III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 9 de abril de 2017

Felicidade/Desigualdade/Dignidade



Xosé Ramón Cando Vázquez

Nun traballo feito por alumnado do IES “A Nosa Señora dos Ollos Grandes” apórtanse datos ilustrativos sobre o estado actual do binomio igualdade/desigualdade dende a perspectiva económica, así como da súa evolución histórica. Aí van algúns:
- O 1% da poboación mundial dispón de recursos equivalentes ao resto da mesma.
- Os países ricos aportan, anualmente, 130 mil millóns de dólares aos países pobres en concepto de axuda, mentres que extraen dos mesmos 900 mil millóns mediante o comercio, ao tempo que obteñen 600 mil millóns, en concepto de devolución de créditos e cobro de intereses.
- Fai douscentos anos o conxunto dos estados mais ricos dispuña duns recursos que multiplicaban por tres os dos países mais pobres, hoxe o multiplicador ascendeu a oitenta.
- En España, o 1% da poboación incrementou o seu patrimonio nun 15% no último ano, ao mesmo tempo que o 99% sufriu unha perda do 15%, no mesmo período.

O economista Rallo escribiu recentemente un artigo no diario dixital “El Confidencial” no que defende literalmente que: “a maior desigualdade, maior felicidade”, argumentando que nas situacións de desigualdade cobra valor o “factor esperanza” definido como “a expectativa de que os cidadáns mais pobres irán prosperando conforme o país continúe crecendo”. Esta afirmación compadécese mal coa tese de Piketty de que “os propietarios do capìtal son cada vez mais ricos mais rápido que o resto da poboación”. Tentando contrastar ou refutar o opinión de Rallo, buscamos a relación de países mais desiguais do mundo de acordo co índice Gini e de países con maior grao de felicidade, de acordo co informe da ONU, co obxecto de atopar algunha intersección entre ambos conxuntos, atopando o seguintes resultados:
a) Países, por este orde, con maior índice de desigualdade: Seychelles, Comores, Namibia, Suráfrica, China, Botswana, Surinam, Haití, Honduras e Zambia.
b) Países, por este orde, con maior índice de felicidade: Noruega, Islandia, Suíza, Finlandia, Holanda, Canadá, Nova Zelandia, Australia, Suecia e Israel.
Mesmo se miramos os países que tiveron un maior crecemento económico en 2016 (polo “factor esperanza”), tampouco ningún deles está entre os mais felices: Iraq, Birmania, Costa de Marfil, India, Laos, Tanzania, Cambodja, Bangladesh e Senegal.
Parece que as opinións expresadas polo señor Rallo sofren a oposición da estatística, disciplina moi cara para a ciencia económica, como é sabido.

A pregunta polo contido da felicidade é tan antiga coma a propia existencia humana e non parece probable que o milagre matemático de Al-Khwarizmi teña resolta esta cuestión. Cabe interpretar que os consultores da ONU teñan establecido as condicións obxectivas facilitadoras do benestar, independentemente da percepción (subxectiva) que cada individuo teña da vida que vive, polo que, neste senso, poden proporcionar unha información valiosa de cara á xestión da “cousa pública”. Mais alá desta cuestión hai outra, a dignidade humana, que os filósofos tenden a vincular  coa capacidade de decisión, coa liberdade derivada do “ser racional” propio de humanos e humanas. Kant dicía que o ser humano ten dignidade, non ten prezo, e dita categoría procede do seu carácter racional que o define como libre. Como consecuencia, non centraremos a nosa reflexión tanto na subxectividade do “ser feliz” como no “ser libre”, mais doado de avaliar aínda que non exento, tampouco, de subxectividade. Dende a experiencia profesional, temos visto como un alumno ou alumna tense esforzado para poder percorrer o camiño escollido, v.g. o exercicio da medicina, pero non o ten acadado porque lle faltaron dúas centésimas para entrar nas universidades públicas. Ao mesmo tempo, outro alumno ou alumna, realizando un esforzo inferior, conseguíu a liberdade de acceder á práctica médica a través das universidades privadas.
Velaí a eiva que o señor Rallo non ve ou non quere ver, a desigualdade económica, de acordo coa súa expresión na realidade, dificulta a aplicación do fundamento que comparten todas as democracias, polo menos dende unha perspectiva formal, a igualdade en dereitos e liberdades de todos os cidadáns. Este feito resulta especialmente esmagador para aquelas persoas que pola súa curta idade non son responsables das circunstancias nas que realizan a opción fundamental da súa vida, opción que non poden facer en liberdade mais que aqueles e aquelas que teñen un respaldo económico do que a maioría carece. En síntese e para rematar, non podemos establecer, estritamente, a ecuación: igualdade=felicidade pero resulta incuestionable a negación desta outra: desigualdade=dignidade.

Publicado no Progreso o 25-3-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario