III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 25 de diciembre de 2016

Posverdade: a mentira inducida



Gonzalo Pérez López
 
Desde os albores da filosofía a preocupación pola busca da verdade, en todas as súas dimensións, converteuse nunha constante ao longo da historia do pensamento. A verdade como obxecto de reflexión desde a epistemoloxía (distinción entre aparencia e realidade, opinión e ciencia), a axioloxía e a ética (a verdade como un valor asociado á honradez e á sinceridade) e a filosofía política (pensar acerca da conexión entre ética e política), por exemplo, conduciu a posicións diverxentes, pero nunca á indiferenza. Verdade non é un concepto unívoco nin lineal á reflexión que provoca. Moi diferentes son as caracterizacións da mesma e as posicións sobre a posibilidade ou non de acadala, pero ninguén eludiu achegarse aos problemas que suscita.
Hai algún tempo que, enmarcada no modelo socioeconómico e político dominante, a situación con respecto ao tema está mudando e o obxectivo da busca da verdade esmorece axiña. Se a verdade non é un valor prioritario na nosa escala de valores, a motivación para buscala desaparece. Precisamente o Dicionario Oxford acaba de declarar a posverdade palabra do ano 2016, definíndoa como "a situación na que os feitos obxectivos son menos influíntes na formación da opinión pública que a apelación ás emocións e ás crenza persoais", é dicir, que a aparencia de verdade ou a mentira superan en aceptación á verdade. Aínda que contribúa á reflexión dunha realidade evidente, non é casual a eclosión do uso da palabra, nin neutral a orientación que se lle pretende dar.
Hai máis dunha década Keyes publicou un libro cun clarificador título: A Era da posverdade: a falta de honradez e o engano na vida contemporánea, no que alertaba da actitude que se empezaba a impoñer socialmente ante a verdade, ao converter a falsedade e o engano en hábito ("rutinización da deshonestidade"). Despois, autores como Alterman e Roberts ("política posverdade") puxeron de manifesto as consecuencias da aplicación da posverdade á política.
Estamos en pleno trasvase da sociedade neurotizada á psicotizada, co que isto conleva de perda de realidade, de necesidade de reinterpretala e de falta de consciencia desta enfermiza situación. Tras séculos de busca, a verdade faise cada vez máis complexa, escapando ás nosas posibilidades, polo que a reacción, como conduta defensiva, é optar por unha mentira que emocionalmente necesitamos antes que buscar unha verdade que tememos que nos desacougue e nos frustre, aínda que supoña o disfrace da realidade e o autoengano.
A posverdade e a mentira son tan vellas como a humanidade, pero a novidade é que despois de ter proclamado que entramos na era da información, suponse que facilitando acceder á verdade, aumenten os que prefiren dar pábulo ao que os aparta dunha realidade que, de descubrila, confirmaría a correlación entre os desexos incumpridos e a propia irrelevancia á hora de decidir sobre o que lles afecta.
Aínda que a posverdade podería explicar o rédito electoral que lle reporta a mentira como leitmotiv político ao goberno que padecemos aquí, a proliferación actual do uso da palabra só vén propiciado polo interese en desviar as responsabilidades no trunfo de Trump e favorecer que se asuma ese eufemismo de mentira como o resultado dunha actitude consciente e voluntaria dos que sufrirán as consecuencias desa opción que tomaron.
Convén, entón, non deixarse embelecar por tramposos analistas que practican a posverdade cando alardean de estudala obxectivamente. Hai que intentar desmontarlles a tremoia. É unha obviedade que nos EE UU, como na maioría de Europa, o bipartidismo non é a expresión de dúas alternativas esencialmente diferentes, senón a consolidación dunha única alternativa con diversa posta en escena. Os candidatos con posibilidades de presidir o país que controla o mundo representan o establishment, o sistema capitalista en puridade, aínda que coa posverdade queiran facernos crer que encarnan algo moi distinto no fondo para seguir alimentando a "ilusión democrática". A política USA e mundial seguirá sendo planeada e dirixida a comenencia desde Wall Street. Por iso, catalogar ao magnate Trump como antisistema repugna intelectual e moralmente e dá idea da degradación de certos coros mediáticos ao renunciar á verdade e á veracidade informativas.
Que a posverdade incidira no resultado é responsabilidade exclusiva das elites dominantes, aínda que estas pretendan transferila á cidadanía. O éxito de Trump hai que comprendelo no marco do incremento da desigualdade social e o empobrecemento desa rendible ficción das elites para lograr a desmovilización social que denominaron clase media, á que agora se lle desvanece o soño imposible de compartir intereses coa clase dominante. Esta frustración, xunto coa á aversión democracia abortada e o aderezo demagóxico, provoca unha reacción emocional, especialmente de medo e ira contra todo, irracional, sen valorar as consecuencias e inducida pola posverdade como recurso para atopar algunha vítima expiatoria e impedirlles ver a orixe estrutural da alienación colectiva que padecen.
É evidente a existencia da posverdade (mentira), pero unicamente a fabricada polas elites para asegurar eternamente o seu poder a base de distanciarnos masivamente dunha realidade que, se a desvelásemos, podería supoñer o fin da dominación mundial dos que a distorsionan e ocultan.
Ante a involución que entraña a crecente aceptación social da mentira, cabería rescatar a reinterpretación foucaultiana, en clave ético-política, do concepto grego de parrhesía (falar con liberdade, sinceridade e verdade) para practicala e reivindicar a busca e a expresión da verdade como única garantía moral da acción política.

Publicado no Progreso o 17-12-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario