. Ás veces saes correr porque a extenuación pode ser un momento propicio para as mellores ideas. Se te sintes interpelado polas palabras non paras nunca de traballar.
Cae nas mans un libro que atrapa co seu título: Abrir en caso de apocalipsis (esa arte dos títulos que convidan a entrar, como os bos comenzos). É un manual de reinicio da civilización nun hipotético escenario postapocalíptico, un experimento mental deseñado para destacar os elementos prácticos necesarios para sobrepoñerse á implosión do sistema tecnolóxico e recuperar niveis de confortabilidade.
Leo unhas páxinas que son un máster para un concurso de supervivencia, e comprendo o éxito do libro no público americano. Nunha nota a pé de páxina o autor Lewis Dartnell di tratar "da ciencia e a tecnoloxía esenciais, ligadas ás mesmas necesidades básicas que se poden aliviar coa tecnoloxía: alimento, roupa, enerxía", e aclara que "a arte, a literatura e a música son unha parte importante do noso patrimonio cultural, pero a recuperación da civilización non atrasará medio milenio sen elas". Toda unha declaración de intencións que me deixa aliviado, ninguén con dous dedos de fronte peferiría levar a República de Platón a unha illa deserta antes que un artiluxio para potabilizar auga. O problema non é a preferencia práctica, sempre reducible a unha obviedade, senón a diverxencia de estilos culturais e a articulación teórica entre eles. O vello debate entre ciencias e letras.
Antes do culto actual polo práctico e a tecnoloxía, Europa encarnou un humanismo da cultura alternativo ao pragmatismo americano, pero agora os modelos fusionaron e os economistas son aquí e alá os novos expertos en felicidade; así esvaecen as complexidades do humano, e de aí o desprestixio das humanidades e a súa xibarización nos plans de estudos. Imos a un mundo máis iletrado, onde escasean as librerías, os postos de venda de periódicos, a xente que le nos parques. Tamén un mundo cada vez máis apocalíptico.
Ciencia e humanismo cultiváronse de costas, ignorándose, esquecendo a súa articulación. Cando se entende a filosofía como subproduto de certas condicións materiais e tecnolóxicas que fixeron posible o ocio, esquécese unha parte do asunto, que ten que ver coas intuicións e razonamentos que permiten transfigurar as condicións materiais, trascendelas, elevalas de potencia. Así abonouse a imaxe popular do filósofo atolondrado, un inútil e no fondo un privilexiado. Pero só con tecnoloxía, e sen desenvolvemento cultural, o humano deixaría de selo, e a cultura conforma o modo de vida específicamente humano como algo distinto á mera supervivencia. A parte festiva sen a que non terían sentido os días laborables, o derroche que fai da vida algo máis que economía.
O propio Dartnell recoñece ao final que o maior dos inventos é un método baseado na comprensión das leis naturais, algo que "só pode provir de observar o mundo e descubrir pautas de comportamento". Nada distinto do que veñen preconizando os filósofos dende o principio da historia. A ver se resulta que a filosofía vai ser o mellor manual de supervivencia, o que realmente hai que abrir en caso de apocalipse.

Publicado no Progreso o 6-8-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario