III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 25 de diciembre de 2016

A morte non pode ser o final



Elías Pérez Sánchez

Hai tan só uns días celebrouse o cabodano do que algúns demos en chamar ‘a semana tráxica’ da cultura galega. A finais do mes de novembro do ano pasado falecían, no intervalo de tres días, Xosé Neira Vilas, Esperanza Guisán Seijas, Xosé Alvilares Moure e Xosé Chao Rego. Nada menos.
Xosé Neira Vilas, escritor e ensaísta, voz literaria do rural galego e da emigración en tempos sombríos, personificou en Balbino, dun xeito maxistral, a crúa realidade da Galicia rural nos tempos escuros da longa noite de pedra e de inverno aterrorizada por aquela pantasma de espada e palio distinguida literariamente como Atila.
Filósofa inasequible ao desalento, a Esperanza Guisán lle debemos a introdución e difusión da filosofía utilitarista no ámbito universitario. De prestixio internacional, fundou a Sociedade Iberoamericana de Estudios Utilitaristas e a revista Télos. Feliz e xenerosa, en ocasións incomprendida (muller nun mundo profesional dominado por homes, anglófila nun espazo filosófico español fortemente xermanófilo e francófilo) transmitiunos a quen a coñecimos o seu fondo vitalismo e a súa xenerosidade.
Xosé Chao Rego, entrañable crego obreirista, fraternal e solidario, filósofo e teólogo transgresor e xenuíno dunha fe cimentada no pobo. Cuestionado pola cúpula eclesiástica, levantou bochas cos seus ensaios rebeldes e renovadores. Promotor das revistas Encrucillada e Irimia, o chairego foi un símbolo para a nova Igrexa galega de base.
Por fin, Xosé Alvilares, teólogo e filósofo chantadino, era coñecedor como poucos do pensamento filosófico. Sensible coa poesía e a literatura comprometida, era posuidor dunha lucidez intelectual asombrosa a pesar da súa avanzada idade. As súas conversas e os seus ensaios tiñan un intenso substrato ético e social. En palabras do teólogo José Manuel Vidal, "quería unha Igrexa menos parecida a unha axencia de cultos e ritos e máis construtora de comunidade". Crítico, tamén, coa corrupción política á que propinou duros ataques nas súas publicacións, foi especialmente combativo cunha Igrexa clerical involucionista caciquil, clientelar e impositiva.
Inconformistas, moi a miúdo incomprendidas, ás veces esquecidas, estas persoas deixaron, hai un ano, un profundo baleiro difícil de encher naqueles que as coñecimos e nunha cultura como a galega antes tan prolífica como hoxe escasamente fecunda. Para a cultura galega as súas mortes foron perdas irreparables, porén, lembralas é un xeito de mantelas vivas. Quedan os seus valores, os seus escritos, os seus exemplos de vida, a fortaleza do seu compromiso, a súa vitalidade e valentía. Porque a morte nin pode nin debe ser o final.

Publicado no Progreso o 10-12-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario