Mar Carballo Cela
The corporation (La corporación), un documental canadiense do 2003, fai
unha interesante descrición da empresa multinacional ao fío da súa adquisición
da personalidade xurídica. Dado que a empresa foi adquirindo dereitos propios
das persoas físicas, plantexa avaliar o seu comportamento desde un punto de
vista psiquiátrico ao igual que se faría con calquera individuo, chegando á
conclusión de que se comporta como o faría un psicópata: indiferenza polos
sentimentos dos demais (explotación, baixos salarios, subida abusiva do prezo
da luz en plena ola de frío), incapacidade para manter relacións duradeiras
(trasladarse a outros países para reducir custes de producción), desprezo pola
seguridade dos demais (utilizar tóxicos), incapacidade para sentirse culpable
(desastres naturais que xustifica sen miramentos), incapacidade para cumprir as
leis (a miúdo decide pagar multas por tal incumprimento se lle compensa
economicamente).
En calquera de nós esta conduta sería considerada como antisocial,
psicopática; pero tratándose dunha multinacional parece que non sorprende
demasiado que o obxectivo primordial sexa o máximo beneficio a pesar de todo o
anterior (o negocio é o negocio). Pode que algúns directivos destas empresas
sexan psicópatas, pero moitos deles son persoas normais que asumen estes
valores unha vez que acceden ao mundo empresarial con toda naturalidade.
Trátase dun rol establecido e admitido socialmente como calquera outro, pura
ideoloxía que gran parte da cidadanía asume como único principio eficaz para
organizarnos socialmente e crear benestar, como foron asumidos outros
principios claramente contrarios aos intereses do pobo durante outros períodos
históricos.
Ninguén querería ser gobernado baixo o principio de máximo beneficio
económico para uns poucos, pero a día de hoxe así é; porque, tanto na ditadura
como na democracia, a manipulación segue sendo inherente ao poder. E así nos
atopamos co grande paradoxo Trump: un goberno formado por multimillonarios, que
obviamente defenden os seus intereses, votado por gran parte da poboación
pobre. Xa non son políticos que sucumben ante o poder económico, son grandes
empresarios gobernando un país: plutocracia directa. E que dicir do ascenso da
ultradereita en Europa… Ante semellante panorama está habendo certa tendencia a
volver a mirada aos que no pasado reflexionaron sobre os autoritarismos do
século XX no noso continente, buscando respostas á preocupante situación
presente.
Erich Fromm (1900-1980) afirmaba que os seres humanos temos certa tendencia
a buscar líderes que nos dirixan con autoridade, fuxindo da desconcertante
liberdade que nos obriga a tomar as rendas e a ser responsables do noso propio
destino. E isto sucede, fundamentalmente, despois do cansancio e a impotencia
que acompañan aos intentos frustrados por cambiar as nosas vidas. Deixamos de
confiar na nosa capacidade para pensar e dar solución aos problemas que nos
afectan, sentímonos insignificantes e caemos na indiferenza, aceptando
infantilmente todo aquilo que se nos diga con rotunda autoridade por parte dun
experto que dunha maneira simple nos ofrece unha solución. A isto únese a falta
de empatía que os medios de comunicación contribúen a provocar transformando a
traxedia en espectáculo e informándonos dunha masacre coa mesma seriedade coa
que intercaladamente nos convencen para mercar unha pasta dental ou un
deterxente. E o seguinte, despois da deshumanización, é a facilidade para
aceptar calquera inimigo común que nos exculpe.
Así se avanza cara os totalitarismos: da man dun bo amo que nos protexa.
Convertémonos deste xeito en vítimas e verdugos: vítimas do líder manipulador e
verdugos dos que empezamos a ver como unha ameaza para a nosa seguridade,
débiles e obedientes cos poderosos e implacables e crueis cos débiles. Unha
especie de neurose social que, en ausencia de reflexión, nos pode ir atrapando
para abrazar enganosas solucións ante a adversidade.
Publicado no Progreso o 11-2-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario